DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hugo del Valle-Inclán acada o galardón concedido a un autor de menos de 40 anos

Un artigo sobre a medición da desigualdade de oportunidades outórgalle a un investigador de Ecobas o premio Aldi Hagenaars Memorial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigar
Mª del Camen Echevarría DUVI 10/07/2020

750 euros; unha invitación a participar como membro distinguido do centro de datos LIS e a presentación do galardoado no próximo LIS Summer Workshop. Estes son os galardóns que o estudante de doutoramento da UVigo Hugo del Valle-Inclán Cruces acadou ao se converter hai uns días no gañador do premio anual Aldi Hagenaars Memorial, co que o centro de datos LIS recoñece ao autor, menor de 40 anos, do mellor artigo incluído durante o ano anterior na serie de documentos de traballo que publica esta asociación sen ánimo de lucro, dedicada a recompilar e poñer a disposición da comunidade investigadora as maiores bases de microdatos sobre ingreso e riqueza dispoñibles. "En puridade non me presentei ao premio, sinxelamente enviei o documento de traballo en cuestión a comezos do ano pasado á serie que publica a institución que outorga o premio e que pide que os traballos realizados empregando a súa base de datos lle sexan enviados. A finalidade principal cando o enviei foi agradecer o labor da institución na recollida de datos e dar visibilidade ao meu artigo, en absoluto pensei que resultaría premiado", explica o investigador vigués, membro do grupo RGEAF de Ecobas e alumno do Programa de doutoramento de análise económica e estratexia empresarial.

O artigo premiado, titulado Estimating Inequality of Opportunity in More Periods Than Ever Before: The Capital Income Approach, que trata sobre diferentes aspectos teóricos e metodolóxicos da medición da desigualdade de oportunidades, foi seleccionado entre 19 traballos cualificados por un comité integrado por seis membros con formación en diferentes disciplinas das ciencias sociais. "Que o artigo premiado sexa un capítulo da miña tese doutoral, que dirixe o coordinador de Ecobas, Carlos Hervés Beloso, supón unha motivación para rematala e posteriormente continuar coa carreira investigadora", sinala o gañador do galardón, dedicado á memoria de Aldi Hagenaars, unha das primeiras profesoras de Economía na historia dos Países Baixos, quen sufriu unha prematura morte con só 39 anos. Dáse a circunstancia de que Hugo del Valle-Inclán tiña previsto presentar a súa tese o pasado mes de abril, unha previsión que se viu adiada por mor da covid-19, trasladándose a súa lectura ás próximas semanas. 

Un traballo de investigación que nace do interese pola xustiza social 

Interesado desde sempre pola xustiza social, o investigador vigués centra a sua tese de doutoramento na medición da desigualdade de oportunidades, "un concepto de xustiza distributiva moi atractivo que ademais está a captar moita atención en círculos académicos e políticos", explica o investigador. 

No traballo premiado, Hugo del Valle- Inclán propón un novo método para medir a desigualdade de oportunidades que permite obter un maior número de estimacións do que é posible cunha metodoloxía tradicional, grazas a aproveitar a persistencia interxeracional dos ingresos de capital. Este método consiste en empregar ingresos de capital como “aproximador” da orixe socioeconómica dos individuos, e así evitar estar atados pola escasa dispoñibilidade de información sobre a educación e ocupación dos proxenitores (que son os “aproximadores” habitualmente empregados na literatura). “Primeiro defino a medida de ingresos de capital a empregar cun algoritmo deseñado para este fin, e tras comprobar que a precisión do método proposto é moi satisfactoria, aplícoo para estimar a evolución da desigualdade de oportunidades en Europa cun nivel de detalle ata agora non posible”, engade o doutorando, que conclúe neste artigo que se pode empregar os ingresos de capital dos individuos para  inferir a súa orixe socioeconómica. "Isto é así porque a transmisión de riqueza de pais a fillos (herdanzas, doazóns...) semella ser a principal vía de acumulación de capital, mentres que o esforzo e traballo persoal serían secundarios á hora de adquirir riqueza. É dicir, que para acadar a riqueza o máis importante é onde naces, non canto ou de que traballas", conclúe Hugo del Valle-Inclán.