DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden presentarse ata día 19 deste mes de setembro

A Área de Normalización Lingüística destina 12.000 euros a fomentar o uso do galego nas teses de doutoramento, TFG e TFM

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 09/09/2022

Ata o vindeiro 19 de setembro permanecerá aberto o prazo de solicitude das Axudas para redactar e defender en galego teses de doutoramento e dos Premios á Calidade Lingüística nos Traballos Fin de Grao e Mestrado correspondentes ao curso 2021/2022. O fin desta convocatoria é incentivar o uso do galego tanto nas teses como nos TFG e TFM realizados polo estudantado da Universidade de Vigo, así como premiar o esforzo e o rigor de lle dar un tratamento coidado ao idioma e incrementar o patrimonio dos textos redactados. 

En total, a Área de Normalización Lingüística destina un total de 12.000 euros para estas axudas, que se repartirán cunha contía individual máxima de 600€ no caso das teses de doutoramento e de 150€ no caso dos TFG e TFM.

Cualificación mínima de 9 para TFG e TFM

Para solicitar estas axudas, o alumnado da Universidade de Vigo deberá ter presentado e defendido a tese de doutoramento, TFG ou TFM entre o 1 de setembro de 2021 e o 16 de setembro de 2022, quedando excluídos os traballos fin de grao das titulacións de Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega), de Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e de Tradución e Interpretación (Galego-Francés). No caso dos TFG e dos TFM requírese unha cualificación mínima de 9. Tanto as teses como os traballos deben estar redactados de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).

As persoas interesadas deberán realizar a súa solicitude obrigatoriamente a través dun formulario en liña dispoñible na sede electrónica da Universidade, incluíndo unha declaración do seu director ou directora da tese ou do titor ou titora do TFG ou TFM que confirme que o traballo se redactou e se defendeu integramente en lingua galega.

A Sección de Axudas e Bolsas efectuará a adxudicación, dando prioridade ás solicitudes admitidas de teses de doutoramento. No caso de que o orzamento non sexa suficiente ordenaranse por nota media do expediente académico de grao. Se non se esgota o orzamento dispoñible, o crédito restante repartirase entre os TFG/TFM que cumpran os requisitos ata un máximo por persoa de 150€, cun mínimo de 60€ ordenados por nota do traballo. 

Ademais de lanzar estas axudas, a ANL ofrece apoio lingüístico e asesoramento ao alumnado que se atopa inmerso na elaboración tanto das súas teses de doutoramento como dos TFG e TFM. As e os estudantes poden empregar o servizo de consulta lingüística e terminolóxica da ANL, contar con asesoramento na corrección das teses e consultar o manual Na universidade avanza co galego. Guía para mellorar a redacción do TFG e do TFM.