As primeiras sesións tiveron lugar esta semana na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
Arranca a décimo cuarta edición do Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo
Centrándose nas rutas polares e o tráfico marítimo internacional e na eólica mariña
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu esta semana as primeiras sesións dunha nova edición do Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo, a décimo cuarta. O seminario, coordinado polo profesor Dereito Mercantil e decano da facultade, Francisco Torres, e a profesora e avogada Carmen Costas Martínez-Grimaldi, ten como obxectivo prioritario “ofrecer unha visión práctica do sector marítimo portuario con temáticas explicadas por profesionais con experiencia”.
Os seminarios e relatorios son de libre acceso e de balde para calquera persoa interesada, tanto da comunidade universitaria ou de fóra da mesma, e abordan diferentes aspectos. Como explican os seus impulsores, algunhas temáticas van variando ciclo a ciclo, mentres que “outras son seminarios que sempre ofertamos polo seu grande interese”. Este ano destacan as “actividades centradas nos efectos xeopolíticos e económicos das novas rotas de transporte marítimo e tamén, por primeira vez, abordase a cuestión da enerxía eólica mariña”, detalla Francisco Torres. En conxunto, os organizadores consideran que se trata dunha proposta “moi interesante para calquera persoa, sexa ou non da comunidade universitaria, que queira familiarizarse con tales materias”.
Sete sesións
A primeira sesión, este luns pola tarde, contou coa participación de Klaas Würzburg, doutor en Economía e consultor enerxético de Linknovate España, que falou sobre as rutas polares e a súa incidencia no tráfico marítimo internacional.
O martes o ciclo continuou cunha mesa redonda sobre proxectos offshore e eólica mariña, na que Íñigo Viani, director xeral de Qair Iberia e Pablo Alcón, director xeral offshore de Qair Iberia abordaron as cuestións económicas e xurídicas relacionadas con este sector.
A próxima cita será o vindeiro 11 de marzo ás 19.00 horas, cun relatorio sobre diferentes aspectos do traballo marítimo, as actividades da International Transport Workers’ Federation (ITF) e a normativa internacional da man de Luz Baz Abella, coordinadora da ITF en España. O 18 de marzo, tamén as 19.00 horas, desenvolverase un obradoiro sobre a operativa de consignación de buques con Roi Gómez, procurement manager do grupo Kaleido Logistics.
Xa no mes de abril haberá outras tres sesións. A primeira o día 8 ás 19.00 horas con Francisco Fernández Sasiaín, director de operacións de Progeco Vigo, que impartirá un taller sobre comercio e transporte internacional de contedores. A segunda, o día 22 de abril á mesma hora, Eva Ortiz, directora xeral de Eimskip Logistics Spain será a encarga de ofrecer un seminario sobre xeopolítica e transporte marítimo, centrándose nos efectos no comercio internacional. A derradeira sesión será o 30 de abril, cunha visita ao Porto de Vigo entre as 07.00 horas e as 11.30 horas en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo. Nesta ocasión, para a visita ao porto comercial de á lonxa, as prazas son limitadas e terá prioridade o alumnado de Dereito Marítimo e Dereito do Comercio Internacional.
As actividades están financiadas no marco do proxecto autonómico "Retos para un mercado de traballo equitativo, sostible e aberto á competencia no contexto da nova economía e da dixitalización” (MerLab)" e do estatal “El Derecho de la Competencia y de la Propiedad Industrial e Intelectual frente a las tecnologías disruptivas y la nueva regulación de los mercados digitales y audiovisuales”.