DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación arrancou este luns en Calvos de Randín

Arredor de 150 persoas de 12 países danse cita no congreso internacional de patrimonio no medio rural Sopa

Organizado polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 02/09/2024

O concello ourensán de Calvos de Randín acolleu este luns o arranque do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural (Sopa), que se prolongará ata o día 8. Nel danse cita arredor de 150  persoas (investigadores, mediadores culturais e emprendedores de 12 países) e cotnará coa presentación de máis de 60 comunicacións de países como México, Colombia, Chile, Arxentina, Grecia, Alemaña, Portugal e España.

"Este congreso celébrase anualmente co obxectivo de explorar novas formas de abordar a relación patrimonio-comunidade, compartir memorias colectivas e promover o intercambio entre coñecementos diversos e procesos de construción do coñecemento", sinalan desde a súa organización. O evento, que se celebra por segunda vez en Galicia, está organizado nesta ocasión polo GEAAT, Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, a través dos seus membros Beatriz Comendador e Óscar Penín, contando tamén co apoio da Bela Auria, da Rede Aldear, da Deputación de Ourense e de La Underground Colectiva.

A programación desenvólvese nos concellos rurais ourensáns de Os Blancos, Baltar, Calvos de Randín e Muíños, escollidos pola riqueza patrimonial da zona rural transfronteiriza entre Galicia e Portugal. Sobre os seus obxectivos, os promotores de Sopa lembran que este congreso internacional naceu para “educar no común, contactar, facilitar o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural; traballar no sentimento colectivo, con xente que quere comprometerse coa comunidade, que quere cambiar as formas de relacionarnos coa nosa cultura, e emancipar o coñecemento mediante a expansión dos saberes e a cocreación de contidos e metodoloxías”.

Da teoría á práctica

Ao longo dos días de congreso está prevista a celebración de diferentes sesións teóricas sobre temas como políticas culturais, metodoloxías participativas e análise e estudos relacionados co patrimonio rural e as comunidades ás que está vinculado. No apartado de sesións de proxectos presentaranse propostas executadas ou en fase de desenvolvemento, deseñadas no ámbito do patrimonio rural e do traballo con comunidades. Estes proxectos están vinculados a unha ampla e diversa variedade de temas, como a xestión de territorios; o turismo comunitario; a tradición oral e/ou tradición mnemónica e as redes culturais.

Ademais, haberá un seminario monográfico titulado O maior saber, o saber maior no que se porá o foco, con especialmente atención, nos saberes herdados a través das persoas maiores, contando cunha xornada dedicada integramente a este tema e onde intervirán, entre outros, os antropólogos ourensáns Manuel Mandianes e Fátima Braña. "Que mellor homenaxe para celebrar a vida que dedicar o seminario deste ano ás persoas maiores, en moitas ocasións grandes protagonistas dos procesos de socialización do patrimonio cultural e da memoria colectiva, e, sobre todo, no rural", comentan desde a organización do evento. O programa completarase con numerosas actividades culturais e lúdicas, moitas delas enmarcadas no Festival de Saberes Pedra, entre as que se inclúen teatro, música, cinema documental e narración oral.

Deste xeito, o primeiro día a actividade arrancou coa inauguración, na que participaron, ademais de membros da organización, representantes dos concellos implicados na iniciativa e a vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda. Seguiu cunha conferencia sobre a arqueoloxía do Val do Salas a cargo de Juan Galiña (investigador da Universidade de Vigo) e o arqueólogo Eduardo Breogán e outra sobre as paisaxes agro-pastorís e arquitectura popular tradicional na rexión transfronteiriza do Gerês/Xurés, a cargo do arquitecto Fernando Cerqueira. Esta primeira sesión completouse con visitas ao xacemento da Torre da Piconha e ao Couto Mixto, estando previstas xa pola noite varias actuacións de teatro a cargo das compañías Fantoches e  Almealera. Xa o martes a programación trasladarase aos Blancos.