DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido por docentes da Área de Dereito do Traballo, prolongarase ata o mes de maio

Arranca en Vigo un obradoiro no que se analizan os principais desafíos xurídicos do sector pesqueiro

Inclúe temas como xestión de recursos, dereitos laborais a bordo e traballo feminino neste ámbito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 23/02/2021

Achegar aos futuros profesionais as problemáticas xurídicas máis relevantes formuladas na actualidade no sector pesqueiro: desde a protección e xestión dos recursos ata os conflitos derivados da internacionalización das profesións marítimas, os dereitos laborais a bordo, o traballo feminino neste ámbito, as vulneracións dos dereitos humanos… Este é o principal obxectivo co que este martes arrancou en Vigo o obradoiro A pesca en Europa: desafíos e perspectivas 2021, cuxa docencia se prolongará ata o vindeiro mes de maio.

A actividade, que xa tivo unha primeira edición na primavera de 2020, está organizada ao abeiro do proxecto europeo Jean Monnet Unha visión europea dos océanos e os mares: pesca marítima e crecemento sostible, EU-Fishing, dirixido pola profesora da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Francisca Fernández Prol e que persegue visibilizar e analizar as medidas emprendidas pola Unión Europea para garantir un crecemento sostible, desde un punto de vista económico, social e medio ambiental do sector pesqueiro. “O obradoiro constitúe unha actividade máis do proxecto e, en termos xerais, persegue afondar no estudo das problemáticas xurídicas vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro, pero tamén dar a coñecer as mesmas -e as súas solucións- aos axentes implicados, neste caso futuros profesionais do sector”, explica Fernández Prol

Pensado especificamente para o alumnado do Instituto Marítimo Pesqueiro

Participan no obradoiro unha trintena de estudantes de diversos ciclos e cursos do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e a docencia corre a cargo de diferentes membros do proxecto de investigación vinculados ás universidades de Vigo, A Coruña e a  World Maritime University, unha universidade marítima de posgrao con sede en Malmö, Suecia, fundada pola Organización Marítima Internacional, axencia especializada das Nacións Unidas. “Impartiranse contidos teóricos e prácticos (normas básicas de aplicación, casos prácticos...) relativos ás temáticas seleccionadas: recursos pesqueiros, litixios internacionais no sector marítimo-pesqueiro, condicións de traballo e protección social dos pescadores, mulleres e pesca e dereitos humanos”, subliña a coordinadora do proxecto, ao que engade que, por mor das restricións sanitarias e á petición do instituto, os docentes impartirán as clase de modo telémático, a través do Campus Remoto da UVigo, si ben os alumnos estarán na aula.

O curso está coordinado pola profesora Belén Fernández Docampo e consta de cinco módulos de dúas sesións cada un deles. As clases arrancaron este martes co primeiro módulo, centrado na conservación e xestión dos recursos pesqueiros, impartido pola profesora da Universidade da Coruña Gabriela A. Oanta, directora do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, quen, tras unhas consideracións introdutorias sobre a Unión Europea e a Política Pesqueira Común, analizou en detalle a loita da UE contra a pesca ilegal,  non declarada e non regulamentada, os acordos de colaboración de pesca sostible e o panorama existente no mundo da pesca tras a sinatura do Brexit.

En marzo terán lugar os módulos II e III; o módulo II correrá a cargo da profesora da World Maritime University Laura Carballo Piñeiro e centrarase no tema da internacionalización; no III, específico sobre traballo feminino e pesca, impartirá unha sesión Annina Cristina Bürgin, xerente da Fundación Marinnleg, e a outra correrá a cargo da profesora Fernández Docampo. Dos módulos IV e V encargaranse integramente docentes da propia Universidade de Vigo. O catro, o traballo no sector pesqueiro, impartirano en abril Francisca Fernández Prol e Jaime Cabeza, e o cinco, pesca e dereitos humanos, será impartido por Belén Sánchez Ramos e Irene Dozo Mougán, secretaria técnica deste obradoiro.