DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A festa está organizada pola Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñería Industrial

Arranca cunha chocolatada a celebración do San Pepe máis “alternativo e sostible”

As actividades deportivas e culturais prolongaranse ata o 8 abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 15/03/2022

Unha chocolatada amenizada con música e xogos na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial serviu este martes de arranque das celebracións de San Pepe 2022, unha festa organizada pola Delegación de Alumnado do centro e que este ano chega cargada de actividades “alternativas e sostibles coas que crear comunidade a afastarse da idea de botellón”, tal e como eles mesmos explican. Mañá mércores repetirán esta actividade na sede campus e por alí pasarán o reitor, Manuel Reigosa, e o director da escola, Juan E. Pardo: o xoves botarán a andar os torneos deportivos e o broche final será o venres 8 de abril coa entrega da II edición dos Premios Laranxa ao Mérito Docente para as profesoras e profesores mellor valorados.

“Queremos integrar e facer comunidade entre as persoas de todos os sectores que coexistimos na universidade”, explica o estudante Antonio Ramos, un dos delegados, ao tempo en que insiste en que se trata de facer “a nosa pequena Revolución Industrial”, promocionando os hábitos saudables, previndo as condutas de risco e dinamizando tamén a lingua galega. As actividades deportivas arrancan o xoves 17 cos torneos telemáticos de e-sports (League Of Legends e Team Fight Tactics) e xadrez, cunha primeira fase clasificatoria en liña –do 17 ao 20 de marzo- e unha final presencial, o 25 de marzo. Ademais, haberá tamén ping- pong e concurso de triplas, e en todas as competicións poderán participar tanto o alumnado, como o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos.

Coas votacións abertas a todos os alumnos e alumnas da Escola de Enxeñería Industrial, outra das grandes novidades desta edición é a entrega, por primeira vez presencial, dos Premios Laranxa ao mérito docente. Será o 8 de abril, “nunha gala chea de sorpresas” e  que ser retransmitirá a través de UVigo TV. “No momento da entrega, tras anunciar cada gañador,  proxectarase un vídeo no que se recollerán testemuñas de membros da comunidade universitaria falando das calidades do PDI ou PAS premiado”, explican desde a organización, ao que tamén engaden que lle farán chegar a cada persoa gañadora un pequeno trofeo “co que poidan ter presente ese recoñecemento outorgado polos estudantes da escola”.

A celebración instituciónal será este xoves na sede cidade

Á marxe das actividades festivas organizadas desde a Delegación de Alumnado, a celebración institucional do patrón da Escola de Enxeñaría Industrial, San Xosé, será este xoves na sede cidade da escola. O acto arrancará ás 12.00 horas coa conferencia,  Beta Implants: un proxecto de excelencia empresarial de BioIngeniería, impartida  por Bibiana Rodiño, directora xeral de BETA Implants, e a continuación terá lugar a tradicional entrega de recoñecementos: aos docentes mellor valorados segundo as enquisas realizadas ao alumnado da EEI; aos mozos e mozas investigadoras da EEI como Persoal de Investigación en Formación; ao Persoal de Administración e Servizos e aos docentes que cumpran 30 anos de antigüidade como docentes. O acto pecharase coa intervención do director da escola, Juan E. Pardo Froján, e a realización dunha foto de familia de todas as persoas participantes.