DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permanece aberta a inscrición na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría

Arte, música, escalada e cogomelos centran seis obradoiros abertos a toda a cidadanía

Desenvolveranse entre outubro e decembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Música
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/09/2025

Ata o venres 3 de outubro permanece aberto o prazo de inscrición nos seis obradoiros que integran a programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus de Pontevedra para este primeiro cuadrimestre. Trátase de seis propostas abertas a toda a cidadanía, que permitirán achegarse á creación de caixas sonoras, á cerámica con terras sigillatas ou á elaboración de tapices cunha pistola eléctrica, así como coñecer os procesos da industria musical e iniciarse na escalada e na identificación de cogomelos. De entre 20 e 30 horas de duración, estes obradoiros desenvolveranse nas diferentes facultades e escolas entre outubro e decembro e contan co recoñecemento dun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo.

A matrícula nestes seis talleres, que contan con entre 10 e 16 prazas, pode realizarse a través da plataforma Campus Activo, cun prezo de 26 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria, 32 para outros colectivos vinculados á UVigo e 40 para a público en xeral.

Tres novas propostas

Entre as novidades que se incorporan neste cuadrimestre á programación de extensión universitaria do campus atópanse propostas como o obradoiro de caixas sonoras que a Facultade de Belas Artes acollerá do 16 ao 24 de outubro. Impartido pola artista e docente Iria Vázquez e o deseñador sonoro Marco Maril, este taller busca introducir o alumnado na arte sonora, a través da experimentación creativa e da realización dunha serie de pezas artísticas con forma de caixas, amplificadas con micrófonos de contacto. 

Belas Artes acollerá tamén, do 30 de outubro ao 4 de decembro, a primeira edición do obradoiro Terras Sigillatas, que permitirá iniciarse no traballo con esta técnica de cerámica romana. Dirixido por Covadonga Barreiro, contará coa participación como docentes da graduada en Belas Artes Teresa Pece e do artesán Carlos San Claudio e propón tanto un achegamento ás características e aplicación desta técnica, como a exploración das súas posibilidades plásticas e expresivas desde unha perspectiva contemporánea.

Outra das novidades é o curso Artistas e industria musical, que permitirá coñecer e revisar as estruturas e procesos da industria musical, tanto desde a perspectiva profesional como desde o punto de vista das e dos artistas. Dirixido polo docente e produtor musical Javier Abreu, este obradoiro desenvolverase do 5 ao 28 de novembro na Facultade de Comunicación e afondará tamén na xestión e comunicación dos proxectos musicais.

E tres cursos que repiten presenza

Esta programación complétase con outros tres obradoiros que xa formaron parte da programación do campus, como a oitava edición de Iniciación á escalada en rocódromo, que terá lugar do 18 ao 25 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Dirixido pola profesora Águeda Gutiérrez, este curso permitirá coñecer as técnicas básicas de escalada, co propósito de poder logo practicar este deporte con autonomía, contando como docente co técnico deportivo en escalada e guía de montaña José Juan Domínguez.

Entre o 15 de outubro e o 17 de decembro, a Escola de Enxeñaría Forestal acollerá a terceira edición de Identificación de cogomelos. Nivel I, un obradoiro dirixido polo investigador Adrián Melón, no que adquirir as competencias necesarias para iniciarse na micoloxía. Combinando sesións en aula e saídas de campo, permitirá tanto coñecer as principais especies tóxicas e comestibles, como o procedemento de recolleita ou o seu aproveitamento en cociña.

Finalmente, do 21 de outubro ao 4 de decembro, Belas Artes acollerá a segunda edición de Introdución ao tufting gun, un obradoiro de iniciación no manexo desta pistola eléctrica que permite realizar alfombras ou tapices sobre unha tea tensada nun bastidor. Impartido polo artista e docente Marcos Covelo e a deseñadora de moda Miriam Cartagena, o taller abrangue tanto a explicación do procedemento técnico, como xerar un diálogo sobre as posibilidades do téxtil e dos procedementos artesanais na arte contemporánea.