DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A AECC deu a coñecer esta iniciativa a través dun posto informativo

Arrancan as accións de difusión para facer do campus un espazo sen fume

Unha enquisa á comunidade universitaria definirá futuras accións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/04/2022

A sinatura hai unhas semanas dun convenio entre a Universidade de Vigo e a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) permitiu declarar o campus de Pontevedra como un “espazo sen fume”, dando comezo a un proxecto dirixido a promover que non se consuma tabaco nin cigarros electrónicos en ningún dos espazos exteriores do campus. Co obxectivo de dar a coñecer esta iniciativa e sensibilizar á comunidade universitaria dos efectos das enfermidades asociadas ao tabaquismo, a AECC instalou esta mañá unha mesa informativa ás portas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Grazas á participación tanto de voluntarias da asociación como dos bolseiros da Oficina de Medio Ambiente (OMA), esta actividade divulgativa comprendeu tamén a realización dunha enquisa aos e ás integrantes da comunidade universitaria. Este cuestionario, que pode cumprimentarse tamén de xeito virtual, servirá para definir futuras accións no marco da iniciativa Espacios sin humo, á que Vigo foi a terceira universidade española e a primeira galega en adherirse a través deste convenio coa AECC.

“Esta é a primeira iniciativa e busca sobre todo dar a coñecer o proxecto e a firma do convenio polo que pretendemos facer deste un campus sen fume”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Completada coa colocación de carteis informativos nos diferentes centros, esta actividade buscaba tamén convidar aos e ás integrantes da comunidade universitaria a realizar unha enquisa dirixida a “saber cal é a situación de partida”. Como explica a técnica de prevención da AECC en Pontevedra Rebeca Castro, o obxectivo deste cuestionario é tanto "saber a porcentaxe de fumadores" existentes no capus como "coñecer que opinan do proxecto". Como explicara esta técnica na rolda de prensa na que se presentou o proxecto, actualmente está prohibido por lei fumar nos accesos aos centros e nas zonas máis próximas a estes e o obxectivo desta actividade e desenvolver diferentes iniciativas dirixidas a facer de todo o perímetro de campus un espazo “libre de fumes”. Nese senso, os datos obtidos nas enquisas levarán posteriormente “a unha definición conxunta de actividades a desenvolver”, co obxectivo de achegar recursos aos fumadores e fumadoras que lles axuden a abandonar este hábito. 

Nese senso, desde a AECC en Pontevedra lembran que o pasado ano realizaron un total de 14.898 intervencións na provincia e que entre os servizos que prestan, todos eles de carácter gratuíto, atópase a atención psicolóxica, psicosocial e social con axudas económicas, o asesoramento xurídico ou a inserción laboral, así como labores de acompañamento ou talleres para pacientes e familiares. A asociación lembra tamén que é a entidade privada que máis fondos destina á investigación oncolóxica en España e que nos últimos dous anos investiu máis de 400.000 euros en proxectos sobre cancro da Universidade de Vigo.