DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participaron máis de 200 rapaces e rapazas de Bacharelato

Arrancan en Ourense as xornadas de portas abertas para o alumnado preuniversitario

O obxectivo é que coñezan de primeiran man as titulacións e instalacións universitarias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 17/12/2025

Nos institutos galegos os exames xa remataron e son días de certa relaxación para o seu alumnado e profesorado. Aproveitando este impas, o campus de Ourense celebrou este mércores a súa primeira xornada de portas abertas deste curso académico. Máis de 200 rapazas e rapaces de Bacharelato de centros educativos da provincia e a súa contorna compartiron unha mañá de actividade que lles permitiu coñecer de primeira man as diferentes titulacións, instalacións e oportunidades que teñen á súa disposición no campus de Ourense para desenvolver a súa futura vida universitaria.    

Pensar no futuro

A cita, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, levou por título Coñece o campus de Ourense e nela participaron rapazas e rapaces, acompañados por docentes, do CPR Plurilingüe Divina Pastora e do IES Ramón Otero Pedrayo, ambos de Ourense, e do IES Laxeiro de Lalín. A programación arrancou para elas e eles cunha benvida conxunta na que os recibiu Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que agradeceu ao alumnado, profesorado e centros educativos asistentes a súa participación neste acto. O curso pasado, lembrou, fixéronse cinco xornadas deste tipo pero “este curso tivemos que incorporar unha máis, esta de decembro que facemos por primeira vez, para atender o cada vez maior interese dos centros por achegarse a coñecer o noso campus de primeira man”.

“Estes rapaces e rapazas están nun momento no que teñen que ir xa pensando e decidino que estudar e son moitas as dúbidas que poden ter, como é lóxico. Aquí estamos para axudarlles, para que coñezan o noso campus e vexan o que lles pode ofrecer. Nós encantados de recibilos, de atendelos e de que nos elixan o día de mañá”, comentou o responsable académico. Francisco Javier Rodríguez animou ao alumnado presente a que aposten polo campus de Ourense, “un campus que está en constante crecemento, que temos uns resultados nas enquisas de satisfacción elevadísimos e algunhas das titulacións máis potentes non só da UVigo senón de Galicia”. Entre os puntos fortes destacou o ambiente universitario, a proximidade do profesorado, a situación do campus no centro da cidade e a “elevadísima saída profesional” das titulacións. En todo caso, afirmou, “aquí non só acompañamos ao alumnado no seu crecemento académico senón tamén no persoal, aquí formamos profesionais pero tamén persoas co obxectivo de continuar avanzando cara unha sociedade mellor”. Por último amosou a súa confianza en que o hoxe alumnado preuniversitario “siga confiando en nós e nos siga escollendo, como o vén facendo ano tras ano”. 

Unha panorámica completa

Seguindo o formato de edicións anteriores, a actividade continuou con visitas guiadas ás diferentes escolas e facultades do campus, tendo o alumnado que escoller entre realizar un itinerario polas titulacións do ámbito xurídico-social, humanidades e artes ou polas do eido de ciencias e enxeñaría, segundo a modalidade de Bacharelato que están cursando. Na actualidade, nas nove escolas e facultades do campus de Ourense impártense 16 títulos de grao, seis programas conxuntos de dobres graos, 15 mestrados e sete programas de doutoramento, superando a cifra de alumnado de 5000. O itinerario do ámbito xurídico-social, humanidades e artes permitiulle ao alumnado coñecer as facultades de Educación e Traballo Social; Historia; Ciencias Empresariais e Turismo; Dereito e Relacións Internacionais. O itinerario de ciencias e enxeñaría levounos á Escola Superior de Enxeñaría Informática; á Facultade de Ciencias; á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á Escola Universitaria de Enfermaría.

Nas visitas percorreron os seus edificios, coñecendo desde as súas aulas e laboratorios ata museos que albergan, da man de membros dos seus equipos decanais e directivos, que foron explicándolles todo tipo de cuestións referidas ás súas titulacións, actividades e saídas profesionais. Igualmente, en diferentes laboratorios as e os estudantes achegáronse ao traballo investigador que se realiza nas facultades e escolas ourensás, especialmente no caso da Facultade de Ciencias pero tamén en eidos como o espacial, a arqueoloxía e a intelixencia artificial. No seu percorrido tamén tiveron a oportunidade de coñecer o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e instalacións universitarias comúns, como as deportivas, a biblioteca e as zonas verdes.

Entre esta rapazada estaba este mércores Sara e Ángela, alumnas de Bacharelato do IES Laxeiro de Lalín, que ao remate da visita destacaban as súas boas impresións dun campus que pisaban por primeira vez. “A visita foi moi interesante. Todos os profesores e integrantes dos centros explicáronnos moi ben de que trataban as carreiras e como funcionaba isto”, comentaba Sara. Coincidindo con ela, Ángela sinalaba que “estivo moi ben, todo o que explicaron foi moi interesante, sobre todo a parte do laboratorio e ciencias”. 

Máis oportunidades en xaneiro

Tras esta primeira sesión, haberá dúas novas oportunidades de coñecer o campus de Ourense in situ os días 13 e 14 de xaneiro. O primeiro deses días achegaranse case 300 estudantes dos IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia), IES de Allariz, CPR Seminario Menor Diocesano A Inmaculada, IES Celanova Celso Emilio Ferreiro e IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda). O segundo día será a quenda de arredor de 250 rapaces e rapazas do IES Xesús Taboada Chivite (Verín), IES Carlos Casares (Viana do Bolo), Centro Privado Plurilingüe Santa Teresa de Jesús e IES Eduardo Blanco Amor. Xa avanzado o curso haberá varias sesións máis.