DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Instituto Internacional de Ciencias Espaciais acolle esta semana a súa primeira reunión

Arranca en Berna o estudo sobre o impacto do cambio climático nas capas altas da atmosfera liderado desde a UVigo

Na iniciativa participa un equipo de once institucións de sete países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 12/01/2023

O  pasado mes de maio, o Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) escolleu ao físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel para liderar un equipo internacional que estudará durante dous anos os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. Esta semana, o equipo celebra na sede do ISSI, na cidade suíza de Berna, a súa primeira reunión presencial.

No proxecto participan once institucións de sete países, estando ademais da UVigo a Universidade de Oxford, a Nasa, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR), o Centro de Investigación Antártica de Reino Unido, a Charles University de República Checa, o Instituto Nacional de Investigacións Avanzadas da India, o Instituto Meteorolóxico de Finlandia, o Instituto Meteorolóxico dos Países Baixos e a Universidade de Leeds. Por parte da Universidade de Vigo participan Juan Antonio Añel, como líder do proxecto, e Laura de la Torre, ambos físicos do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

Atmosfera, orbitación de satélites e lixo espacial

“Nesta primeira reunión presencial do que estamos a falar é das cousas que eran o obxectivo inicial do equipo”, explica Juan Antonio Añel. Así, lembra, os obxectivos marcados no proxecto son varios. En primeiro lugar, sinala, “avaliaremos en que estado nos atopamos para monitorizar os impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera, xa que agora mesmo temos unha gran falla de datos e sistemas de observación e as misións de satélite previstas nos próximos anos non solucionan estes problemas”. O coñecemento actual sobre os impactos do cambio climático, lembra o investigador, segue “moi restrinxido” á superficie e á parte máis baixa da atmosfera do planeta. O proxecto tamén se propón construír unha base de datos de observacións da atmosfera media para poder estudar mellor ditos impactos e cuantificar o impacto das emisións dióxido de carbono na ionosfera e certas propiedades da atmosfera alta, tales como a densidade de electróns. “Isto é importante porque está afectando á navegación de satélites e ao seu tempo de reentrada na atmosfera e aumentando o tempo de permanencia en órbita do lixo espacial e polo tanto aumentando a súa cantidade”, sinala. Por último, no marco desta iniciativa farase un informe con recomendacións sobre como solucionar estes problemas.

Segundo indica o físico da UVigo, na sesión de traballo que desenvolven en Berna desde o luns e ata este venres “colleu importancia e falamos bastante dos problemas que podemos ter para monitorizar os impactos do cambio climático nas capas altas da  atmosfera, sobre todo tras a perda inesperada a finais de novembro dun dos poucos satélites máis recentemente lanzados con ese propósito, ICON, que deixou de responder o pasado 25 de novembro”. Tamén, engade, “falamos da organización en Ourense cara o verán de 2024 do Congreso TRENDS 2024, sobre os impactos do cambio climático na alta atmosfera, que se nos vén de encargar”.

Este proxecto, apunta por último Juan Antonio Añel, ten a súa base no traballo que se realiza dende hai case dúas décadas en Ephyslab e supón un recoñecemento a esta traxectoria. O Instituto Internacional de Ciencias Espaciais, lembra, “funciona como instituto de investigacións avanzadas de referencia internacional no eido espacial, especialmente dedicado ao estudo da influencia do sol sobre a terra e ciencias planetarias, que facilita a investigación en colaboración de todas as axencias espaciais dos diversos países”. O ISSI está financiado principalmente pola Axencia Espacial Europea, a Academia de Ciencias de Suíza e a Axencia Espacial de Xapón e conta coa participación de institucións como o Centro Nacional de Investigacións Espaciais de China, o Instituto de Investigación Espacial de Rusia e a Nasa. Neste contexto, o proxecto liderado pola Uvigo foi un dos seleccionados por este instituto na súa convocatoria anual para financiar equipos de traballo nos temas máis relevantes do momento en investigación espacial e monitorización da terra.