Coa celebración este venres do acto da Facultade de Filoloxía e Tradución
Arranca o mes das graduacións no campus de Vigo
O último centro que despedirá o seu alumnado será Bioloxía, o 28 de xuño
Cumprindo coa tradición de cada curso e coincidindo co final do mes de maio arrancan no campus unhas intensas semanas cheas de actos de graduación para despedir as novas promocións de graos e mestrados que en breve comezarán a súa carreira profesional. A primeira cita será este venres ás 17.00 horas na Facultade de Filoloxía e Tradución, que celebrará de xeito conxunto o acto de graduación das titulacións de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; Linguas Estranxeiras e Tradución e Interpretación. En total recibirán as súas bandas 110 mozos e mozas, sendo a promoción máis numerosa a de Tradución e Interpretación, con 75 novos graduados e graduadas, que terán como padriño ao profesor Pablo Romero e como madriña á profesora Susana Cruces. Do grao en Linguas Estranxeiras despediranse 27 estudantes, que elixiron como madriña á profesora Esperanza Rama. Finalmente, tamén se graduarán 8 estudantes do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, cos profesores Anxo Angueira e Manuel Ángel Candelas como padriños. Neste acto, María Reimóndez, traductora, escritora, egresada da escola e, ademais, viguesa distinguida 2024, será a encargada de impartir a lección final do curso.
EE de Telecomunicación e Dereito, o día 7
Xusto unha semana despois, o próximo venres día 7, será a quenda da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que despedirá as novas promocións de grao e mestrado. O acto conxunto será no salón de actos da escola ás 16.30 horas, e nel recibirán as súas bandas 60 estudantes do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación nas modalidades castelán/galego e inglés, que terán como madriña á profesora María Dolores Valdés Peña e como padriño ao docente Ignacio Alonso Alonso, respectivamente. Xunto con eles tamén celebran o acto de despedida 8 estudantes do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, que elixiron como padriño ao profesor Manuel Fernández Veiga e outros 7 do Máster Interuniversitario en Ciberseguridade, coa profesora Ana Fernández Vilas como madriña.
Ese mesmo día, 7 de xuño, terá lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ás 18.00 horas o acto de graduación da Dereito, cunha promoción formada por 50 estudantes. Neste acto entrará a formar parte do como membro honorario do Claustro de profesores da facultade Juan Luis Gómez Colomer, catedrático de Dereito Procesual da Universitat Jaume I de Castellón.
O luns 10, o centro máis grande, a EE Industrial
O que é tradicionalmente o acto máis multitudinario de todos, o da Escola de Enxeñería Industrial, celebrarase o luns 10 de xuño no Auditorio Mar de Vigo ás 18.00 horas. En total recibirán as súas bandas 275 estudantes dos graos en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais (39), Enxeñería Eléctrica (6), Enxeñería Mecánica (55), Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática (39), Enxeñería en Organización Industrial (44), Enxeñería en Química Industrial (12) e Enxeñería Biomédica (43). Tamén se despedirán as novas promocións dos mestrados en Enxeñería Industrial (25), en Enxeñería Biomédica (9) e en Fabricación Aditiva (3). Se a este elevado número de estudantes se suman as familias e achegados, dende a EEI agardan que ao acto asistan arredor de 1400 persoas.
A graduación de Economía, o día 12
Dous días despois, o 12 de xuño ás 17.30 horas, terá lugar o acto do Grao en Economía. 28 alumnos e alumnas despediranse desta etapa académica acompañados polas súas familias e achegados e cos consellos, como madriña, de Arancha Mañas Álvarez, presidenta de Aproema, a Asociación Profesional de Empresas Medioambientales de Galicia.
O dobre grao ADE-Dereito, o día 13
Un día despois, o xoves 13 será chegará o momento do alumnado do dobre grao ADE-Dereito, que celebrará o seu acto no salón de graos da Facultade Ciencias Xurídicas e do Traballo ás 17.30 horas. Un total de 30 alumnos e alumnas recibirán as súas bandas co director xeral de Kaleido Logistics, Xoan Martínez, como padriño.
14 de xuño: ADE, Ciencias do Mar e Química
Ao día seguinte, 14 de xuño, será a quenda do alumnado de Administración e Dirección de Empresas, que celebrará o seu acto no salón de actos da súa facultade ás 17.30 horas. Os 90 alumnos e alumnas terán como padriño a Eugenio González de Haz, director xeral de RadioVigo.
Ese mesmo día foi o elixido tamén polo alumnado de Ciencias do Mar, que celebrará o seu acto ás 17.00 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais. A nova promoción, formada por 40 mozos e mozas, terá como madriña á profesora Irene Alejo e como padriño ao profesor Jesús Souza Troncoso. Xunto cos estudantes de grao, tamén celebran este acto 13 novos egresados e egresadas do Master en Oceanografía.
Á mesma hora que o alumnado de Ciencias do Mar, ás 17.00 horas, comezará o acto de graduación de Química no salón de actos da EE de Telecomunicación. En total son 40 estudantes que elixiron como madriña á profesora Vanesa Romero e como padriño ao docente Ignacio Pérez Juste.
A Facultade de Comercio, o día 20 no Mar de Vigo
Igual que a EE Industrial, a Facultade de Comercio tamén elixiu o Auditorio Mar de Vigo para o seu acto de graduación conxunto para grao e mestrado, que se celebrará o día 20 de xuño ás 17.30 horas. En total graduaranse 110 estudantes, dos cales 55 proceden do Grao en Comercio e elixiron como padriño ao profesor Javier Lorenzo Paniagua; outros 30 do Mestrado en Comercio Internacional, co profesor Pablo Cabanelas como padriño e outros 25 do Mestrado en Dirección de Pymes, co docente Federico Miretti Oderiz como padriño.
O día 21, Relación Laborais e RRHH e Minas e Enerxía
O venres 21 é a data elixida para a graduación de Relacións Laborais e Recursos Humanos e para a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. No primeiro caso, o acto terá lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ás 18.00 horas e nel despedirante desta etapa académica 42 estudantes, que elixiron como madriña a Belén Montenegro, directora de Recursos Humanos de Bimba y Lola.
O acto de graduación da Escola de Enxeñaría de Minas e Enxería terá lugar no paraninfo do edificio Ernestina Otero ás 18.30 horas, onde recibirán os seus diplomas as 30 persoas egresadas da XI promoción do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, da XI promoción do Grao en Enxeñaría da Enerxía e da IX promoción do Máster Universitario en Enxeñaría de Minas. No caso dos graos, o padriño será o profesor Francisco Javier Deive e, no caso do mestrado, a profesora Generosa Fernández Manín. Ademais, neste acto farase entrega dos premios aos mellores expedientes das tres titulacións concedidos por empresas e colexios profesionais.
Para pechar, Bioloxía o 28 de xuño
O último centro en celebrar o seu acto será a Facultade de Bioloxía, que elixiu como data o 28 de xuño. A cita será ás 18.00 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais e nel despediranse desta etapa universitaria 64 estudantes de grao, apadriñados polo profesor David Posada e a profesora Paloma Morán.