DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os catedráticos Xavier Labandeira e María Loureiro, de Ecobas, son os autores do traballo

Un artigo sobre a redución dos consumos enerxéticos nas tendas, premiado como o mellor do último bienio

Co galardón de asociación Aerna á publicación máis destacada no eido da economía ambiental

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 08/09/2020

A asociación hispano-portuguesa de economistas ambientais Aerna (Spanish-Portuguese Association of Natural and Environmental Resources Economics) seleccionou un artigo do catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e da catedrática da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Loureiro como a mellor publicación científica realizada nos últimos dous anos no eido da economía ambiental. O estudo, Exploring energy use in retail stores: a field experiment, foi publicado en 2019 na revista Energy Economics e presenta os resultados dunha análise realizada en máis de 150 establecementos comerciais dunha multinacional do sector téxtil, que amosa como unha pequena intervención pode contribuír a reducir o consumo enerxético das tendas. 

O artigo de Labandeira e Loureiro, membros da agrupación estratéxica Ecobas, foi seleccionado polo xurado destes premios como gañador do VI Aerna Award ao mellor artigo científico, dirixido a recoñecer a mellor publicación asinada, nos anos 2018 e 2019, por investigadores e investigadoras que sexan, cando menos no 50% dos casos, membros de Aerna. “É unha honra recibir este premio”, salienta Labandeira, en primeiro termo, por ser outorgado pola asociación de economistas ambientais “moi querida por nós”, xa que, lembra, a súa fundación en 2002 “foi promovida por moitos colegas da UVigo”, acollendo ademais a Universidade o seu primeiro congreso. Mais tamén, lembra o director do centro de investigación Economics for Energy, porque se trata dun “recoñecemento non buscado”, xa que o artigo “é escollido por unha comisión ad hoc de entre os publicados no último bienio”.  Nese mesmo senso, Loureiro, responsable do grupo de investigación Eco-Iuris da USC, salienta o “recoñecemento profesional enorme” que supón esta distinción ao mellor artigo neste ámbito temático. 

Un estudo pioneiro sobre aforro enerxético en tendas

Resultado da análise dos datos recollidos, ao longo de tres anos, da temperatura exterior e interior e os cambios realizados no termóstato en 155 tendas de tres países, o estudo amosa como “cunha intervención moi suave e pouco custosa por parte dos xestores da empresa, pódense reducir os consumos das tendas”, salienta Labandeira. Nese senso, o catedrático incide en que o galardón outorgado por Aerna contribúe a recoñecer tanto a importancia da temática escollida, “as estratexias do mundo empresarial para reducir impactos ambientais”, como a “alternativa metodolóxica utilizada” polos autores. De feito, como recolle o artigo, trátase da primeira publicación nunha revista científica que recolle os resultados dun experimento de campo sobre aforro no consumo enerxético neste tipo de tendas. 

Este experimento buscaba comprobar os efectos de proporcionar información aos e ás responsables dos establecementos sobre o impacto ambiental do consumo enerxético e sobre a importancia de reducir a diferencia entre a temperatura no interior do establecemento e a exterior. “O artigo céntrase nos cambios de comportamento por parte dos empregados das tendas para conseguir melloras”, explica Labandeira. Tomando “como base para poder realizar o experimento, unha plataforma de xestión enerxética moi sofisticada, que xestiona as tendas a partir de termóstatos que, en xeral, non requiren manipulación humana”, o estudo puña o foco en como a información proporcionada aos e ás responsables dos establecementos podía influír naqueles “momentos nos que a tenda pode precisar un quecemento ou arrefriamento maior”. Para iso, “enviouse información desde a central ás tendas seleccionadas”, a través dun correo electrónico, para logo facer “un seguimento cunha técnica experimental, comparando con outra tenda similar á que non se envía información” os datos acumulados en tempo real ao longo de tres anos.

Un impacto pequeno, pero importante en termos globais

“O que suxire este experimento é que cando se producen estas manipulacións, os responsables das tendas deben procurar que o desfase entre as temperaturas interiores e exteriores non sexa excesivo, para evitar consumos moi elevados e potencialmente maiores emisións”, salienta Labandeira. De feito, a análise dos datos recollidos amosou que aqueles e aquelas que recibiran a información tendían con maior frecuencia a modificar manualmente o termóstato, de tal xeito que a diferencia media entre a temperatura exterior e a interior durante o período analizado, 6,6 graos, mantívose naquelas tendas nas que as e os responsables non recibiran a información, reducíndose lixeiramente nas que si a obtiveran. Tratouse, porén, dunha lixeira redución, cuxo impacto en termos de aforro enerxético sería pequeno, segundo recolle o artigo, no caso dunha tenda en concreto, pero considerable, en termos tanto económicos como ambientais, no conxunto do sector.

Nese senso, Labandeira lembra que o “sector comercial, en xeral” caracterízase polos seus “importantes consumos indirectos”, que fan que potencialmente sexa unha “importante fonte indirecta de emisións contaminantes”. Deste xeito, o catedrático pon de relevo como, se ben o artigo céntrase nas tendas de moda, “podería aplicarse a calquera actividade comercial presencial, desde supermercados a farmacias ou grandes almacéns”, poñendo de relevo como “a formación dos responsables das tendas é un factor moi relevante neste eido”.