DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con propostas sobre animación 3D, cerámica, gravación e produción e ámbito artístico profesional

Arte e música centran a oferta de cursos de verán do campus

Desde esta semana é posible inscribirse nestas catro actividades para toda a cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cursos
  • Música
DUVI Pontevedra 14/05/2025

Abertos a toda a cidadanía, a oferta de cursos de Extensión Universitaria impulsada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra para este verán abrangue catro propostas centradas na gravación e produción musical, a construción dun forno cerámico, a arte 3D e o ámbito artístico profesional. Desde esta semana, permanece aberta na plataforma Campus Activo a inscrición nestes catro cursos, de entre 30 e 40 horas de duración, que permitirán levar a formación máis aló do ano académico.

Trátase de catro cursos que se ofertan por primeira vez no campus e que se densevolverán entre xullo e outubro, contando todos elescon 20 prazas, que serán cubertas por orde de inscrición. O seu prezo de matrícula oscila entre os 40 e os 60 euros, ao que se aplica un desconto do 35% ás e aos membros da comunidade universitaria, familiares e comunidade Alumni, e do 20% a outros colectivos vinculados coa UVigo. 

Tres opcións en xullo

Esta programación botará a andar o 7 de xullo na sede da Vicerreitoría co curso Profesionalización e sustentabilidade no ámbito artístico II. Dirixido pola artista e docente Iria Vázquez, este curso ten como obxectivo afondar na realidade do ámbito artístico profesional, a través dun achegamento a boas prácticas, dinámicas, estruturas que marcan as relacións entre artista e público e ao funcioanemnto do mercado. Coa participación de artistas,  comisarias, críticas de arte e investigadoras, esta actividade permitirá tamén coñecer iniciativas que conectan creaciónartística e participación cidadá, así como analizar as problemáticas e estereotipos vinculados á actividade artística dese unha perspectiva de xénero. 

Tamén dando continuidade a obradoiros e cursos previos, Belas Artes acollerá entre o 10 de xullo e o 18 de setembro, Constrúe o teu propio forno cerámico, un seminario dirixido pola profesora da facultade Covadonga Barreiro. Coa participación como docentes da egresada e técnica en escultura Teresa Pece e do ceramista Wladimir Vivas, trátase dun taller que achegará ás persoas asistentes unha visión xeral dos fornos de leña, as súas características e funcionamento, á vez que aprenden a construír un pequeno forno con ladrillo refractario illante e coñecen as posibilidades estéticas das coccións de arxila a alta temperatura.

En xullo desenvolverase tamén Gravación e produción musical, un curso dirixido polo produtor e profesor da Facultade de Comunicación Javier Abreu, quen ao longo da súa traxectoria profesional realizou máis dun centenar de producións para diferentes compañías discográficas. Programado para entre o 15 e o 30 de xullo, trátase dunha proposta dirixida a achegar unha visión xeral do sector, así como a aplicar de xeito práctico os procesos de produción musical, tanto no eido do son analóxico como do dixital. 

Arte 3D en setembro

Xa no mes de setembro, dará comezo no Lab Crea da Casa das Campás o curso Iniciación á arte 3D, que permitirá ás e aos participantes aproximarse a ferramentas e técnicas que se empregan nas industrias dos videoxogos e a animación. Dirixido polo investigador predoutoral Alberto Abal, o curso contará coa participación do animador 3D Francisco Pérez e da animadora e ilustradora Belén Bonilla e centrarase na comprensión dos diferentes procesos que integran o ámbito da arte 3D, en coñecer os conceptos técnicos fundamentais sobre como funcionan as tecnoloxías de renderizado e en familiarizarse coas distintas opcións de software dispoñibles para o artista 3D.