DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional organizado polo grupo LVTC da Universidade

A arquitectura da lingua inglesa modélase en Vigo

Participan 60 especialistas de universidades inglesas, alemás, escocesas, belgas...

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 25/05/2018

A cidade de Vigo converteuse esta semana no centro neurálxico da investigación en lingüística inglesa, xa que este foi o lugar elixido para celebrar o congreso internacional Modellig the linguistic architecture of English: theories and methods, un encontro no que se contou coa participación de 60 especialistas en lingüística inglesa (sénior, posdoutorais e predoutorais) procedentes das tres universidades galegas, inglesas, alemás, escocesas, belgas, suízas e finlandesas, entre outras nacionalidades.

A cita tivo lugar este xoves e venres no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, Marco, e estivo organizada polo grupo de investigación Language Variation and Textual Categorisation, LVTC, da Universidade de Vigo e a rede de investigación English Linguistics Circle, financiada pola Xunta de Galicia e formada por grupos das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. A idea partiu do grupo vigués, máis concretamente dos profesores Javier Pérez Guerra e Elena Seoane, e tivo o apoio científico e económico da rede, liderada pola profesora Teresa Fanego, da Universidade de Santiago de Compostela. 

“O noso obxectivo é crear un foro, probablemente periódico, de carácter marcadamente internacional sobre as metodoloxías máis innovadoras na investigación lingüística empírica, aplicada ao estudo da lingua inglesa”, recalca o profesor Pérez Guerra, quen tamén explica que a celebración en Vigo desta xuntanza supón fornecer a posición internacional do grupo de investigación LVTC da Universidade de Vigo e da rede galega ELC no ámbito académico e científico da lingüística inglesa, así como ofrecer unha formación moi especializada aos investigadores/as noveles.

Inglés británico vs americano, comunicación dixital e lingua...

O evento contou coa prensenza de conferenciantes plenarios/as procedentes das universidades de Lancaster, Munich, Dortmund e Glasgow, así como de investigadores e investigadoras procedentes de distintos países. Entre outras temáticas afondaron en cuestións como as diferenzas entre o inglés británico e americano na actualidade, eixe no que se centrou a conferencia inaugural do congreso,  impartida por Paul Baker da Lancaster University. Foi o punto de arranque dun encontro no que se tratou, entre outros moitos temas, das derivas previsibles en cada variedade proporcionadas por modelos estatísticos; o efecto preditivo da historia do inglés na descrición das variedades centrais poscoloniais desta lingua e a aplicación de ferramentas informáticas avanzadas á explicación teórica do inglés mediante corpus electrónicos de textos.
Ao longo das diferentes intervencións tamén se afondou no cambio lingüístico e sociolingüístico en comunidades monolectais que pasan a empregar unha variedade de dialectos, caso por exemplo do bidialectalismo, nas principais estratexias lingüísticas de persuasión e emoción e, dada a realidade social actual, na presenza da comunicación dixital e as súas consecuencias na lingua.

LVTC, lingüística inglesa con selo vigués

O grupo LVTC da Universidade de Vigo, impulsor desta iniciativa, foi nomeado grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia. Na actualidade está formado por unha ducia de docentes e investigadores/as da Facultade de Filoloxía e Tradución e varios investigadores/as de pre e pos doutoramento, que contan co apoio e colaboración de membros afiliados pertencentes ás universidades de Liverpool, Cantabria, Illes Balears e Valencia, así como da Escola Oficial de Idiomas, e do ensino medio.

Ademais do seu labor investigador as e os integrantes do LVTC organizan de xeito habitual diferentes seminarios, conferencias e talleres internacionais dirixidos por especialistas de prestixio no campo da lingüística inglesa. Nesta ocasión, para a organización deste congreso contaron coa colaboración, ademais da propia rede ELC, do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, do Consello Social e do Programa de Doutoramento en Estudos Ingleses Avanzados. “Ademais, tamén nos gustaría destacar o apoio institucional do Concello de Vigo e do Marco”, recalcou Pérez Guerra.