DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estará dispoñible ata o 30 de xuño cun percorrido de tres quilómetros e seis paradas

Arranca no campus o programa piloto do coche autónomo conectado

Con capacidade para oito persoas, funciona de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/02/2026

O coche autónomo conectado, presentado hai apenas uns días, xa está en funcionamento.  A estrea foi este mércores, polo que, desde hoxe e ata o vindeiro 30 de xuño, circulará polo campus para ser empregado libremente por calquera persoa que precise desprazarse dun lugar a outro do campus.

Cun percorrido circular de tres quilómetros e seis paradas -Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, edificio Exeria, biblioteca, Ciencias Económicas e Empresariais, Citexvi, Ciencias Experimentais e Escola de Enxeñería Industrial- o vehículo, desenvolvido polo CTAG e cunha capacidade para 8 persoas, chega ao campus vigués grazas a un proxecto de colaboración coa Universidade de Vigo, co impulso da Xunta de Galicia, para o desenvolvemento conxunto de actividades relacionadas coa ciberseguridade, a conectividade vehicular e o transporte intelixente.

A petición da Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, durante estes cinco meses no que funcionará como programa piloto probaranse dúas rutas diferentes con dous horarios distintos, e medirase o uso e a frecuencia de cada unha delas, co fin de analizar se este servizo podería ser de interese para darlle continuidade. 

Consulta en liña de percorridos, horarios e localización en tempo real

Na web pode consultarse a información sobre o percorrido actual, os horarios e a localización en tempo real e, a maiores, tamén se pode acceder a toda esta información mediante o código QR incluído nos carteis que se van colocar nos centros e nas paradas -xa dispoñibles na web-. Os cambios nos percorridos e horarios serán anunciados con antelación. Nesta primeira fase o horario de funcionamento é de  luns a venres, entre as 8.30 e as 14.30 horas.

O vehículo autónomo conectado non só facilita o traslado de persoas entre edificios, senón que permite validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, cun terreo desafiante e unha comunidade moi ampla de potenciais persoas usuarias, un proxecto que, tal e como se explicou durante a súa presentación, sitúa á comunidade galega á vangarda tecnolóxica internacional no ámbito da mobilidade intelixente.