DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderados por persoal investigador posdoutoral de distintos grupos

Arrancan no CIM dous proxectos sobre o futuro do percebe e da troita arco da vella ante o cambio climático

A convocatoria CIM-PosDou 2026 reforza a aposta do centro pola retención de talento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 02/03/2026

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo acaba de resolver a convocatoria CIM-PosDou 2026, unha iniciativa destinada a apoiar proxectos de investigación posdoutoral estratéxicos para o centro. Nesta edición foron seleccionadas dúas iniciativas que abordan retos relacionados coa conservación dos ecosistemas costeiros fronte ao cambio climático e a acuicultura sostible.

Coa mente posta en garantir a sostibilidade ecolóxica e socioeconómica do percebe 

Baixo a denominación de Detect – Distribución das poboacións de 'Pollicipes pollicipes' en escenarios futuros de quecemento global-, este proxecto céntrase no estudo do impacto do cambio climático sobre a distribución xeográfica do percebe, un recurso clave para o marisqueo galego. Liderado por Marta Román Geada e Iván Rey Rodríguez, investigadores dos grupos Ecoloxía e Zooloxía e Terra, respectivamente, o proxecto buscar xerar coñecemento científico aplicable á xestión sostible deste recurso, achegando información relevante tanto para a comunidade científica como para o sector marisqueiro.

Nesta liña, Iván Rey indica que queren “xerar coñecemento aplicable á xestión adaptativa do recurso, anticipando posibles desprazamentos de distribución e contribuíndo a garantir a sostibilidade ecolóxica e socioeconómica do percebe nun contexto de cambio climático”, para o que contar co apoio desta convocatoria “resulta fundamental para xerar datos empíricos, validar aproximacións metodolóxicas innovadoras e sentar as bases de futuras liñas de investigación competitivas a maior escala”, salienta Román.

Ambos coinciden en que o impacto do traballo trascende o ámbito académico, xa que os seus resultados serán de interese directo para xestores, administración e, especialmente, para o sector marisqueiro, cuxa actividade depende da sostibilidade das poboacións de percebe. “A información xerada poderá contribuir a optimizar estratexias de extracción, conservación e ordenación do litoral, reforzando a resiliencia socioeconómica das comunidades costeiras fronte ao cambio climático”, explican os investigadores.

Resiliencia térmica da troita arco da vella fronte as ondas de calor

O outro proxecto seleccionado é Nutriterm – Dietas funcionais para a mellora da tolerancia térmica na troita arco da vella-, liderado por Mauro Chivite Alcalde e Jessica Calo Rodríguez, investigadores do grupo PhystoFish. Neste caso trátase de analizar o uso da espermidina como estratexia nutricional innovadora para mellorar a resiliencia da troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss) fronte ao estrés térmico asociado ás ondas de calor, cada vez máis frecuentes como consecuencia do cambio climático. A investigación permitirá avaliar parámetros fisiolóxicos, moleculares e comportamentais dos peixes sometidos a diferentes condicións térmicas, contribuíndo a desenvolver ferramentas de adaptación para a acuicultura continental europea.

 “A concesión deste financiamento supón un paso moi relevante na nosa traxectoria investigadora. Asumir o rol de investigador principal nun proxecto propio implica unha gran responsabilidade, pero tamén representa unha oportunidade fundamental de aprendizaxe e crecemento profesional. Ademais, xera unha especial ilusión poder deseñar, xestionar e desenvolver unha investigación de maneira independente e autónoma”, explica Jessica Calo.

Pola súa banda, Mauro Chivite apunta que con este proxecto aspiran a obter resultados que non só contribúan ao avance do coñecemento científico, senón que tamén teñan unha clara aplicabilidade no sector acuícola. “Así mesmo, o proxecto pretende ser un primeiro chanzo que nos permita adquirir experiencia e formación para, no futuro, optar a proxectos de maior envergadura e competitividade”. Desde o seu punto de vista, “os resultados deste proxecto achegarán información de grande valor ao sector acuícola, especialmente no relativo á resiliencia dos peixes fronte ás ondas de calor, un fenómeno que está a causar importantes perdas nos últimos veráns”. Nun contexto de cambio climático cada vez máis acusado, os responsables de Nutriterm consideran imprescindible adaptar o sector para afrontar do mellor xeito posible os períodos prolongados de altas temperaturas que se están a repetir ano tras ano.

Apoio ao talento investigador e á investigación estratéxica

A convocatoria CIM-PosDou forma parte da estratexia do CIM para impulsar o talento posdoutoral, reforzar o traballo interdisciplinar entre as prioridades científicas do centro e promover ciencia de excelencia con impacto social e ambiental. 

Na edición 2025, financiáronse ao abeiro desta iniciativa dous proxectos innovadores de alto impacto centrados na sostibilidade do marisqueo e na resposta dos ecosistemas mariños ao cambio climático. O proxecto Salmar, liderado por Marisela Des e Diego Fernández (EPhysLab), analizou o impacto de eventos climáticos extremos, como precipitacións intensas e vagas de calor, sobre os bivalvos intermareais da ría de Arousa, combinando modelos numéricos avanzados para desenvolver sistemas de alerta temperá e ferramentas de apoio á xestión do sector marisqueiro. Pola súa banda, Benthic-Pro, coordinado por Iria García (Geoma) e Andreu Blanco (Future Oceans Lab), avaliou o impacto das actividades marisqueiras e acuícolas sobre a biodiversidade e as redes tróficas mariñas, poñendo o foco no papel das microalgas bentónicas e nos efectos da acuicultura do mexillón nas Rías Baixas, achegando coñecemento para unha xestión sostible dos ecosistemas costeiros.