DUVI

Diario da Universidade de Vigo

34 teñen expositor propio e outras tantas organizan múltiples actividades complementarias

Arranca a XIX edición do Foro Tecnolóxico de Emprego coa participación de máis de medio cento de empresas

Por primeira vez empregaranse técnicas de Speed Recruiting, o último en selección de persoal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío / A. Proupín DUVI 13/03/2019

Nueva Pescanova, Norvento, Finsa, BorgWarner, Indra, Marine Instrument, EDF Solar, Applus+, Ernst&Young, Televés, Everis, Altia, Deloitte, Quobis, Imatia… Estas son algunhas das máis de medio cento de empresas que participan desde hoxe e ata o venres na XIX edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha cita xa clásica do calendario universitario e empresarial galego organizada polo alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo e na que cada ano se superan o número de firmas participantes e de alumnas e alumnos implicados –este ano só no equipo organizador colaboran máis de 70-.

O curso pasado recolléronse arredor de 2500 currículos e a expectativa do novo equipo organizador é superar esta cifra, pero este non é o único obxectivo, o verdadeiramente importante xa o conseguiron: reunir nos seus propios centros as firmas máis representativas do sector tecnolóxico, poder contactar con elas sen desprazarse das aulas e participar/practicar en todas as actividades que organizaron para eles ao longo destes tres días. Nesta edición participan 34 empresas con expositor propio, e a elas súmanse outras tantas na organización de diferentes charlas, conferencias, workshops... “Ademais este ano apostamos por novas dinámicas como o Speed Recruiting ou reclutamento rápido, o último en selección de persoal, un formato no que as alumnas e alumnos dispoñen unicamente de dous minutos para falar coa empresa e, ao terminar, pasar á seguinte”, explica Tomás Prado, estudante do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e coordinador xeral desta XIX edición do foro.

A inauguración convértese nunha defensa do perfil profesional de enxeñeiros e enxeñeiras

As actividades arrancaron a primeira hora da mañá con varias charlas formativas (como facer un bo currículo, como mellorar as habilidades de comunicación...), pero non foi ata o mediodía cando abriron os postos das empresas, coincidindo coa inauguración, na que participaron o reitor Manuel J. Reigosa; os directores das tres escolas de enxeñaría do campus: Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía; Íñigo Cuiñas, da EE de Telecomunicación, e Juan Pardo, da EE Industrial, que fixeron fincapé na importancia deste tipo de eventos, e o propio Tomás Prado, que agradeceu o apoio recibido ao longo  dos últimos meses “sen o que hoxe nada disto sería posible”, salientou satisfeito pola resposta que acadaron do sector empresarial.  “O éxito do foro débese ao bo traballo que se vén facendo ano tras ano. Isto fai que as empresas queiran repetir e que se animen a participar moitas outras novas”, salientou Prado.

“Temos estudantes nosos traballando en todos os países e o que nós recibimos das empresas e institucións das que están é que a formación é boa, que os nosos egresados dan a talla”, salientou Reigosa, quen destacou que se ben é positivo que na carreira profesional poida haber algunha etapa no estranxeiro, hai que ir máis aló. “Nós o que queremos é que a sociedade que nos soporta, e digo soporta, porque realmente cos impostos de todos é co que conseguimos isto, axude a xerar ese tecido económico e social e moi especialmente industrial”, salientou Reigosa, ao tempo que recalcou que neste evento se dan unhas condicións excelentes para lograr isto. “Sodes bos, estades ben preparados e ides a ser quen de facer unha carreira profesional ben distinta ao que nos queren facer crer algúns persoeiros”, salientou o reitor, que recolleu así o guante lanzado polo director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, quen aproveitou a súa presenza no foro para pór en valor o perfil dos enxeñeiros e enxeñeiras formados nas aulas universitarias e lamentar “o papel que están xogando nos últimos tempos algúns persoeiros que semellan queren ‘efepizar’ as enxeñarías defendendo que alguén cun ciclo formativo e pouco máis xa pode levar a cabo labores propias da enxeñaría”. Desde o seu punto de vista, “o feito de que haxa un número crecente de empresas aquí, o feito de que os nosos alumnos de máster están practicamente todos traballando, igual ca os que aínda están co proxecto fin de grao, estanos dicindo que realmente é todo o contrario”, salientou Cuiñas, quen recalcou a idea de que os e as enxeñeiras da UVigo son “profesionais formados e competentes e que van desenvolver un traballo cunhas altas prestacións”.

 “Saes cunha visión máis ampla dos postos de traballo e das propias compañías”

Entre o alumnado que participa nas diferentes actividades do foro atópanse estudantes de todos os cursos e titulacións. “Hai expositores e postos nos que se informa de cada empresa, polo que saes cunha visión máis ampla dos postos de traballo e das propias compañías”, explica Belén Portela, alumna de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Dun xeito similar, Román Portela, alumno de mestrado, recoñece que “é un escaparate tanto para as empresas como para o estudantado”. 

No caso de Gabriel Fernández Dos Reis, alumno do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación xa colaborou na organización da actividade no seu primeiro ano de estudos e agora, xa en cuarto curso, explica que en comparación a outros anos “está máis organizado e vese máis movemento”, ademais, sinala que mañá virá con máis tempo a coñecer todas as empresas e a deixar o currículo. Algo parecido fixo o ano pasado Lorena Dieste, quen grazas a este foro atopou unha empresa na que facer as prácticas de fin de carreira. No caso de David Noya, alumno de Enxeñaría Mecánica, decidiu comezar por achegarse ao posto da empresa Aluminios Cortizo. “Encantaríame traballar nunha empresa deste tipo, moi centrada en todo o que é a parte de fabricación industrial, moi solvente e ademais a 25 minutos da miña casa”, salientou o alumno.

“A día de hoxe non se entendería non estar”

No outro lado do mostrador, o sector empresarial, tamén destacan o “gran movemento” que se palpa este ano no foro. “Penso que cada vez a participación é maior, tanto entre as empresas como entre o alumnado”, explica Roberto Pérez, xefe de proxectos da empresa Altia, unha das firmas clásicas deste foro. “Acudimos a este evento dende hai anos e seguirémolo facendo, a día de hoxe non se entendería non estar”, recalca Pérez, que fai fincapé en que “o alumnado sae ben formado, pero, por suposto logo necesitan un tempo para adaptarse e coller a dinámica da aprendizaxe continua”.