DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fisioterapia acolle este luns as primeiras mesas de saídas profesionais de EmpregoinCampus 

Arranca unha semana dedicada a mellorar a empregabilidade do alumnado

Na que participan máis de 20 profesionais e representantes institucionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/09/2024

Dúas mesas sobre saídas profesionais no ámbito da saúde puñan inicio este luns a unha semana de actividades centradas na mellora da empregabilidade do alumnado, da man do programa EmpregoinCampus. Entre este luns e venres, unha vintena de profesionais e de representantes de empresas e institucións tomarán parte en oito coloquios, nos que o estudantado “poderá coñecer distintas saídas dentro do seu ámbito e que requirimentos ou competencias necesitarán para poder exercer a súa profesión”, como sinalaba a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade, Maruxa Álvarez.

Promovido pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Trabajo y Economía Social, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, EmpregoinCampus adopta en Pontevedra un formato de mesas de saídas profesionais, complementadas por espazos de networking nos que o alumnado poderá entregar os seus currículos. Esta programación bota a andar na tarde deste luns en Fisioterapia, con dous coloquios moderados pola secretaria académica da facultade, Rocío Abalo. No primeiro, centrado no emprego no ámbito hospitalario, interveñen Carlos Cáceres, fisioterapeuta do Hospital Rivera Povisa, e Silvia Esther Sánchez, do servizo de Enfermaría da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés; mentres que no segundo participan dous emprendedores e egresados da facultade, Hugo Ogando, responsable de ClínicasOn, e Xoel Hermelo, director de Saúde Sport.

Previamente, Fisioterapia puxo tamén inicio a esta semana de actividades acollendo esta mañá os Xogos do Emprego, unha iniciativa dirixida a que o alumnado “coñeza as accións que levamos a cabo na Área de Emprego e Emprendemento”, á vez que  "a importancia de determinadas competencias para mellorar a súa inserción laboral”, explicou Álvarez. Esta actividade desenvólvese desde a pasada semana en 14 centros dos tres campus, trasladándose este martes ata Belas Artes e o mércores á Facultade de Comunicación.

Cinco citas por diante

EmpregoinCampus continúa este martes en Ciencias da Educación e do Deporte, cunha mesa sobre educación, na que intervirán a directora do CFR de Vigo, Consuela Rivera, a profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro e o inspector de educación José María Alén; e outra sobre deporte, na que participarán José Manuel Amado, presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar; José Benito Pastoriza, da empresa Marexada; e Henrique Xoán Rodríguez, presidente do Colef Galicia. O mércores 25, a Escola de Enxeñaría Forestal acollerá dúas mesas sobre o emprego neste sector, nas que intervirán Mercedes Rois, da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera); Xaime Óscar Iglesias, decano do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galcia; Conchi Bretaña, directora de Recursos Humanos de Finsa; Fernando Pérez, responsable de Föra Forest Technologies; Francisco Abilleira, xerente de Redenor, e un representante de Ence.

Nesa mesma xornada, EmpregoinCampus levará á Facultade de Comunicación a Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce Galego; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Fernando Rodríguez, director de Con C de Comunicación, e Uxía Caride, xerenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes. Finalmente, a programación pecharase o venres 27 en Dirección e Xestión Pública, cun coloquio con Daniel Gómez Aragón, delegado da Axencia Tributaria en Pontevedra; Fernando Vicente Davila, funcionario da Xunta de Galicia, e Mar Caramés, traballadora do Concello de Vilagarcía de Arousa. Como broche a esta programación, na tarde do venres terá lugar na Vicerreitoría a mesa Talento e Superación. Comezar, chegar e continuar. Con inscrición previa no correo electrónico contacto@clinicason.com, esta conversa contará coa participación da exnadadora olímpica Ana Montero, o empresario Luis Taboada, fundador de Qbitia e o ilustrador e autor de banda deseñada Kiko da Silva.