DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un obradoiro achega o alumnado aos procesos creativos baseados nestes elementos

Arte que nace do corpo e o movemento

Impartido polas tituladas en BBAA Laura Álvarez e Yolanda Ríos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/05/2019

Focalizar a atención no sensorial, promover o desenvolvemento da consciencia corporal e mirar cara o propio corpo, cara o espazo e cara o movemento como puntos de partida para a experimentación artística. Isto é o que propón o taller Corpo, espazo e movemento na práctica artística, que, dentro do programa de obradoiros da Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, leva nestas semanas aos e ás participantes a buscar relacións entre o movemento corporal e a expresión plástica e pictórica, a tratar de pintar o movemento ou a construír un obxecto xerado a partir do propio corpo. 

Impartido pola graduada en Belas Artes e en Fisioterapia Laura Álvarez e pola tamén titulada en Belas Artes e alumna de doutoramento desta facultade Yolanda Ríos, o taller que desde finais de marzo se desenvolve neste centro ten como obxectivos achegar aos e ás asistentes os diferentes métodos de creación que se valen de corpo, espazo e movemento e levalos á “explorar as diferentes relacións” entre estes “e o sinal gráfico que é capaz de xerar nun tempo e espazo determinado”, explican as súas responsables. Con 14 matriculados e matriculadas, entre os que figuran tanto estudantes de Belas Artes ou Comunicación Audiovisual como persoas alleas á comunidade universitaria, desde docentes a profesionais da arte dramática, o obradoiro busca así mesmo pór o foco no sensorial, no uso de “sentidos diferentes á vista para integrar á realidade doutro xeito ao que habitualmente empregamos”.

Levar o agora á expresión plástica

“O corpo, o espazo o movemento son imprescindibles na produción artística contemporánea”, sosteñen Álvarez e Ríos respecto dos eixos dun obradoiro cun enfoque “maioritariamente práctico”, aínda que complementado nas súas diferentes sesións achegamento inicial a diferentes referentes artísticos. “Trátase de que os diversos exercicios propostos se apoien en procedementos e conceptos da arte contemporánea”, explican as responsables dun taller que, a partires de aí, convida ao alumnado a “explorar e investigar”, poñendo o foco “naquilo que estamos a sentir nun determinado momento para levalo á expresión plástica”. 

Así, Laura Álvarez, que combina o seu labor profesional como fisioterapeuta coa docencia e mediación artística con diferentes colectivos, centrou as súas propostas na “exploración da creación mediante o corpo e o movemento”. Deste xeito, as sesións que dirixe comezan, explica, “cun traballo corporal en relación ao movemento para despois atopar relacións entre ese xesto persoal coa súa expresión plástica e escultórica””. Con ese obxectivo, os exercicios propostos nas primeiras sesións buscaban de feito “resultados espontáneos e frescos” que non partisen tanto da planificación e reflexión como “da súa realización nun tempo breve e sempre despois de realizar exercicios corporais que poñan en contacto coas sensacións e emocións nun aquí e agora concreto e determinado”. Así, Álvarez Conde convidou as e aos asistentes a “moverse como un outro e debuxar a danza dese outro”, a contactar co corpo da compañeira ou compañeiro “e pintar no papel o que sinten na pel”, a moverse como un determinado obxecto ou a ser movida por outro “e ver que debuxo xorde”. 

Yolanda Ríos, pola súa banda, propuxo aos e ás participantes no obradoiro un “exercicio de experimentación, no que se implica o corpo, o espazo ou o movemento coa finalidade de crear obxectos tridimensionais”, proposta que primeiro centrou na construción “dun obxecto xerado a partir do corpo no que se teña en conta o espazo e movemento” para logo levar aos e ás asistentes a crear un segundo obxecto “a partir dun fragmento doutro obxecto”, implicando tamén os tres eixos deste taller.