DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patrón das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química

Arranca San Alberte coa inauguración dunha exposición con máis dun cento de cogomelos

O Edificio de Ciencias Experimentais énchese de actividades ata o vindeiro día 15

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Premios
  • Cultura
Yaiza Canedo DUVI 06/11/2018

Unha exposición con máis dun centenar de cogomelos, un concurso de fotografía científica, unha mesa redonda sobre a muller na ciencia e dúas charlas nas que a natureza e o mundo científico teñen especial protagonismo. Estas son só algunhas das actividades coas que este ano se festexa San Alberte, patrón das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química. A apertura da exposición e do prazo de presentación de traballos ao concurso de fotografía deron este martes o ‘pistoletazo de saída’ dunha celebración que se prolongará ata o xoves 15 no Edificio de Ciencias Experimentais. 

116 tipos de cogomelos 

A exposición de cogomelos non se pode comparar coas dos anos anteriores, pois tal e como declara  a coordinadora da actividade e directora do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, Marisa Castro “os cogomelos de certas especies non se producen todos os anos, hai algunhas que aparecen cada dous, outras cada tres e algunhas pénsase que aparecen con menos frecuencia”, porén Castro recoñece que “dende hai 15 anos os outonos son diferentes, e por iso, agora todo sae cando hai algo de chuvia e un pouco de frío, sen importar o mes”. 

Nesta edición os e as visitantes poden atopar 116 tipos de especies recollidas en toda Galicia e no norte de Portugal polos membros do Laboratorio de Micoloxía, os socios da spin-off MycoGalicia-Plantae, ex-alumnos e alumnas da Facultade de Bioloxía e membros do Grupo Micolóxico Galego. Ademais, a exposición vai acompañada de 12 paneis explicativos sobre macromicoloxía nos que se recolle información sobre os cogomelos, as súas utilidades, a súa importancia ecolóxica e o tratamento de posibles intoxicacións entre outros. A maiores e como novidade este ano, a biblioteca do centro presenta tamén unha recompilación de libros sobre cogomelos, setas e micoloxía.

Castro, quen recomenda a visita da exposición nesta primeira semana pola mellor conservación das mostras, destaca este ano a presenza de tres espécimes: “a Amanita phalloides, unha das especies máis perigosas e que máis complica a vida dos afeccionados a recoller cogomelos;  a Favolaschia calocera unha especie descuberta en Madagascar e instalada en China, pero que desde hai uns anos comezou a aparecer en Galicia e a Boletus aereus,  rara en Galicia ata agora e que se está espallando procedente de zonas fitoclimatoloxicamente máis mediterráneas, probablemente debido ao cambio climático”. 

De xeito complementario á exposición, o vindeiro martes ás 15.30 horas celebrarase tamén a conferencia Os sistemas dunares e os cogomelos, impartida pola propia Marisa Castro no salón de actos do edificio. Ademais, os máis afeccionados poderán participar tamén no obradoiro Apañado e Identificación de Cogomelos, que se desenvolverá desde este mércores ata o 14 de novembro, coincidindo co final da exposición.   

Da ciencia en feminino...

O acto central de San Alberte será o xoves 15, data cargada de actividades que terá como prato forte unha mesa redonda na que se porá en valor o papel da muller na ciencia e na que intervirán catro destacadas profesionais do mundo científico. Prevista para ás 11.15 horas, o coloquio contará ca participación de Alicia Estévez, catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela e gañadora do Premio Wonengurger 2018 pola súa relevante traxectoria no ámbito científico; Rosa Claramunt, catedrática de Química Orgánica da UNED; Rosa Ana Malvar, profesora de investigación do Consello Superior Investigacións Científicas e Carmen Pampín, cofundadora de Galchimia e presidenta de Bioga, que contrastarán as súas posturas e darán resposta ás preguntas do público nun acto que contará cun moderador de excepción, o escritor e xornalista galego Manuel Rivas.

... á tradicional entrega de premios

Ao remate do coloquio, ás 12.30 horas, será o neurocientífico, divulgador e profesor da Universidade da Coruña, Xurxo Mariño, quen continuará co acto impartindo a charla Deus é un elefante morto e outras pistas sobre a evolución da linguaxe. A continuación, terá lugar a tradicional entrega de premios do concurso de fotografía científica, que porá o broche final á programación de San Alberte 2018. A actividade, a máis lonxeva da festividade, premia por decimoquinta ocasión a creatividade dos seus participantes, que serán os membros da comunidade universitaria que entreguen as súas obras na biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais entre hoxe, día 6, e o venres 9. As instantáneas poderanse visitar nunha exposición na que a variedade será a protagonista, pois a temática, a cor e a técnica das fotografías correrán a cargo dos participantes.