O cuarto encontro 'Art at the Edge of Nature' desenvólvese na Universidad Complutense
Arte, ciencia e natureza combínanse no foro internacional que investigadoras do campus promoven en Madrid
Impulsado polos grupos dx5, de Belas Artes, e AF4, da EE Forestal
Promovido polos grupos de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, e AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, Art at the Edge of Nature é un ciclo itinerante de encontros científicos centrados nas conexións entre arte, natureza e ciencia, que nestes días desenvolve a súa cuarta edición na Universidad Complutense de Madrid. O espazo La Trasera da Facultade de Belas Artes da UCM é a sede desta nova edición dun evento centrado en afondar, “desde unha perspectiva interdisciplinar”, nas relacións “entre prácticas artísticas, investigación científica e pensamento ecolóxico contemporáneo”, sinalan desde a súa organización.
Coordinado pola investigadora Antía Iglesias, xunto coa profesora de Belas Artes Ana Soler, directora do grupo dx5 (digital & grahpic art research) e a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela, o encontro que nestas dúas xornadas se desenvolve en Madrid conta tamén co apoio do Campus Crea, a través da convocatoria de axudas á organización de congresos, promovida co financiamento da Deputación de Pontevedra. Nela, máis dunha vintena de artistas, investigadoras e investigadores protagonizan as conferencias e mesas de debate dos catro eixes temáticos nos que se estrutura esta edición, que leva por título Responsabilidades y conciencias biocreativas. Á fronte deste encontro sitúase un comité organizador integrado polas investigadoras da UVigo e os docentes da UCM Santiago Morilla, José Carlos Espinel e José Enrique Mateo.
De Nova York a Madrid
“Configurado como unha serie internacional de encontros científicos inscrita na consolidación das prácticas de investigación artística que operan na intersección entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade”, Art at the Edge of Nature naceu en 2024, ao abeiro dunha estadía posdoutoral de Iglesias en Nova York, como beneficiaria dunha bolsa fulbright. Nesta cidade, o SVA Bio Art Lav e o Bio Bat Art Space foron as sedes das dúas primeiras edicións duns encontros que, explica, “céntranse en investigar, mapear e difundir proxectos interdisciplinares” que conectan arte, natureza e tecnoloxía. Xa en setembro de 2025, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra acollía a terceira edición deste foro, que pasaba a vincularse á liña de investigación sobre novas materialidades e ecoloxías do grupo dx5 e á liña de investigación de biorecursos e propostas de arte-ciencia do grupo AF4.
Centrada en “establecer un diálogo público con investigadores nacionais de referencia no sector da bioarte contemporánea, desde diferentes vertentes”, esta terceira edición foi a súa vez o xerme das liñas de colaboración que contribuíron a levar a Madrid este encontro científico. “O evento formulouse sempre como algo itinerante, no que vas tecendo colaboracións”, recoñece Iglesias, quen lembra que esta edición conta coa colaboración dos grupos de investigación GIPAFCoCo e SCIART, da UCM. O evento conta así mesmo co financiamento da Xunta de Galicia, a través das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación. e do proxecto de I+D Las buenas artes de vivir con las otras ‘a través’ del diseño, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Da relación cos materiais á “ética da co-habitación”
Formulada como “un espazo de diálogo e reflexión” entre docentes de diferentes universidades, novos investigadores e investigadoras e artistas e investigadores independentes, esta edición de Art at the Edge of Nature ten como eixe a concepción da arte “como un dispositivo de investigación e cuestionamento capaz de abordar de forma integrada os desafíos tecnoecolóxicos contemporáneos”, sinalan as súas organizadoras.
Estruturado en catro bloques, o encontro arrancou na mañá do xoves coas conferencias e debates centradas en explorar “as formas de relación cos materiais en contextos de crise ecolóxica”. O segundo eixe desta xornada foi a análise de “dispositivos, ferramentas e prácticas que permiten acceder a outras formas de percepción, pondo en cuestión os límites do sensible”. Xa na mañá deste venres, este foro académico puxo o foco nas metodoloxías transdisciplinarias “que cuestionan a centralidade do humano e promoven forzas de aprendizaxe e colaboración híbridas”; pechándose o encontro co bloque dedicado á “ética da co-habitación”, dirixido a reflexionar sobre prácticas de investigación orientadas “á corresponsabilidade e á sostibilidade”.
