DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizaron unha visita explicativa ao Balneario de Mondariz

O arranque do Plan de Turismo Termal de Galicia conta coa participación de alumnado do campus

A iniciativa permitiulles coñecer a potencialidade empresarial e de servizos deste espazo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Ourense 14/03/2025

O Plan de Turismo Termal de Galicia botou a andar este xoves cunha visita ao Balneario de Mondariz dunha representación de estudantes do Grao de Turismo, do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e do Programa Universitario para o Emprego e a Vida Autónoma da Universidade de Vigo. A iniciativa permitiulles coñecer de primeira man a potencialidade empresarial e de servizos deste recurso turístico galego.

A responsable da Área Termal de Turismo de Galicia, Belén Gómez, acompañou ao grupo ata o establecemento de Mondariz, que forma parte da oferta de balnearios e centros de talasoterapia de Galicia. A visita comezou cunha recepción por parte da directora de comunicación do complexo, Amalia Gallego. Posteriormente, o estudantado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e do Programa Universitario para o Emprego e a Vida Autónoma do campus de Ourense, acompañado polo profesor e catedrático da UVigo José Antonio Fraiz, puido acceder ás instalacións do Palacio da Auga do citado balneario, para coñecer así a oferta de servizos que compoñen a súa carta.

O Plan de Turismo Termal de Galicia busca, entre outros obxectivos, posicionar á comunidade como destino de referencia nesta modalidade turística. A iniciativa celebrada este xoves forma parte deste plan e está pensada para "pór en valor a riqueza da comunidade en augas minero-medicinais como opción turismo de saúde" e "favorecer o recoñecemento doutros recursos asociados á proposta de turismo de benestar e sostible". É o caso, detallan desde a Área Termal de Turismo de Galicia, da valoración da auga como fonte xeradora de riqueza e emprego en Galicia. Nesta mesma liña, destacan a aposta polo fomento do respecto polo medio, que na visita amosouse a través da reciclaxe dos produtos e vestimentas empregados e na elección, na medida do posible, de materiais que non deixen residuos.