É o único candidato que se presenta ao cargo
Arno Formella opta á reelección como director da Escola Superior de Enxeñaría Informática
A votación da xunta de centro terá lugar o martes 24 de marzo
A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense está a celebrar eleccións para renovar a súa dirección, tras cumprir o actual equipo, encabezado polo profesor Arno Formella, os tres anos de mandato desde que foi elixido en 2023. Este venres realizouse a proclamación definitiva de candidaturas e a única proposta presentada é a de Arno Formella, que optará á súa reelección. A votación da xunta de centro terá lugar o vindeiro martes 24 de marzo.
Procedente da Universidade de Saarland (Alemaña), onde obtivo o título de doutor no ano 1993, Arno Formella incorporouse no curso académico 1999/2000 á Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo. É profesor do Departamento de Informática, responsable do Laboratorio de Intelixencia Artificial LIA2 e coordinador do programa de doutoramento en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables. Foi o primeiro director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, desde a súa implantación no ano 2015 ata o ano 2020, e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática desde o ano 2023 ata a actualidade. Polo seu traballo de docencia, de investigación e de transferencia ten actualmente seis quinquenios e cinco sexenios recoñecidos, destacando no eido da enxeñaría informática o desenvolvemento dos sistemas operativos de abordo dos primeiros picosatélites da UVigo (XatCobeo, HumSAT-D e Serpens).
Continuidade e novos retos
O equipo co que se presenta á dirección da escola é de continuidade, estando formado por Alma Mª Gómez, Mª Encarnación González, Adrián Seara, Francisco Javier Rodríguez e Eva Mª Lorenzo Iglesias. Así, agradecendo e pondo en valor o traballo realizado polo equipo durante a etapa que agora remata, Arno Formella salienta que a decisión de volverse a presentar tomouna tendo en conta que “todo o equipo anterior tomou a decisión de afrontar o reto de continuar e prestar o seu tempo, as súas gañas e a súa ilusión para manter a ESEI a flote”.
No mandato desenvolvido, subliña Arno Formella, a Escola Superior de Enxeñaría Informática non deixou de medrar, coa implicación dos diferentes colectivos universitarios (alumnado, persoal docente e investigador e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos). Neste senso destaca que na actualidade os dous graos que nela se imparten (Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial), os dous mestrados (Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial) e os programas conxuntos que oferta (Enxeñaría Informática-Intelixencia Artificial, e Enxeñaría Informática-Administración e Dirección de Empresas) e o Programa Académico con Percorrido Sucesivo de Grao e Mestrado de Enxeñaría Informática, “en conxunto xa suman a case 1000 estudantes, cifra que nos sitúa no posto cinco de todos os centros da Universidade de Vigo”. Neste mapa de titulacións, o responsable académico subliña que este curso académico sairá ao mercado laboral a primeira promoción de graduadas e graduados en Intelixencia Artificial e a posta en marcha tamén este curso do “dobre grao" de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática, “como nova oferta que complementa o abano no eixe da informático en Ourense”.
Entre os retos para a nova etapa que se abrirá en caso de saír elixido, Arno Formella subliña que está “mellorar os recursos dispoñibles para afrontar os futuros retos con tal cantidade de estudantes e profesorado”. Entre os aspectos concretos a desenvolver nun novo mandato, que xa tería unha duración de seis anos, apunta que está implantar a modificación do Plan de Estudos do Grao en Enxeñaría Informática segundo as novas normas, competencias e mencións, “ou dito noutras verbas: modernizar estes estudos, xa que o plan actual xa ten os seus 17 anos, con lixeiras modificacións no camiño”.
