DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna de Belas Artes Iris Cepeda comisaría a exposición ‘After Zona F’

Arte que mira cara o corpo, o xénero e a sexualidade

A mostra reúne as obras de dez artistas formados na facultade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/05/2018

Tomando o seu nome dunha serie de exposicións que, na década de 1990, abordaron diferentes cuestións relacionadas coa sexualidade, a alumnado da Facultade de Belas Artes Iris Lucía Cepeda deu o nome de After Zona F á mostra colectiva que articulou en torno a tres eixos temáticos, “o corpo, a ideoloxía de xénero e a sexualidade”. Once artistas, a meirande parte deles estudantes ou antigos e antigas alumnas desta facultade, achegan ás súas obras a unha exposición que este venres se inauguraba na sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, onde poderá visitarse ata o 30 de maio.

A idea de dar continuidade ao abordado a pasada década cunha reflexión “sobre as novas problemáticas que xorden en torno ao corpo e a sexualidade e tamén sobre como cambiou a mentalidade no noso país” constituíron nese senso o punto de partida da mostra que Cepeda articulou como o seu traballo de fin de grao. “Son temas que van evolucionando a nivel que a sociedade evoluciona, que nunca deixan de ter que ser tratados, tanto a nosa relación co corpo como coa sexualidade é algo co que sempre vivimos todos nós polo que sempre xorden novas problemáticas, novos puntos de vista e novas inquedanzas”, engade a comisaria desta mostra.

Once visións, diferentes disciplinas 

Eva Arotxena, Alba Castillo, Sonia Caruncho, Wendy Blanco, Lois Búa, Rocía Cannas, Marta Pereira, Marta Pérez, Pedro Santiago, Claudia Suárez e Elena Vitoria son as e os artistas protagonistas dunha exposición sustentada, como sinala Cepeda, nunha serie de obras que “parten de técnicas tradicionais como a pintura ou a escultura, porque moitas das obras tratan de como se abordou o corpo na arte clásica para darlle unha volta cara un terreo máis actual”. Deste xeito, as pezas escultóricas partindo de elementos cerámicos que propón Castillo combínanse nesta exposición con traballos pictóricos ou fotográficos, pero tamén con obras que nacen da arte dixital ou coa instalación que Wendy Blanco articulou a partires de prendas de roupa interior. Todas elas, propostas realizados por artistas que pasaron polas aulas da Facultade de Belas Artes ou que se forman actualmente nelas, coa excepción da artista galega Marta Pérez, alumna da Universidad de Sevilla.