DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Afonda na relación entre o Nobel e a pintora portuguesa Graça Morais

Arrancan as celebracións do centenario de Saramago coa inauguración dunha exposición

Pode visitarse na sala de exposicións da Sede Afundación Vigo ata o 29 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 19/10/2022

A cita grande será a partir do vindeiro mércores 26 de outubro, coa inauguración da VII Conferencia Internacional José Saramago, pero desde esta semana a Universidade de Vigo atópase xa inmersa na celebración do centenario do nacemento do Nobel. As actividades de celebración arrancaron no serán deste martes coa inauguración da mostra Graça Morais e José Saramago: a arte de pensar O Ano de 1993, comisariada polo profesor Burghard Baltrusch, director da I Cátedra Internacional José Saramago; Egídia Souto, da Université Sorbonne Nouvelle, e Joana Baião, investigadora do Laboratorio de Artes na Montanha Graça Morais.

A mostra, organizada co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de José Saramago (1922-2010), aborda, tal e como explican os seus comisarios, a amizade e o fértil encontro entre o escritor e a pintora Graça Morais (nada en 1948), testemuñados polos traballos expostos, por primeira vez, en reproducións de gran calidade: 9 dos 10 deseños concibidos pola artista para a segunda edición, “esgotada hai moito tempo”, do libro O Ano de 1993 (1987); e o retrato do escritor, inédito, executado algún tempo despois do seu falecemento. 

O Ano de 1993 é un poema filosófico estruturado a partir da compilación de trinta textos alegóricos en prosa poética”, salienta Baltrusch, ao tempo que explica que o primeiro poema foi escrito en marzo de 1974, “en resposta a unha tentativa falida de levantamento militar que visaba por fin ao réxime ditatorial portugués”. A obra foi concluída e publicada en 1975, despois da Revolución dos Caraveis (25 de abril de 1974) e nun contexto de incerteza do rumbo que iría ser tomado pola nova democracia. “De aí a construción dunha narrativa non-linear que referencia a represión sobre a sociedade, a resistencia, a violencia revolucionaria e, simultaneamente, o desexo de liberdade e a esperanza”, subliñan desde a organización.

10 composicións e un particular xogo entre a escrita e a pintura

En 1987 José Saramago desafiou a Graça Morais a concibir os deseños que virían ser publicados na segunda edición do libro O Ano de 1993, estimulando así un encontro entre dous mundos – o da escrita e o da pintura – que “não só se encontraram e reconheceram, como, assim o creio, se identificaram” (Saramago, 2002). A pintora produciu entón unha serie de dez composicións que establecen un xogo coa natureza fragmentaria do poema. Con todo, Graça Morais evitou a ilustración directa, antes optando por (re)crear segmentos daquel universo onírico, ampliando así o seu valor estético e poético. Consciente de como a comuñón entre o seu texto e o traballo artístico de Graça Morais resultaron nun novo conxunto interartístico, José Saramago quixo que, na publicación, o nome da artista aparecese en pé de igualdade co seu. “Nesta exposición recordamos este encontro poético entre a palabra escrita e a imaxe, entre dúas grandes personalidades cuxas obras fecundas teñen, sempre, o poder de interpelarnos”, recalcan os comisarios.

A pintora visitará a mostra o 27 de outubro

Graça Morais naceu en 1948 nunha pequena poboación do interior nordeste de Portugal, preto de Bragança. Formouse en Pintura no Porto, pasou por París e acabou por asentarse en Lisboa na década de 1980. A pintora sempre mantivo un forte vínculo coa súa aldea natal e todo o seu universo pictórico desenvólvese en torno dunha reivindicación consciente das súas orixes. Entre 1974 e a actualidade, Graça Morais realizou e participou en máis de dúas centenas de exposicións individuais e colectivas, en Portugal e no estranxeiro, estando representada nos acervos dos principais museos, fundacións e coleccións públicas e privadas do país. Concibiu proxectos de escenografía teatral, realizou ilustracións e traballos colaborativos con escritores e é autora de numerosas intervencións en espazos públicos. Entre outros méritos, recibiu a Medalla de Mérito Cultural do Goberno portugués (2019), foi homenaxeada na Sorbonne Nouvelle, en París, cunha xornada de estudos sobre a súa obra (2021) e, recentemente, foi distinguida co Doutoramento Honoris Causa atribuído pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (2022).

Coincidindo coa celebración da VII Conferencia Internacional José Saramago, o vindeiro xoves 27 ás 18.30 horas terá lugar a visita a mostra da pintora.