DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ignacio Crespo foi o relator da "I Xornada de Arqueoloxía"

A arqueoloxía subacuática, unha opción de futuro para os estudantes de Historia

O obxectivo é recuperar o patrimonio somerxido

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 26/03/2008

O mundo da arqueoloxía subacuática preséntase como un novo campo laboral para os estudantes de Historia e, máis concretamente de Arqueoloxía. Así o expuxeron na I Xornada Arqueolóxica, organizada pola delegación de alumnos da Facultade de Historia, o fundador e varios compoñentes da empresa Argos, primeira de Galicia especializada en arqueoloxía subacuática e orientada cara a xestión do patrimonio.
“Os restos que atopamos no fondo do mar pertencen ao noso patrimonio, do mesmo xeito que os terrestres, pero son moito máis difíciles de controlar e conservar. A arqueoloxía subacuática comeza a tomarse agora en serio coma unha posta en valor de todo isto pero supón un reto para o sector, xa que ademais dos condicionantes meteorolóxicos para traballar baixo a auga, faltan profesionais”, explicou Ignacio Crespo, fundador da empresa, durante o seu relatorio. Precisamente a escaseza de xente formada neste ámbito e de estudos científicos fan deste campo unha boa oportunidade de futuro para os alumnos de Historia.
“A idea de vir á facultade xurdiu da necesidade de que os estudantes vexan que ademais da arqueoloxía clásica, existen outras alternativas cunha demanda crecente de técnicos. Dentro de dous anos está previsto que comece a funcionar o primeiro centro de arqueoloxía subacuática de Galicia, que terá a súa sé en Vigo e que pon de releve que a administración empeza a tomar en serio ao sector. Para realizar as intervencións necesarias cómpre contar con xente preparada e non a hai, dende o País Vasco e ata o Miño hai menos de media ducia de profesionais e só na nosa autonomía xa temos máis de 1.200 quilómetros de costa” dixo.
En canto aos requisitos que teñen que ter os interesados nesta especialidade, só son imprescindibles uns coñecementos básicos de submarinismo, “salvo que se queira dirixir as obras, para o que é necesario un curso profesional” comentou Crespo. De todos os xeitos apuntou que “o que se ve debaixo da auga non se parece aos documentais de Cousteau. Nas nosas costas nun bo día pódese ver uns cinco metros ao redor e o traballo ten certas complicacións que non ten a arqueoloxía terrestre”.

Unha profesión falsamente asociada aos “cazatesouros”

Ademais engadiu que “cómpre desmitificar esta profesión, moi diferente da imaxe que transmiten os medios, que, na maior parte dos casos, se limita a espoliadores e piratas. A arqueoloxía subacuática é unha disciplina científica de investigación que non ten en ningún caso ánimo de lucro e que require de recompilacións documentais previas inxentes, non de mapas do tesouro” explicou Crespo aos asistentes, na súa maioría estudantes de arqueoloxía. “Un xacemento non ten valor monetario, o que supón é incalculable porque é unha cápsula do tempo, contén información histórica de primeira” dixo, aínda que recalcou o feito de que “máis do 90% dos pecios están espoliados e as súas pezas se venden en Internet pola lexislación permisiva do Reino Unido e EEUU”.
En contraposición a estas “aberracións contra o patrimonio, o éxito de iniciativas como a exposición celebrada en Vigo polo quinto centenario da Batalla de Rande, Arde o mar, que rexistrou 250.000 visitas nuns meses, sen presentar ningún resto auténtico dos pecios orixinais, supón unha chamada de atención sobre o interese que esperta o tema na sociedade”.