DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística abre o prazo de matrícula para os cursos de formación en lingua galega

A oferta comprende seis modalidades de nivel inicial, intermedio e específicos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 27/09/2007

No seu camiño para contribuír á promoción e utilización da lingua galega nas actividades da universidade, a Area de Normalización Lingüística presenta para este primeiro cuadrimestre unha ampla oferta de cursos de galego.
En total, a matrícula está aberta para inscribirse en seis modalidades de galego que comprenden tanto o nivel inicial, como un intermedio e varios cursos específicos. A solicitude debe formalizarse a través da plataforma Bubela ata o vindeiro 11 de outubro.

A oferta de cursos

Dentro do nivel inicial, o curso de extensión cultural está dirixido a estudantes de intercambio sendo de modalidade presencial. Tamén neste mesmo nivel, impartirase un curso Celga 1, un programa semipresencial de iniciación á lingua galega para persoas sen coñecementos desta.
No nivel intermedio impartirase o curso Celga 4, tamén semipresencial pero para persoas con competencia en galego.
Xa dentro dos contidos específicos, a Área de Normalización Lingüística oferta un curso de redacción de textos escritos, outro de galego oral e un de galego científico-técnico. O primeiro deles terá carácter virtual, mentres que os dous últimos serán presenciais.
Está previsto que a docencia de todos os cursos comece entre o 15 e o 16 de outubro e poderán validarse por dous créditos de libre elección. Unha vez pechado o período de matrícula, deberase contar cun mínimo de 10 alumnos para poder impartir a docencia, sendo o número máximo de 35 estudantes. As clases terán lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución, pero poderán realizarse no Campus de Pontevedra e Ourense de reunirse un número mínimo de 10 persoas.
Estes cursos son gratuítos para todos os membros da comunidade universitaria e terá un prezo de 50 euros para o público en xeral.