DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación do vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno

Arranca a I edición do Foro Fundamental, unha cita que busca converterse en “referente da empregabilidade” en Galicia

As actividades continuarán no auditorio Mar de Vigo ata o xoves 21

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 19/04/2022

“Tres días para incrementar a vosa experiencia e para que vos axuden a conseguir as mellores aspiracións e expectativas profesionais”. Así se dirixiu o vicerreitor de Economía José María Martín Moreno aos participantes que este martes asistiron no auditorio Mar de Vigo á apertura da I edición do Foro Fundamental, un novo encontro de talento e emprego que, organizado pola Fundación Mentor, busca converterse “en referente da empregabilidade en Galicia”. A cita, na que a Universidade de Vigo conta cun posto informativo propio, prolongarase ao longo de tres días nos que se celebrarán diferentes actividades  -charlas, mesas redondas e encontros- dirixidas tanto ao alumnado universitario, como de Formación Profesional e escolas técnicas e de oficios, reunindo por primeira vez nun encontro destas características, a estudantes de ensino medio e superior.

“Este foro é unha porta de entrada fundamental e necesaria para aliñar todas as disciplinas laborais que impulsan o talento”, explica o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Jorge Falagán, vicepresidente da Fundación Mentor, quen lembra que, precisamente, esta entidade se creou no 2017 dirixida, entre outros aspectos, a complementar nas denominadas “habilidades brandas” -traballo en equipo, capacidade de liderado e xestión do estrés…- o programa de estudos do dobre grao ADE-Dereito. “Inicialmente esta formación ía dirixida ao alumnado desta titulación, agora tratamos de ampliala cara a empregabilidade e, o máis novidoso, é que se abre o abano a todo tipo de estudantes”, indica o docente, ao tempo que fai fincapé en que se trata dun proxecto “ambicioso” cunha gran previsión de afluencia.

O sector público como “nicho de futuro”

O programa do foro arrancou a primeira hora da mañá coa mesa redonda Sementes para un futuro diferente, centrada no sector público e nas organizacións internacionais e moderada polo vicerreitor José María Martín Moreno, quen se referiu ao envellecemento da poboación como un eido que está a xerar grandes oportunidades laborais, tanto a nivel local como internacional, polo que todos estes mozos e mozas poden atopar no sector público un bo “nicho de futuro”. Tras esta primeira mesa redonda, tivo lugar a inauguración oficial do encontro por parte do presidente da Fundación Mentor, Andrés Fernández, e o vicerreitor de Economía da UVigo, quen non dubidou en subliñar que “desde a Universidade só temos palabras de agradecemento á Fundación Mentor, como promotor e organizador deste acto, e tamén ao Concello de Vigo, como entidade colaboradora”.

Participación de profesionais da moda, fórmula 1, gastronomía...

As actividades continuarán ata o mediodía do vindeiro xoves e, ata entón, pasarán polo foro poñentes tan recoñecidos como Toni Nadal, ex adestrador de Rafael Nadal e director da Academia Rafa Nadal; os cociñeiros con estrella Michelín Javier Olleros,  do restaurante Culler de Pau, e Lucía Freitas, de A Tafona e Lume, ou o vigués Alberto Freire, profesional da carrocería de Aston Martin. Por parte da Universidade de Vigo, a vicerreitora de Comunicación, Mónica Valderrama, moderá unha mesa redonda sobre redes sociais. Será o xoves ás 11.30 horas.