O seu obxectivo é fomentar a convivencia en diversidade a través do xogo
Arredor de 150 persoas participan nas XXIII Xornadas Interxeracionais
Organizadas por alumnado e profesorado do Grao de Educación Social e Ategal
Este xoves celébrase en Ourense a edición XXIII das Xornadas Interxeracionais. Nelas, arredor de 150 persoas de idades, capacidades e orixes moi diversas conviven e estreitan os seus lazos compartindo actividades de ocio, principalmente xogos. A cita está organizada como cada ano por alumnado e profesorado do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social e Ategal (Formación Permanente e Ocio para Persoas Adultas), contando co apoio da citada facultade.
Ao longo deste curso académico, máis de medio centenar de estudantes do Grao de Educación Social traballaron na organización da actividade no marco da materia Educación permanente, impartida polo educador social Millán Brea. Coa programación proposta nas xornadas, explican desde a súa organización, búscase rachar dun xeito lúdico as barreiras presentes no día a día na sociedade entre os diferentes colectivos, sobre todo as referidas á idade, ao mesmo tempo que o alumnado universitario fórmase de xeito práctico en competencias necesarias para o seu futuro profesional. Nesta edición, ademais de alumnado universitario e persoas maiores de Ategal, participaron membros de Aspanas (asociación de familiares de persoas con discapacidade intelectual de Ourense) e de Down Ourense e alumnado de ciclos formativos de integración social.
A programación arrancou como cada ano na Praza Maior de Ourense, onde os primeiros grupos participantes achegáronse para quecer motores con diferentes xogos conxuntos e para ler o manifesto que cada ano realizan nestas xornadas. De seguido a actividade trasladouse ao pavillón de deportes do campus, onde ao longo da mañá o alumnado de Educación Social preparou e desenvolveu diferentes xogos para compartir coas persoas asistentes. Tras unha comida campestre conxunta, pola tarde, serán as persoas maiores de Ategal as que guiarán ás e aos participantes en xogos que elas e eles aprenderon ao longo da súa vida, especialmente nos anos 50, 60 e 70 do século pasado. Despois dun longo día de actividade, a programación rematará cunha merenda conxunta.
Da teoría á práctica
“Desde que naceron hai 23 anos, o obxectivo destas xornadas é xogar e compartir experiencias interxeracionais a través dos xogos”, explica Millán Brea. A iniciativa, engade, aposta por unha metodoloxía de aprendizaxe-servizo, “que é unha metodoloxía didáctica na que o alumnado é parte activa do proceso: o alumnado é quen fai absolutamente todo, prepara as actividades, contacta coas asociacións, pide os permisos, etc”. O profesor sinala que “o noso obxectivo como docentes ten que ser formar profesionalmente ao alumnado e para iso o alumnado ten que facer, pois apréndese facendo” e apunta a importancia de en actividades coma esta xornada o estudantado afronte resolver problemas, tomar decisións, afrontar conflitos ou rectificar erros. Pondo en valor o traballo realizado ao longo destes meses polo alumnado, Millán Brea, no ecuador da actividade, destaca que a xornada “está saíndo marabillosamente” e supón “unha aprendizaxe superinteresante para estes futuros profesionais”.
Do mesmo xeito, Zaira Graña, delegada de primeiro curso de Educación Social, amosaba na xornada a súa satisfacción por participar nesta iniciativa. “É un proxecto real e desenvolvelo xa en primeiro curso supón unha grande oportunidade para aprender non só a teoría senón tamén para pór en práctica desde o primeiro momento o que estamos aprendendo no grao”. Recoñecendo os nervios previos ao arranque da actividade, a alumna explica que está sendo “unha experiencia moi bonita” e subliña a boa acollida dispensada por todos os colectivos implicados e a satisfacción de “aprender con eles”. Esta xornada, comenta, supón “unha aprendizaxe moi boa” que permite ao estudantado ver que “levar a teoría á práctica é máis complicado do que pensabamos e hai moitos factores a ter en conta”.
