DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio Redeiras acolle ata o 30 de xuño un curso do Módulo Jean Monnet de 40 horas de duración

Arranca un mes para coñecer os marcos regulatorios, propostas lexislativas e aspectos de gobernanza dos sectores azuis

A formación está destinada a alumnado e profesionais de todos os sectores azuis e da administración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Cursos
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 03/06/2026

Esta semana botou a andar a segunda edición do curso Módulo Jean Monnet Aspectos xurídicos e de gobernanza da Economía Azul Sostible da Unión Europea, unha iniciativa que se desenvolverá durante todo este mes no edificio Redeiras. A formación parte de Annina Cristina Burgin Piñeiro Oliveira, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e o seu obxectivo é mellorar o coñecemento dos actuais marcos regulatorios, propostas lexislativas e aspectos de gobernanza dos sectores azuis, así como analizar os retos xurídicos de futuro.

A duración total do curso é de 40 horas e desenvolverase todos os luns e martes pola tarde. Profesorado universitario e persoal experto da práctica analizarán os respectivos sectores azuis centrándose nas súas respectivas características. Como explica a profesora Burgin Piñeiro Oliveira, coordinadora do programa, “no ano 2019, a Unión Europea adoptou o Pacto Verde Europeo que aposta por un cambio fundamental do modelo económico, esixindo unha (maior) eficiencia no uso dos recursos no futuro e unha redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro para acadar finalmente emisións netas cero no ano 2050”. Neste contexto, a importancia que se lle outorga á economía oceánica e mariña neste proceso cara a un continente climaticamente neutro é dobre: por unha banda, os sectores azuis no seu conxunto achegan significativamente ás economías de numerosos países; e por outra, a Comisión referiuse aos océanos como un regulador clave do clima no planeta, polo que unha economía azul sostible representa un papel crucial para facer fronte aos efectos negativos do cambio climático e reducir a presión sobre os recursos terrestres. Así, “a Economía Azul Sostible comprende numerosos sectores, cada un con características propias” e neles se centrarán as dez sesións do curso.

O curso está destinado tanto a alumnado da UVigo, especialmente o das titulacións de Dereito, Relacións Internacionais, Economía, Administración e Dirección de Empresas ou Ciencias do Mar, así como a profesionais de todos os sectores azuis e da administración pública e público en xeral interesado neta temática. 

Un mes de formación e debate

A primeira sesión, este luns día 1 de xuño, foi aberta pola propia Annina Cristina Burgin, cun relatorio titulado Do Crecemento Azul á Economía Azul Sostible da Unión Europea. Tamén interveu nesta xornada o profesor de Dereito Constitucional da UVigo que falou sobre O Dereito da UE, institucións da UE e procedementos de toma de decisión. Na sesión do martes tamén Burgin abordou o marco xurídico da descarbonización dos buques, mentres que Óscar Gómez, xerente da Asociación Clúster do Naval Gallego (Aclunaga), afondou na transición ecolóxica e dixital da UE na construción naval. 

Nas seguintes sesións das vindeiras semanas trataranse outras temáticas relacionadas cos sectores azuis como o marco regulador da UE do transporte marítimo; a normativa da Unión Europea sobre recursos mariños vivos;  a biotecnoloxía azul; o enfoque da UE para fomentar e regular as enerxías mariñas renovables e a enerxía oceánica; a UE e a exploración e explotación dos recursos mariños non vivos; o marco da Unión Europea para un turismo costeiro sostible; a política de defensa marítima da Unión Europea; a ordenación do espazo marítimo e a súa aplicación; as estratexias de “investimentos azuis” da Unión Europea; a importancia dos portos na Economía Azul Sostible; ou as actividades portuarias e a transición ecolóxica e dixital. O curso rematará o 30 deste mes cunha sesión na que se abordará o marco da UE para a investigación mariña e a intervención da coordinadora titulada Putting the Blue into Green – integrando o azul no verde.