DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actos celebrados este venres nos tres campus nos que tamén deron a coñecer os programas

Arranca a conta atrás para o inicio da campaña electoral coa presentación dos equipos das tres candidaturas 

ConSenso destaca a “pluralidade”, H2040 a “cohesión” e Nós Universidade a “capacidade”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Eleccións
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 17/04/2026

Jacobo Porteiro, Carmen García Mateo e Belén Rubio presentaron este mediodía nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, as persoas que integran as candidaturas e liñas programáticas básicas coas que concorrerán ás eleccións á Reitoría da UVigo. Coas ausencias hoxe, salvo no caso de ConSenso, das persoas que ocuparán a Xerencia, as candidatas e o candidato desvelaron as identidades dunha trintena de aspirantes a ocupar as vicerreitorías e a Secretaría Xeral nos seus respectivos equipos de goberno.  

No campus de Vigo, o candidato de ConSenso foi o máis madrugador en dar a coñecer este venres, o día fixado no calendario electoral para este fin, as e os integrantes dun equipo do que destacou “a pluralidade”. Jacobo Porteiro tamén debullou, en paralelo á presentación de quen integraría o seu equipo de goberno, caso de gañar as eleccións, algunhas das súas liñas programáticas fundamentais co obxectivo de “modernizar, humanizar e gobernar con diálogo e transparencia”. 

Medía hora máis tarde, o campus de Pontevedra escenario da presentación da candidatura liderada por Belén Rubio, quen destacou que se trata dun “equipo cohesionado” e caracterizado polo “liderado institucional”. A candidata de H2040 asegurou que “o noso modelo é o dunha Universidade pública e feminista, pero tamén inclusiva e igualitaria”, nun acto no que presentou o perfil das e dos integrantes da súa candidatura e os retos e liñas programáticas de cada área.

Contra o mediodía, o  campus de Ourense acolleu a presentación do equipo liderado por Carmen García Mateo, que a candidata a reitora definiu como “cohesionado e capaz” e que “aúna experiencia institucional e xuventude renovada”. Sobre a súa proposta, García Mateo falou dun alegato colectivo “por unha Universidade pública, moderna e orgullosa de si mesma”, apostando por un proxecto que quere “renovar o impulso innovador co que naceu e creceu a Universidade de Vigo”.

Realizadas as presentacións dos equipos e liñas programáticas, a campaña electoral á Reitoría comezará o vindeiro luns, 20 de abril, con actos programados por cada unha das tres candidaturas nun campus.

ConSenso: unha PTXAS para a Secretaría Xeral nunha candidatura “plural”

“Encantado” asegurou sentirse Jacobo Porteiro do equipo que construíu desde o pasado mes de novembro de do que destacou “a pluralidade, a confianza para que me digan se me equivoco chegado o caso e as distintas formas de ver a UVigo”. No salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, o candidato de ConSenso, presentou ás 12 persoas que conforman o seu equipo, no que conflúen a veteranía en cargos de xestión, como é o caso do candidato á Xerencia, Manuel Fernández Jaúregui, e o da candidata á Vicerreitoría do campus de Ourense, Elena Rivo, que xa desempeñaran precisamente estas funcións no pasado. Fronte a eles a novidade e mocidade dos aspirantes ás vicerreitorías de Estudantado e Comunicación, David Tizón e Javier Abuín, respectivamente. Non obstante, é a candidatura á Secretaría Xeral dun membro do PTXAS a principal novidade da lista electoral de ConSenso, ao ser a primeira vez na historia da UVigo que un membro do persoal técnico de administración e servizos, neste caso a actual xefa do Servizo de Asesoría Xurídica, María José Pousa, é elixido para ocupar o cargo.

Porteiro, que apostou por presentar en paralelo as persoas que integran a súa candidatura e as liñas básicas do seu programa electoral, referiuse a quen fora xerente co reitor Salustiano Mato, Manuel Fernández Jáuregui, como “a persoa ideal para planificar a Universidade e os servizos e evitar construír un goberno”. Pola súa banda, "co obxectivo de facer algo novidoso nesta casa que é contar co PTXAS”, Porteiro argumentou a decisión de candidatar a María José Pousa, funcionaria de carreira da UVigo, á Secretaría Xeral, que “apoiará o bo funcionamento da institución e reforzará a transparencia”.

O candidato de ConSenso incidiu na importancia dos campus de Ourense e Pontevedra e a necesidade de avanzar “na súa dinamización, planificación e modernización” da man da ex vicerreitora e actual directora das cátedras de Empresa Familiar e Coren, Elena Rivo; e do catedrático e ex decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela, respectivamente. 

“Co obxectivo de seguir medrando como universidade cómpre atraer estudantado e talento internacional”, explicou Porteiro, que decidiu contar con Elena Rapaport, vicedecana de Relacións Internacionais e Innovación na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, para o cargo de vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, “porque ten unha visión diferente e máis ampla”. No caso do profesor de Lingua e Lingüística Inglesas David Tizón e do profesor axudante doutor na Facultade de Comunicación e coordinador do Máster en Comunicación Social Media e Creación de Contidos Dixitais, Javier Abuín, candidatos ás vicerreitorías de Estudantado, Cultura, Lingua e Vida Universitaria, dunha banda, e de Comunicación e Relacións Institucionais doutra, Jacobo Porteiro destacou o valor da súa mocidade para “reconectar co estudantado” no caso de Tizón, e para “achegar a UVigo á sociedade” no de Abuín.

Pola súa banda, “a súa moitísima experiencia” é o que Porteiro destacou do catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil, candidato á Vicerreitoría de Transferencia de Coñecemento e Emprendemento. Para o candidato de ConSenso é esencial “difundir de xeito diferente a nosa investigación, pero tamén o coñecemento”. En relación coa elección do docente na área de Enxeñería Mecánica da Escola de Enxeñería Industrial e ex director da Área de Calidade da UVigo, Joaquín Collazo, como candidato á Vicerreitoría de  Profesorado e Innovación Docente, Porteiro destacou “a necesidade de darlle unha volta á forma de computar a docencia e a abordar a remuda xeracional”.

Da catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular e subdirectora de CINBIO, Diana Valverde, Jacobo Porteiro referiuse “á súa enorme cultura científica”, que poría ao servizo da Vicerreitoría de Investigación e Divulgación Científica. Mentres, no caso de Patricia Valcarcel, profesora titular de Dereito Administrativo e ex vicerreitora de Profesorado e Asuntos Académicos e candidata á Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Planificación, o candidato de ConSenso sinalou o valor de contar un perfil do ámbito do Dereito na tarefa de simplificar procesos e mellorar o servizo público.

“Impulsar unha soa UVigo con tres campus. Modernizar, humanizar e gobernar con diálogo e transparencia”, son as liñas estratéxicas do proxecto formulado por ConSenso, rematou Jacobo Porteiro, que incidiu fío condutor de “poñer ás persoas no centro e construír unha Universidade máis forte, xusta e preparada para os retos dos próximos anos”. 

H2040: “liderado institucional e visión estratéxica” 

A sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra foi o escenario escollido por H2040 para presentar as e os integrantes da candidatura liderada por Belén Rubio, quen destacou que se trata dun “equipo cohesionado” e caracterizado polo “liderado institucional”, dada a experiencia das e dos seus integrantes en diferentes cargos de xestión. Esta, engadiu a candidata a reitora, achégalles “unha visión estratéxica” que permite articular “unha proposta de futuro” para a UVigo, “porque coñecemos o presente, o que nos permite ter moi claro os retos que temos que afrontar”. Rubio subliñou nese senso que a institución académica atópase “nunha etapa decisiva”, na que “temos moitas transformacións por diante, tecnolóxicas, sociais e ambientais”. 

A candidata de H2040 destacou tamén a consecución dunha “igualdade real e efectiva” como un dos eixes do seu proxecto, anunciando que, no caso de ser elixida, esta área sería asumida desde a Reitoría. “O noso modelo é o dunha Universidade pública e feminista, pero tamén inclusiva e igualitaria”, salientou Rubio, que foi presentando tanto o perfil das e dos integrantes da súa candidatura como os retos e liñas programáticas de cada área.

A proposta de H2040 para a Secretaría Xeral é a actual responsable deste órgano, a catedrática de Dereito Romano María José Bravo Bosch, que, no caso de ser elixida, afrontaría retos como “a simplificación a administrativa, a seguridade xurídica, a transparencia e a participación”. A decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, asumiría a Vicerreitoría de Comunicación e Normalización Lingüística, co propósito de “proxectar a Universidade cara a sociedade e reforzar a súa identidade, co galego como un elemento estratéxico”, buscando “reforzar” o seu uso na docencia, investigación e actividades culturais. O catedrático de Comercialización e Investigación de Mercados e director adxunto de Ecobas, Pablo Cabanelas, é o candidato á Vicerreitoría de Economía, Estratexia e Emprendemento, “un perfil orientado á captación de recursos e ao impulso dunha Universidade sostible e conectada co tecido produtivo”. 

A profesora de Fisioterapia e actual vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, sería a Vicerreitoria de Estudantado e Captación, que asumiría, no caso de ser elixida, “un compromiso directo co estudantado, situándoo no centro da acción universitaria”. Profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Alma Gómez é a proposta de H2040 á Vicerreitoría de Extensión Universitaria, que tería como retos promover “a apertura á sociedade e a participación en eventos de extensión universitaria”; mentres que o actual vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, o profesor do Departamento de Física Aplicada Félix Quintero é o candidato a vicerreitor de Planificación e Infraestruturas, que tería como “gran reto o mantemento e a modernización das infraestruturas”, acompañada á súa vez “da sostibilidade ambiental”, salientou Rubio.

Por outra banda, a Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación ao Desenvolvemento sería asumida por Iago Pozo, profesor na área de Explotación de Minas e actual director da Área de Promoción da Internacionalización, que se encargaría da potenciación dos “programas internacionais, da cooperación e a atracción de talento, fundamentalmente estranxeiro”. Catedrático de Estatística e director adxunto de transferencia do CITMaga, Javier Roca é o candidato á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia, cos retos de “acadar máis financiamento competitivo e ir cara novos modelos de transferencia moitos máis transversais e colaborativos”, así como promover a simplificación dos procedementos administrativos. A Vicerreitoría de Profesorado, Ordenación Académica e Titulacións sería asumida pola actual vicerreitora de Profesorado, a catedrática de Fisioloxía Vexetal Adela Sánchez Moreiras, que afrontaría retos como “a remuda do profesorado” ou a implantación de novas titulacións. Luis Álvarez Sabucedo, profesor de Enxeñaría Telemática e subdirector de atlanTTic, encargaríase da Vicerreitoría de Transformación Dixital, que afrontaría os retos da dixitalización e a “simplificación electrónica de procesos”. 

Completan o equipo de H2040 o catedrático de Botánica e actual vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, como candidato a continuar neste cargo, e a profesora da área de Didáctica de Expresión Musical Sara Domínguez como candidata á Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Ambos tomaron a palabra nun acto no que Rubio sinalou como retos a expansión do campus pontevedrés e a consolidación do Campus Crea, así como a captación de talento e a potenciación do Campus Auga en Ourense. A este equipo sumaríase á súa vez unha “proposta de xerencia excelente, unha persoa con moita experiencia”, apuntou Rubio.

Carmen García Mateo: un equipo “para renovar o impulso innovador da UVigo”

Ao campus de Ourense correspondeulle a presentación da candidatura á Reitoría de Carmen García Mateo, de Nós Universidade. A súa proposta, sinalou, preséntase como un alegato colectivo “por una universidade pública, moderna e orgullosa de si mesma”, apostando por un proxecto que quere “renovar o impulso innovador co que naceu e creceu a Universidade de Vigo”. Nun momento no que, dixo, “é preciso un liderado sereno, próximo, e por que non, que ao fronte del estea unha muller”, García Mateo adiantou que a folla de ruta da súa candidatura articúlase en tres principios, que denominou o ADN do cambio, e que dixo son froito do diálogo establecido estes meses cos diferentes colectivos da comunidade universitaria. 

O primeiro destes tres eixos, explicou a candidata, é “que todas as persoas contan”, subliñando que o primeiro piar do seu equipo “é o compromiso co capital humano” xa que, afirmou, “unha universidade sen persoas coidadas é só un conxunto de edificios”. O segundo eixo apuntado por Carmen García Mateo é o de pasar “do minifundismo ao proxecto común”, sinalando que a UVigo “debe deixar de ser unha suma de intereses fragmentados para converterse nun proxecto sólido e útil para a sociedade”. Por último, apuntou un terceiro eixo, titulado “da improvisación á solvencia” que se centra no compromiso coa xestión eficaz, lembrando que “gobernar non é reaccionar, é planificar e cumprir o prometido”. En cada un destes puntos, a candidata adiantou algunha das propostas destinadas a cada un dos grandes colectivos universitarios. 

Acorde a estes eixos, a catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións apuntou que presenta un equipo “cohesionado e capaz” que “aúna experiencia institucional e xuventude renovada”, formado por dez vicerreitoras e vicerreitores e unha secretaria xeral, e que aspira a situar “á Universidade de Vigo no lugar que merece tanto por talento como por historia”. García Mateo subliñou que o elemento diferencial da súa candidatura non é o programa, senón o equipo que o fai posible, destacando o seu carácter paritario, con presenza nos tres campus e traxectorias complementarias na investigación, a docencia, a transferencia e a xestión universitaria.

Neste equipo a proposta para a Vicerreitoría do Campus de Ourense é a de Montserrat Cruz, profesora da Área de Organización de Empresas e na Escola Superior de Enxeñaría Informática, que foi decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Para a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, a persoa elixida é Marián Fernández, profesora da Área de Educación Física e Deportiva e docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Ademais, Emma Rodríguez, profesora titular acreditada a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, ocuparía a Secretaría xeral da UVigo. 

Xosé H. Vázquez, profesor da Área de Organización de Empresas e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, é a proposta de Nós Universidade para a Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía. Pola súa banda, Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual docente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que ten sido secretaria xeral da UVigo e Valedora Universitaria, é a persoa presentada para vicerreitora de Oferta Académica. O equipo de Carmen García Mateo tamén inclúe a Manuel Martínez, catedrático do Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2, como vicerreitor de Investigación.  

Polo que respecta á Vicerreitoría de Profesorado e Persoal Investigador, a persoa proposta é Rebeca P. Díaz, catedrática na Área de Enxeñaría Telemática e directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. E a Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, recaería en Rafael Comesaña, profesor da Área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas con docencia nas escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. 

Completando este equipo Loli González, profesora titular na Facultade de Filoloxía e Tradución que ten sido vicerreitora de Estudantes, sinálase para ocuparse da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, e Xabier Martínez Rolán, profesor da Facultade de Comunicación, para ser o vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa. Por último, David Álvarez, profesor no Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e docente da escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Enxeñaría Industrial, é a proposta para liderar a Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade.