DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un taller de bordado e outro de prototipado 3D abren unha semana de actividades centrada na moda

Artesanía e innovación combínanse no arranque de Debut 2021

Esdemga impulsa nestes días unha serie de obradoiros e conferencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/11/2021

O achegamento aos procesos artesanais, entendidos como unha das claves para dotar de maior sustentabilidade o sector da moda, e, ao mesmo tempo, a iniciación en novas técnicas e procedementos, como as aplicacións do 3D no deseño de prendas. Estes dúas temáticas combináronse este luns na xornada que puxo inicio á programación de Debut 2021. Nos días previos ao desfile no que os novos titulados e tituladas de Esdemga presentan as súas coleccións de fin de estudos, a Facultade de Belas Artes acolle unha serie de taller dirixidos a ampliar a formación do alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, complementados á súa vez por unha serie de conferencias que teñen lugar nas tardes de luns a mércores na sede da Vicerreitoría.

Do bordado á construción de volumes

No marco do programa de workshops que abre esta programación, Belas Artes acolle, nas xornadas de luns e martes un taller sobre bordado ao aire, promovido coa colaboración da Xunta, a través de Artesanía de Galicia. Impartido por Rafael González Goyanes, este obradoiro propón unha introdución á técnica artesanal de bordado utilizada na indumentaria tradicional galega que, como sinalan desde Esdemga, na actualidade está a ser recuperada por diferentes colectivos “para potenciar a memoria cultural e aplicala noutro tipo de produtos”. De 16 horas, este curso de iniciación á pasamanería propón tanto o coñecemento dos materiais precisos para a creación de bordados, como a montaxe dunha base para a posterior reprodución dalgún deseño e a súa adaptación a diferentes zonas da prenda, xunto co seu uso para a creación doutra serie de pezas, como pendentes ou colgantes. 

Inserido tamén na colaboración de Artesanía de Galicia con Debut 2021, nas xornadas de martes e mércores terá lugar un taller de traballo con volumes, a cargo de Félix de Martín. Trátase, explican, “dun taller puramente práctico, centrado no coñecemento dos materiais estruturais e as técnicas necesarias para o seu uso no traballo con volumes en indumentaria”. Xunto cunha introdución á “transformación da silueta ao longo da historia”, este taller propón un achegamento a materiais e técnicas como o acolchado, o pregado, o aramado, o crin, os materiais termoplásticos, as entretelas..., que as e os participantes irá combinando para a confección de pezas.

Prototipado 3d 

Tamén este luns botou a andar o workshop sobre prototipado 3D que imparten dúas egresadas de Esdemga, as deseñadoras da firma Mitwill Teresa Búa e Inés Charre. O obxectivo deste obradoiro, que se completa mañá martes, é achegar ao alumnado un “nivel de coñecemento básico” do software Clo 3D, como ferramenta para a xeración de estruturas e prototipos tridimensionais para o sector téxtil. O taller complétase coa demostración dun proxecto real, que abrangue desde o seu prototipado inicial ata a súa imaxe no comercio electrónico.

Asemade, outra ex-alumna de Esdemga, Lucía García Rey, será este mércores a responsable do último dos talleres inseridos no programa de Debut, centrado na dirección de arte en comunicación de moda. Nesta xornada, García Rey, directora de arte en Arket realizará unha introdución aos procesos, equipos e aplicacións de traballo neste eido, á vez que proporá un achegamento ás diferentes estratexias e formatos para “contar unha historia” nun proxecto de comunicación centrado na moda.

Tres conferencias abertas ao público

Inés Charre e Marta García, de Mitwill, son esta tarde as responsables de abrir o ciclo de conferencias inserido nesta programación, cun relatorio centrado na combinación de impresión dixital e deseño 3D que levan a cabo nesta firma. Mañá martes, ás 19.30 horas, a Vicerreitoría acolle a conferencia Da idea á realidade: a creación dunha marca, centrada na traxectoria da firma galega Andion. Por último, o ciclo péchase o mércores, á mesma hora, co relatorio que protagonizará a directora del Museo del Traje de Madrid, Helena López de Hierro, que é tamén unha das integrantes do xurado que o xoves avaliará os proxectos finais de 23 titulados e tituladas de Esdemga.

Nesta xornada, o desfile verase precedido pola celebración, no Pazo da Cultura, das Xornadas Técnicas de RRHH, na que os novos titulados e tituladas manteñen unha serie de entrevistas con representantes dos departamentos de recursos humanos de diferentes firmas do sector.