DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizada polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo

Arranca unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea

Con financiamento da Deputación de Ourense e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 21/07/2025

Este luns o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo arrancou unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). Ao longo de catro semanas, con financiamento da Deputación de Ourense e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co apoio do Concello de Allariz, buscarán ampliar a zona escavada e o coñecemento deste enclave. 

Esta será a campaña número 14 deste proxecto arqueolóxico, un dos que ten unha máis ampla traxectoria na arqueoloxía galega. O GEAAT, con sede no campus de Ourense, leva desde o ano 2011 estudando este xacemento, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán. É ademais, un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas no eido arqueolóxico, presentándose cada ano máis dun centenar de solicitudes de estudantes de numerosas universidades de España e Portugal. As intervencións anuais realizadas apuntan a que Armea foi “unha auténtica cidade romana”, ocupada arredor do século I despois de Cristo e abandonada no III, que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. Ademais, nas últimas campañas, téñense atopado restos dunha ocupación anterior á romana, da Idade de Ferro, ampliando a cronoloxía histórica deste enclave. 

Dúas liñas de traballo

O director científico do proxecto de Armea continúa sendo Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, completando o equipo da intervención outros membros do GEAAT. En total, arredor dunha trintena de persoas participarán ao longo das vindeiras catro semanas nos traballos no xacemento. Esta campaña consta de dúas liñas de traballo. Na primeira, financiada pola Deputación de Ourense, continuaranse os traballos realizados nas dúas campañas anteriores de escavación na domus dos pináculos e na rúa central do xacemento. Na segunda, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, o interese céntrase na domus norte ou do hexáscele. 

A domus (casa) leste ou dos pináculos é, sinalan desde o GEAAT, “unha domus que conta cun atrio central, unha estrutura con columnas, un larario... é a máis monumental que temos ata o de agora”. Na campaña deste ano o equipo da UVigo continuará a escavar nela, concretamente no lado este, no que “en superficie parecen dúas estancias, uns muros que asoman que poden indicar a presencia de dúas novas estancias”. Estas novas estruturas, indican, non parecen ter comunicación coas estancias xa descubertas polo que se analizará se pertencen á mesma casa ou se se trata dunha nova domus e estudarase cal era a súa funcionalidade. Respecto aos traballo na rúa central empedrada que divide o xacemento de Armea, a campaña seguirá destapando o seu trazado, para ver se hai máis lousas e, nas zonas onde non haxa lousas, aproveitar para escavar debaixo e ver niveis máis antigos. 

A segunda liña de traballo centrarase na domus norte ou do hexáscele, onde en 2023 o GEAAT recuperou niveis das ocupacións antigas da coñecida como finca da atalaia do xacemento, concretamente restos da Idade do Ferro. “O que queremos é escavar niveis profundos, niveis máis antigos, para poder saber como funcionaba a finca da atalaia antes da construción das casas romanas”, indican desde o equipo da UVigo. A idea é escavar ao carón da zona xa escavada en anteriores campañas en busca deses niveis de ocupación anteriores á ocupación romana.  

Completando esta intervención, como cada ano está previsto que no mes de outubro o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio volva a Armea para realizar as tarefas de conservación e restauración. Igualmente, a divulgación terá un papel importante neste proxecto, estando prevista a realización de visitas guiadas ao xacemento durante a realización dos traballos de campo estas catro semanas.