DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da obra 'La muerte del artista', escrita polo crítico e ensaísta William Deresiewicz

O artista e docente Jorge Perianes analiza nun novo número de Reseñas o panorama artístico actual

Esta actividade está organizada polo persoal da Biblioteca de Torrecedeira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 19/09/2022

Unha ollada ao panorama artístico actual nas súas diferentes ramas: música, escritura, arte visual, cinema e televisión. Nisto consiste o número 27 do proxecto Reseñas, unha actividade organizada polo persoal da Biblioteca de Torrecedeira na que, cada dous meses, se propón a lectura dunha das obras que forman parte dos fondos da biblioteca. Nesta ocasión a reseña corre a cargo do artista e docente Jorge Perianes, egresado da Facultade de Belas Artes, quen propón a lectura da obra La muerte del artista: como los creadores luchan por sobrevivir en la era de los billonarios y la tecnología, do crítico e ensaísta William Deresiewicz. 

“Estamos ante un libro que moitos dos meus compañeiros e compañeiras de profesión non queren ler, o motivo?, describe moi pormenorizadamente a realidade (artística), e a realidade é aquilo ao que moitos prefiren non enfrontarse (quizais hoxe máis que nunca)”. Así arranca Perianes a súa reseña, un texto no que se explican os detalles dunha obra na que se analiza o sistema da arte americano e a súa situación actual, un tema de elevada importancia si se ten en conta que se trata dun sistema imitado desde Europa, formulando, ao mesmo tempo, a posibilidade de “situarnos aquí” e “aprender sinxelamente a valorar máis o logrado por algúns países europeos”.

Arte actual, un proxecto “netamente comercial”

As persoas interesadas en ler a obra de Deresiewicz atoparanse, tal e como recalca Perianes na súa reseña, coa visión dun autor que defende con firmeza que na arte actual xa non hai nada sen mercado (“os artistas están nel de cheo”), as institucións xa non ofrecen protección, xa non existe a bohemia (debido á necesidade de afrontar alugueiros moi caros e débedas altas), o creador convértese nunha especie de home orquestra (administrador dun mini negocio) cunha personalidade de mercado, comercial, co deber de ser xenial, alegre e sempre próximo, que manexa unha carteira de clientes aos que debe alagar e que sempre levan razón. 

Outras características serían, tal como recolle Perianes, a velocidade que impregna todo, marcada polo ritmo acelerado da internet (instantáneo e viral), “é o ‘agora ou nunca’ onde gaña o breve, o brillante, o ruidoso, o fácil de entender (decaen a destreza e a complexidade)”, entrando así nun sistema de valores diferente que busca a impresión, a arte visceral e para un día, o entretemento. Todo debe competir, marca e márketing, nun proxecto netamente comercial onde está ben visto pensar no diñeiro. É por tanto obrigatorio construírse un personaxe e unha narrativa e atopar o teu ‘nicho’, a túa marca, que posibilite a comprensión e o seguimento do ‘fan’ (de indiscutible poder nos nosos días) coa súa ascendencia directa mediante a súa ‘like’ nas redes.

A obra de Deresiewicz está traducida a máis de 15 idiomas

Entre o material que pon sobre a mesa Reseñas.27 está tamén unha biografía de William Deresiewicz, tomada de Capitan Swing, na que se destaca o papel deste autor como orador frecuente en universidades, escolas secundarias e outros lugares, así como autor do éxito de vendas O rabaño excelente. Como superar as carencias da educación universitaria de elite.

Entre outros aspectos, faise fincapé neste breve perfil biográfico en que Deresiewicz publicou máis de douscentos ensaios e recensións. Gañou o Premio Hiett en Humanidades, a Mención Balakian á Excelencia na Crítica e un Premio Sydney; tamén foi nomeado en tres ocasiones ao Premio Nacional de Revistas. O seu traballo, que apareceu en The New York Times, The Atlantic, Harper’s Magazine, The American Scholar e moitas outras publicacións, foi traducido a máis de 15 idiomas e incluído en máis de 30 manuais universitarios e escolares.