As Jornadas sobre Automatización Industrial celébranse durante toda a semana da EE Industrial
Arranca a décima edición das JAI con 70 poñentes, 2000 asistentes e un showroom con 40 expositores
O cirurxián Diego González Rivas ofreceu o relatorio de apertura
Dende que as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, botaron a andar en abril de 2004, a décima edición que arrancou este luns será máis multitudinaria da súa historia. 70 relatores, 40 horas de conferencias e mesas redondas, preto de 2000 asistentes máis de 40 expositores no showroom, unhas cifras que constatan o crecemento e consolidación destas xornadas bienais que naceron hai 20 anos como un empeño profesional e tamén persoal do profesor José Ignacio Armesto, do Departamento de Enxeñaría de sistemas e automática.
Esta décima edición celebrarase ao longo de toda esta semana na Escola de Enxeñería Industrial, que hoxe acolleu o acto oficial de inauguración no que participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera; o director xeral do CTAG, Luis Moreno; e o presidente de Dihgigal, Francisco Yáñez.
Un evento “dificilmente igualable”
Belén Rubio puxo en valor a celebración dun evento coma este nunha Universidade, a de Vigo, que non sendo politécnica, conta con varias escolas de enxeñaría. A vicerreitora destacou que a institución conta con múltiples graos relacionados coa enxeñaría, entre eles un grao dual en Automoción, así como “mestrados 2030, os do futuro”, como o de fabricación aditiva, “e todo isto representa un caldo de cultivo ideal para que Galicia progrese e prospere”. Neste contexto destacou o papel das JAI para “innovar, establecer sinerxías co sector produtivo e conectar a educación e a ciencia coa tecnoloxía e co progreso da sociedade”. Por telo conseguido felicitou ao profesor José Ignacio Armesto e ao director da EEI, José Fariña.
Todas autoridades que interviñeron na apertura coincidiron en recoñecer o esforzo, a perseveranza e a constancia de Armesto. O alcalde da cidade agradeceulle o ter organizado un evento “dificilmente igualable en ningún lugar do mundo” e lembrou que o xermolo da futura factoría de chips fotónicos está na UVigo, en concreto da man do profesor Francisco Díez. Na súa intervención, Caballero tamén puxo o foco na importancia do “control social da tecnoloxías”, porque nunha contorna con cada vez máis implantación da robótica e da intelixencia artificial, é preciso que “a sociedade acompañe, controle e se beneficie dese progreso”.
A automatización e a robótica son o presente
No acto de apertura interveu tamén o director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso, que se amosou emocionado de regresar á escola na que se formou como enxeñeiro hai case 30 anos e que mantén “un sólido compromiso coa excelencia educativa e coa innovación”. Sobre as JAI, salientou que se teñen convertido nun “punto de encontro de referencia para estudantes, docentes, profesionais, empresas, investigadores e administracións” e recalcou que a “automatización é unha panca transformadora decisiva para a industria, determinante para mellorar a eficiencia dos procesos produtivos e, polo tanto, para impulsar a produtividade das empresas”. A modo de exemplo, lembrou que a factoría viguesa dispón actualmente de máis de 2200 robots e autómatas, máis 300 cámaras de visión artificial e 400 AGV, vehículos de guiado autómatico para subministran pezas nas cadeas de montaxe.
Pola súa banda, David Regades agradeceu a organización dunhas xornadas que son un exemplo de “motivación” para os estudantes de últimos cursos de secundaria, para o alumnado dos graos, para as empresas e para as administracións. Unhas xornadas que, segundo José Alberto Díez de Castro, “pasaron de ser unha acción complementaria a ter personalidade propia”. A encargada de pechar o acto foi a vicerreitora Belén Rubio deu por inauguradas as JAI precisamente facendo referencia ao titulo da primeira conferencia, a do cirurxián Diego González Rivas, e lembrando que “no eido da tecnoloxía nada é imposible”.
Showroom e robots e máis de 40 horas de relatorios
Nesta primeira xornada das JAI o público puido coñecer de preto varios exemplos de robots e autómatas, entre eles tres de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1, que segundo Armesto é “o primeiro deste fabricante que está en España”. A eles sumáronse Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI, así como bastantes robots móbiles industriais. Xunto con estes autómatas, as JAI ofrecen ás e aos asistentes o xa tradicional Showroom Industria 4.0, no que se dan cita as principais empresas do sector amosando as novas tecnoloxías e avances. En total son 40 expositores, 20 o luns e martes e outros 20 entre mércores e xoves.
No que se refire aos relatorios, ao longo da semana abordaranse temas claves para a industria, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e preditivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, produción flexible, robótica móbil, conectividade IT/OT, intelixencia artificial na planta industrial, detección e control de ameazas cibernéticas na industria, ciberseguridade industrial, eficiencia enerxética, IIoT, automatización intelixente, inspiración biónica, seguridade en máquinas, etc.
O encargado de abrir as xornadas foi o doutor Diego González Rivas, cirurxián adxunto do Ernst Von Bergmann Hospital en Potsdam (Alemaña) e do Chest Disease Hospital en Kuwait e creador e actual director do programa de cirurxía videotoracoscópica Uniportal, no Shanghai Pulmonary Hospital, en China. Pero no programa destacan outras intervencións como a de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, empresa galega do sector do metal ou o catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University, que ten abandeirado equipos de investigadores de robots submarinos con grande éxito e que impartirá a conferencia maxistral de peche. Tamén destaca a presenza do catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico II, experto en robótica biomédica.
En total, ao longo das cinco xornadas intervirán relatores procedentes de empresas e entidades como Kuka, o CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, Finsa, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron ou Russula, Stellantis, KPMG.
20 anos fomentando a relación entre o mundo empresarial e o universitario
As Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial naceron en abril de 2004 con periodicidade bienal, co cal nesta décima edición cumpren 20 anos. Neste tempo, explica o seu impulsor, o evento “ten demostrado que é posible, aínda que non sinxelo, fomentar e potenciar a relación entre o mundo empresarial e o universitario”.
Dende o seu punto de vista como organizar, recoñece non poder estar “máis agradecido ás firmas participantes e ás institucións polo seu apoio e confianza ao longo destes 20 anos. Eles foron o motor que me animou a continuar organizándoas ata hoxe, sempre que lles preguntei se facíamos unha nova edición a resposta foi un “si” rotundo”. Proba disto é o número de firmas que se foron sumando, “comezamos con seis firmas partner e superamos as 30 dende hai 4 edicións”, conclúe.