DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os actos de graduación arrancan este venres cos títulos de Traballo Social e Educación Social

Arredor de 700 estudantes do campus celebrarán nas vindeiras semanas o remate dos seus estudos

Pecharanse o 19 de xullo con Enxeñaría Informática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 30/05/2024

Co curso académico 2023/2024 a piques de entrar na súa recta final, é o momento dos actos de graduación. Desde este venres e ata o 19 de xullo, arredor de 700 estudantes do campus (656 de grao e 44 de mestrado) celebrarán, acompañados de membros da comunidade universitaria, familiares e amigos, o remate dos seus estudos. Todos os actos, excepto o de Historia, terán lugar no edificio Politécnico do campus.

O centro máis madrugador é a Facultade de Educación e Traballo Social, que este ano gradúa a 319 estudantes de grao. Este venres, día 31, terá lugar ás 17.00 horas a graduación de Traballo Social (67 persoas), apadriñadas por Yolanda García e José Domínguez. Seguiralle, ás 19.00 h Educación Social (74 estudantes), con María Esther Pérez e Jesús Deibe Fernández como padriños. No mesmo lugar pero xa o 7 de xuño será a quenda, ás 17.00 e 19.00 h respectivamente, dos graos de Educación Infantil (92 persoas) e Educación Primaria (86), que escolleron como padriños e madriñas a Xosé Constenla Vega e Francisco Javier García e Ana María Iglesias e Inés Táboas.

Tamén na tarde do 7 de xuño, ás 18.30, e no mesmo edificio, celebrará o remate dos seus estudos o alumnado do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Esta nova promoción, formada por 49 estudantes, escolleu como padriños a Amable Liñán e Ricardo Bendaña.

Graduacións e recoñecementos

Os actos de graduación continuarán o 14 de xuño, ás 18.30 h, co alumnado da XII promoción do Grao en Dereito e a VI do Programa Conxunto Grao en Administración e Dirección de Empresas e Grao en Dereito, formadas por 25 e 12 estudantes respectivamente apadriñados por Roberto O. Bustillo e María Jesús Castro. No acto, como xa é tradición, a Facultade de Dereito nomeará un novo membro honorí¬fico do seu Claustro de Profesorado, sendo o elixido nesta ocasión a Jorge Cardona, catedrático de Dereito Internacional Público da Universitat de València.

No caso da Facultade de Ciencias, o evento será o 21 de xuño, ás 18.00 h. Graduaranse a XII promoción do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (29 estudantes); a XI de Enxeñaría Agraria (7); a XI de Ciencias Ambientais (27) e unha nova xeira do Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental (12). Estarán amadriñados e apadriñados por Sidonia Martínez e Elena Falqué, por Sandra Rivas e Daniel Arenas e por María Flora Alonso e Juan Carlos Nóvoa. No acto entregaranse igualmente os premios aos mellores traballos fin de grao das diferentes titulacións.

O 28 de xuño, ás 18.00 h, será a quenda da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Recollerán os seus diplomas e bandas a XIII promoción do Grao en Turismo (19 estudantes); a XIV de Administración e Dirección de Empresas (38); a VI do Programa Conxunto ADE-Dereito (12); a V do Programa Conxunto ADE-Enxeñaría Informática (1); a XIII do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde (9) e a XIII do Mestrado Universitario en Xestión Empresarial do Deporte (12). Como madriñas e padriños estarán Ana Gueimonde e Pablo de Carlos Villamarín e Eva Rodríguez (de Edisa) e Andrés Rodríguez (de Viña Costeira). No acto entregaranse os premios aos mellores expedientes dos graos.

A única graduación que se celebrará fóra do campus é a da Facultade de Historia. Será o día 29 de xuño, ás 18.00 h, no Liceo de Ourense. O centro despedirá a 33 estudantes da XI promoción do Grao en Xeografía e Historia e da III do Programa Conxunto Grao en Turismo-Grao en Xeografía e Historia.

Pechará estes actos a Escola Superior de Enxeñaría Informática o día 19 de xullo, ás 18.30 h. Trátase da XII promoción do Grao en Enxeñaría Informática (75 estudantes); a VI do Programa Conxunto ADE-Enxeñaría Informática (10); a XI do Mestrado en Enxeñaría Informática (10) e a primeira do Mestrado en Intelixencia Artificial (2). Actuarán como madriñas e padriños o profesorado do centro Rosalía Laza, Francisco José Ribadas, Mónica Legaspi e José Ramón Méndez. No acto tamén se darán os atributos aos novos doutores e doutoras do centro.

A estes actos hai que sumar o do único centro adscrito do campus, a Escola Universitaria de Enfermaría, cuxo alumnado celebrou a súa graduación a principios deste mes de maio.