DUVI

Diario da Universidade de Vigo

De cara a facilitar a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre

Arrancan os horarios especiais de apertura das bibliotecas

De luns a venres ata as 0.30 horas e fins de semana ata as 21.00 h.

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI 01/12/2025

Ante a proximidade dos exames do primeiro cuadrimestre, a Biblioteca Universitaria puxo en marcha esta fin de semana o seu plan de apertura especial de horarios nas bibliotecas centrais de Vigo, Ourense e Pontevedra, xunto coa de Torrecedeira, novos horarios que poñen a disposición do alumnado estas instalacións nas fins de semana e, entre semana, un horario ampliado polas noites. 

Fin de semana e festivos

A apertura das bibliotecas nas fins de semana comezou este pasado sábado e alongarase ata o domingo 11 de xaneiro. Neste período, a Biblioteca Central de Vigo, a de Torrecedeira e as Centrais de Pontevedra e Ourense abrirán de 09.00 a 21.00 horas todas as fins de semana, así como o festivo, 8 de decembro.

Durante estes horarios de fin de semana só se prestará un servizo de espazo de estudo, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos, etc.

Aperturas nocturnas desde o 9 de decembro

Ademais das fins de semana, as bibliotecas tamén amplían os horarios de luns a venres, durante os meses de decembro e xaneiro. Así, a Biblioteca de Torrecedeira, a Central de Ourense e a Central de Pontevedra abrirán de luns a venres (agás festivos) ata as 0.30 da madrugada, dende o 9 ao 19 de decembro de 2025 e dende o 8 ao 16 de xaneiro de 2026.
 
O primeiro cuadrimestre rematará o venres 23 de xaneiro e as clases do segundo cuadrimestre arrancarán o martes 27.