DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes estiveron en Vigo e, en breve, desprazaranse a Pontevedra e Ourense

Arracan no campus as actividades dunha nova xeración de ‘axentes do cambio’

Son nove alumnas voluntarias encargadas de difundir a Axenda 2030 e os seus valores entre o alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 11/03/2025

A UVigo conta xa cunha nova xeración de ‘axentes do cambio’, un grupo de nove alumnas dos tres campus dispostas a espallar entre toda a comunidade universitaria a Axenda 2030 e os seus valores, así como a adopción de hábitos sustentables. Levan meses formándose e este martes arrancaron na Escola de Enxeñaría Industrial, aproveitando a inauguración do Foro Tecnolóxico de Emprego, as campañas presencias que as levarán aos tres campus.

Como en anos anteriores o voluntariado desenvolverase durante todo o segundo cuadrimestre e, ademais das actividades presenciais, entre elas xogos e sorteos, realizarán tamén diferentes campañas en redes. Trátase de animar, sobre todo ao estudantado, a coñecer máis sobre a Axenda 2030 e a reflexionar sobre os seus hábitos e pensamentos sobre a sustentabilidade. 

Defínense a si mesmas como persoas comprometidas co desenvolvemento sostible, coa función de amosar ao alumnado universitario, “de igual a igual”, sobre que é a Axenda 2030,  para construír “entre todas e todos, unha universidade sostible”. Buscan “sensibilizar” sobre o momento crítico no que se atopa a sociedade e da necesidade de mudar hábitos, crenzas e comportamentos para contribuír á defensa do planeta e acadar un mundo máis solidario, xusto e inclusivo.

Nove alumnas dos tres campus comprometidas co cambio

Nesta ocasión o grupo de voluntarias de ‘axentes do cambio’ está composto por nove alumnas: seis do campus de Vigo, dúas do de Pontevedra e unha do de Ourense. As encargadas de atender esta mañá o posto da EEI foron Lucía Blanco Carballo, do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, e Laura Betacourt Morales, estudante de Relacións Laborais e Recursos Humanos, acompañadas por un grupo de persoas voluntarias da cooperativa galega Somos Terra, colaboradora habitual desta actividade.

Completan o grupo de voluntarias as alumnas Fátima Martínez Fernández, do Grao en Linguas Estranxeiras; Ivanna Lourdes Fanin Oplakaniec, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Marta Vila Giráldez, de Ciencias do Mar; Milagros Suárez Rey, de Bioloxía; Laura González Antuñano, Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte; Carolina Muñiz, da Facultade de Comunicación, e Saray Rodríguez, da Facultade de Dereito.

A xira continúa a vindeira semana en Pontevedra

A xira polos tres campus continuará o vindeiro luns 17 no campus de Pontevedra, de 10.30 a 14.00 horas na Facultade de Comunicación, no exterior se o tempo o permite. A primeira visita ao campus de Ourense será o martes 25, neste caso no exterior do edificio de Ferro no mesmo horario.