DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Analiza o potencial das tecnoloxías láser para procesar e modificar vidros bioactivos

Un artigo do grupo LaserON protagoniza a portada da prestixiosa revista 'Advanced Healthcare Materials'

É unha das publicacións de referencia no eido dos biomateriais e a enxeñaría biomédica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 03/06/2026

Novo fito para o grupo LaserON. O equipo, que forma parte do centro de investigación Cintecx da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) acaba de publicar un artigo de revisión na prestixiosa revista internacional Advanced Healthcare Materials, unha das cabeceiras de referencia no eido dos biomateriais e a enxeñaría biomédica. A investigación, que foi seleccionada para ilustrar unha das portadas da revista de maio, analiza o potencial das tecnoloxías láser para procesar e modificar vidros bioactivos, é dicir, materiais capaces de interactuar co tecido biolóxico e favorecer la rexeneración ósea e tisular.

O traballo titúlase Laser-Assisted Processing and Modification of Bioactive Glasses: A Review e a revisión foi coordinada por investigadores da UVigo en colaboración co grupo do catedrático Julian Jones, do Imperial College London, un dos maiores expertos mundiais no eido dos vidros bioactivos. O artigo reúne os principais avances en técnicas láser aplicadas a estes biomateriais, incluíndo fabricación aditiva, recubrimentos bioactivos, texturizado superficial e produción de nanoestruturas.

Novas posibilidades

Os autores destacan que a combinación de vidros bioactivos e tecnoloxía láser “abre novas posibilidades para o desenvolvemento de implantes personalizados, superficies biomédicas avanzadas e dispositivos con aplicacións en medicina rexenerativa”. Entre as vantaxes do uso do láser figuran a alta precisión, a posibilidade de fabricar xeometrías complexas e a personalización de tratamentos e dispositivos médicos.

O artigo tamén revisa os fenómenos físicos implicados na interacción entre a radiación láser e os vidros bioactivos, así como os retos asociados ao procesado destes materiais, como as tensións térmicas ou a cristalización inducida por láser.

A presenza do artigo na portada de Advanced Healthcare Materials supón un recoñecemento internacional á relevancia e proxección desta liña de investigación desenvolvida na Universidade de Vigo. No traballo participan os investigadores Antonio Riveiro, Mario González-Quintas, Mónica Fernández-Arias, Jesús del Val, Félix Quintero, Rafael Comesaña, Fernando Lusquiños e Juan Pou, da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur), xunto co catedrático Julian R. Jones, do Imperial College London.

Un grupo de referencia nacional e europea

O grupo LaserON tense consolidado como unha referencia nacional e europea no ámbito do procesado láser de materiais, con máis de 30 anos de experiencia no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas de fabricación e modificación superficial. Esta traxectoria susténtase nun equipo humano multidisciplinar altamente especializado e nunha infraestrutura científico-tecnolóxica singular, que inclúe fontes láser de alta potencia e equipamentos auxiliares de referencia no contexto europeo.

No campo dos biomateriais e, en particular, dos vidros bioactivos, LaserON ten desenvolvido solucións innovadoras con aplicacións biomédicas avanzadas, entre elas a obtención de apósitos baseados en fibras nanométricas de vidro bioactivo mediante unha técnica patentada polo grupo denominada Laser Spinning, que é capaz de producir estruturas fibrosas orientadas á cicatrización de feridas crónicas como as que adoitan darse en pacientes diabéticos. Do mesmo xeito, o grupo traballa no desenvolvemento de procedementos para a fabricación de implantes personalizados destinados á rexeneración ósea, aproveitando as posibilidades das tecnoloxías láser para adaptar xeometrías e propiedades ás necesidades específicas de cada paciente.

Como destacan dende o grupo, boa parte da súa actividade investigadora foi financiada pola Xunta de Galicia a través das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas – Grupos de Referencia Competitiva.