DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista e docente Ignacio Barcia participou nunha “grande acción sonora colectiva” en Strodehne

Arte, música e sobremesas reúnen á veciñanza dunha vila de Alemaña 

O proxecto buscou implicar toda a poboación desta localidade 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/10/2022

Música, instalacións artísticas, tortas e pasteis, nunha “multitudinaria e singular merenda artística”, que tivo lugar na tarde deste domingo na localidade alemá de Strodehne, no estado de Branderburgo. Baixo o título de A arte de sentarse á mesa, o artista e profesor Ignacio Barcia, o compositor Ramón Souto e as artistas locais Gabriele Konsor e Birte Hoffmann deron forma nesta vila a “unha grande acción sonora colectiva” que buscou implicar toda a veciñanza de Strodehne, tomando como punto de partida as Kaffeetafel, unha tradicional celebración alemá na que os veciños e veciñas se xuntan na rúa para conversar e comer sobremesas. Con esta idea como punto de partida, os artistas deron forma a unha acción para a que os veciños desta localidade sacaron ás súas mesas á rúa e que combinou instalacións sonoras, cantantes, ruídos de cociña amplificados electronicamente e nenos da vila facendo música.

Financiada polo fondo para actividades culturais do estado de Branderburgo, a acción levada a cabo este domingo é o resultado final dun proxecto que comezou a xestarse hai uns meses, despois de que a artista visual Gabriele Konsor e a fotógrafa Birte Hoffmann, impulsoras da asociación landmade en Strodehne, coñecesen algúns dos proxectos realizados por Souto e Barcia xunto a Vertixe Sonora, como as óperas Euforia, que levaron a cabo hai dous anos no CGAC, e NIHIL, realizada o pasado mes de maio na Cidade da Cultura. “A raíz diso convidáronnos a colaborar con elas”, explica Barcia dun proxecto que comezaron a planificar en verán e que finalmente conformaron arredor da festa que cada ano ten lugar nesta vila o 2 de outubro, na xornada previa ao Día da Reunificación Alemá. “Desde o principio, o obxectivo era traballar arredor da idea da mesa e a comida como lugar de encontro”, salienta Barcia dunha iniciativa que buscaron á súa vez vincular coas Tafelmusik, as músicas para banquetes, que tiveron unha “enorme repercusión” en Francia e Alemaña nos séculos XVI e XVII, segundo informou Vertixe Sonora, que abriu con esta colaboración hispano-xermana a décima edición do seu festival de creación musical contemporánea.

Nunha iniciativa que tivo como punto de partida levar á rúa ás mesas da veciñanza para dar forma a esa merenda colectiva, a obra conformouse con múltiples “sons relacionados co comer e o cociñar”, combinando desde ruídos amplificados, a nenos da vila facendo música, unha canción do Strodehner Nachtigallen, o antigo coro da vila, “experimentos sonoros” da mezzosoprano Uta von Kameke de Ribbeck... Un conxunto de elementos aos que se sumaba a participación activa dos asistentes a esta merenda, á que estaba convidada “toda a vila”, como lembra Barcia. Responsable da posta en escena e do deseño dos dispositivos sonoros, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes destaca o positivo, en termos de “activación cultural”, dunha iniciativa artística para a que “o principal” era implicar á veciñanza. “Tamén é unha maneira non elitista de entender a creación contemporánea”, engade o docente, que recoñece nese senso que a asociación landmade, coa que levaron este cabo este proxecto, reúne “un grupo de artistas que traballan cun sentido moi comunitario”.