DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación PS1 da UVigo é unha das entidades organizadoras

Arredor de 200 persoas participarán no III Congreso Internacional sobre Consumo de Cannabis

A cita desenvolverase de xeito semipresencial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 12/11/2021

O III Congreso Internacional sobre Prevención, Tratamento e Control do Consumo de Cannabis e os seus Derivados celebrarase de xeito semipresencial os días 18, 19 e 20 de novembro. O seu obxectivo será unha vez máis ampliar e difundir a información sobre lexislación vixente en materia de cannabis e facilitar formación a profesionais do eido docente e sanitario sobre “o problema de saúde pública que representa o seu consumo, na maioría dos casos unido ao tabaco, e o aumento do seu consumo en adolescentes”.

A presidencia do comité organizador desta cita está compartida por Manuel Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo e membro do grupo de investigación PS1 que participa na organización do congreso, e Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, da Consellaría de Sanidade. Como entidades colaboradoras están unha vez máis, ademais da propia Universidade de Vigo e a Consellaría de Sanidade, a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, do Ministerio de Sanidad, e a Sociedad Científica Española para el Estudio del Alcohol y las Drogas (Socidrogalcohol). “No congreso intentamos abordar o consumo do cannabis desde as tres perspectivas: a legal, a psiquiátrica e medicinal e a educativa”, comenta Manuel Isorna.

Sobre a relevancia de abordar a temática deste congreso, desde a súa organización apúntanse datos como os da enquisa Edades 2019-20, que indica que o cannabis é a droga con maior prevalencia de consumo en España na poboación de 15 a 64 anos, que a idade media de inicio de consumo sitúase nos 18,5 anos e que o 37,5% recoñece ter consumido cannabis algunha vez na vida. Fronte a estes datos, alértase sobre a banalización do seu consumo e a importancia de pór o foco “nas evidencias científicas que amosan que o consumo de cannabis se asocia cun deterioro orgánico e de saúde mental”. Porén, engaden, a relevancia desta sustancia non se limita aos potenciais efectos negativos derivados do seu consumo ou asociados ao mesmo, senón tamén ao potencial terapéutico dos derivados cannábicos.

Diversidade de temáticas e disciplinas

Este congreso sobre prevención, tratamento e control do consumo de cannabis é, segundo indican desde a súa organización, unha iniciativa científica que pretende aglutinar a profesionais dos ámbitos sanitario, xudicial e educativo, alumnado das ramas socio-sanitarias e todas aquelas persoas interesadas nunha resposta aos problemas derivados do consumo de cannabis. “Pór en común os crecentes coñecementos sobre o seu consumo, ben illado ou en asociación con outras sustancias psicoactivas, pode ser de grande utilidade para todas aquelas persoas que na súa actividade laboral se ven, directa ou indirectamente, afectadas polo mesmo: profesionais da medicina, psicoloxía, enfermaría, docencia, así como outros profesionais doutras disciplinas que traballan neste campo”, apuntan. Ao longo das súas sesións, o congreso pretende abordar tamén a prevención, o tratamento e o control do consumo de cannabis desde unha perspectiva de xénero, “tentando evitar o androcentrismo tan habitual no estudo das condutas aditivas”, e doutra banda, abordar na medida do posible o consumo e as súas consecuencias sobre o cerebro e o estilo de vida na adolescencia.

As áreas temáticas do congreso abranguen o cannabis e a súa relación con outras substancias, coa saúde mental, coa prevención, co uso terapéutico, co tabaco, coas políticas públicas e coa súa articulación coa sociedade civil, coa redución de danos, cos estilos de vida, coa perspectiva de xénero, cos menores e adolescentes e coas normas legais. O programa inclúe relatorios de especialistas do eido académico e profesional de temas tan diversos como que funciona no contexto escolar para previr o consumo de cannabis; o impacto do consumo de cannabis nas características e incidencias da psicose; os cannabinoides sintéticos; a intervención xurídica-penal con menores infractores consumidores de cannabis; a loita económica contra o narcotráfico; as claves clínicas de cannabis, xénero e adolescencia e os beneficios e riscos do uso terapéutico do cannabis. Para abordar estas cuestións, Manuel Isorna explica que o evento conta cun amplo panel de profesionais “referentes” nos respectivos eidos de actuación.

As persoas inscritas neste terceiro congreso xa poden ver na web do evento os relatorios do programa, previamente gravados. Os día 18, 19 e 20 de novembro case a totalidade de relatores e relatoras estarán fisicamente na Axencia de Coñecemento en Saúde, en Santiago de Compostela, para participar no desenvolvemento do congreso, que será seguido polos inscritos e inscritas de xeito virtual, centrándose estas sesións no debate e diálogo arredor do temas propostos na programación.