DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle este xoves e venres o III Congreso Red Localis

Arredor de 70 especialistas analizan no campus os retos de futuro das entidades locais

A transformación dixital é unha das cuestións abordadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Transferencia
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/06/2019

As cidades intelixentes, a modernización da xestión, a mellora da transparencia grazas ao manexo da información, a innovación nos recursos humanos... a transformación dixital tamén é un reto ao que as entidades locais están facendo fronte e terán que facer fronte a curto prazo. Para afondar neste e noutros temas de preocupación no eido do municipalismo, o campus de Ourense acolle este xoves e venres o III Congreso Red Localis.

Co título Retos das entidades locais ante a transformación dixital da xestión pública, o congreso reúne a arredor de 70 especialistas en administración municipal para abordar os desafíos dos concellos no século XXI. A cita está organizada pola Red Localis, foro de reflexión sobre a xestión do municipalismo formada por persoal docente e investigador do eido universitario e profesionais do eido local e xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen), con sede na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Durante a inauguración do congreso, que se celebra na biblioteca Rosalía de Castro, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou como, a pesar de ser creada hai catro anos, a Red Localis ten “unha actividade produtiva moi intensa”. Así, apuntou, leva publicado dez documentos de traballo e dúas monografías e asinado varios convenios de colaboración, entre outras entidades coa Deputación de Ourense e a Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, lembrou durante a inauguración da cita esta colaboración salientando como ante os retos do municipalismo “as nosas entidades locais, os concellos, e os gobernos intermedios, as deputacións, non poden nin deben ser alleos, deben afrontalos e conseguir que os servizos públicos cada vez se presten mellor, é dicir, cada vez máis eficientes, máis económicos, máis sostibles e de máis calidade”. Así, Rosendo Fernández recalcou a importancia de que este terceiro congreso conte con “relatores de contrastada valía” e aborde “temas estratéxicos para o sector público en xeral e para o sector público local en particular como son a ética pública, o bo goberno, a transparencia, a rendición de contas ou a xestión intelixente”.

Das cidades intelixentes á ética

Durante a súa intervención na inauguración do congreso, Santiago Lago, director do grupo Gen, salientou a importancia de que este debate dos retos da administración local se realice desde Ourense. “Ourense ten moitísimos activos para ser líder e un espazo de referencia, porque temos capital humano e socios que axudan a que esas iniciativas se poidan realizar”, afirmou o catedrático da Universidade de Vigo. Pola súa banda, Alberto Vaquero, codirector da Red Localis xunto Concepción Campos, destacou como a rede que dirixe “busca sobre todo transferir coñecemento, tanto das universidades como das entidades locais, propondo ideas para mellorar a xestión local no día a día e enriquecer o debate público”.

Alberto Vaquero indicou como a temática elixida nesta terceira edición do congreso é “o proceso das TIC, da xestión da innovación”, aínda que lembrou como o programa abrangue un amplo abano doutras cuestións, como o gasto público ou os impostos. Sobre o reto dixital, o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense puxo como exemplo o desafío que supón para o municipalismo “o desenvolvemento das cidades intelixentes e dar servizos públicos de calidade nunha contorna respectuosa co medio ambiente”. O codirector da rede salientou como a dixitalización e a innovación están a mudar e mudarán no futuro desde a xestión dos recursos humanos ata a recollida do lixo. Neste contexto, recalcou a importancia de afondar en como se están a implementar as tecnoloxías da comunicación no mundo local e analizar as oportunidades que se abren con elas.

O programa do congreso arrancou este xoves abordando as problemáticas e os desafíos do persoal ao servizo das entidades locais, achegándose a cuestións como os novos modelos de captar e reter talento, a carreira profesional e a aprendizaxe como motor do cambio. Xa pola tarde, haberá intervencións sobre cuestións que van desde a transparencia nas administracións locais en Arxentina ata os contratos menores. Xa o venres a programación contará cun primeiro bloque centrado na ética e o bo goberno local, afondando en aspectos como a construción dunha táboa de valores éticos ata a rendición de contas. Un segundo bloque achegarase ao camiño cara unha xestión máis sostible e eficiente dos municipios, tanto no eido urbano como rural. Para falar de todos estes temas, o congreso conta coa participación de especialistas de entidades como universidades, deputacións, concellos e diferentes órganos das administracións públicas.