DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala Alterarte acolle a súa exposición 'Ser son'

A artista Mónica Mura trae ao campus os sons dos entroidos ourensáns

Trátase dunha instalación con campás de 18 tipo de máscaras diferentes da provincia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 08/02/2022

A provincia de Ourense xa está a vivir a festa do Entroido e desde este luns, o campus de Ourense únese a esta celebración dun xeito particular. O seu espazo de arte, a Sala Alterarte, acolle a exposición Ser son, da artista Mónica Mura e comisariada por Sara Donoso. Trátase dunha instalación sonora na que se recrea a través dun cento de campás orixinais o son de 18 entroidos ourensáns.   

Na inauguración da mostra, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou que esta exposición “entronca con dous piares fundamentais das actividades culturais deste campus: por unha banda as mulleres e por outra a cultura e a tradición”. Sobre a instalación subliñou o feito de que os sons das campás que recolle “son sons rítmicos que moven algo no noso interior, no noso espírito, porque están entroncados co noso ADN máis enxebre”.

Colaboración das asociacións

Sara Donoso, comisaria da mostra e da Sala Alterarte, explicou que a exposición é a segunda do ciclo Activar a mirada, des-ordenar o pensamento, que se desenvolve este curso académico no espazo expositivo do campus baixo a súa dirección. Sobre a artista convida, a comisaria salientou dela que “se interesa por investigar o seu contexto social, político, cultural e sobre todo a cuestión de xénero”. En Ser son, indicou, “o que fai é unha especie de homenaxe ao Entroido de Ourense partindo do uso das campás nos traxes tradicionais”. A instalación confórmase así por 18 cordas que sostén cada unha delas un xogo de campás empregado noutros tantos entroidos ourensáns e que conflúen nun cinto central.

Estas campás foron proporcionadas por diferentes asociacións de cada un dos entroidos, agradecendo tanto a comisaria como a artista esta colaboración. Destas campás, Sara Donoso destacou que son empregadas por grupos mixtos de persoas, tanto por homes como por mulleres. Da posta en escena de Ser son, a comisaria tamén subliñou que pon de relevo “a importancia do corpo” xa que cando se olla o cinto baleiro “fálanos da ausencia do corpo e tamén do corpo como detonante, como facedor de sons, de movementos e tradicións”. Alén da súa materialización final, Sara Donoso subliñou a investigación que sustenta a mostra e da que destacou que “pon en diálogo a Galicia, ao Entroido e a súa cultura, pero tamén entra en diálogo con outras tradicións, como a de Cerdeña, lugar de orixe da artista, onde se empregan tamén campás no Entroido”.

Xuntar e reinterpretar

Ser son é unha instalación sonora creada con 18 cordas, cada unha dedicada a unha máscara do Entroido da provincia de Ourense. Segundo a miña investigación son as 18 máscaras activas que empregan algún tipo de campá, chocos, chocas, axóuxeres, campaíñas, etc. calquera tipoloxía de campá dentro do propio traxe, da máscara”, sinalou a artista. A mostra, indicou, forma parte dun proxecto de investigación no que asociacións de cada Entroido proporcionaron á artista información e material visual sobre as súas tradicións. Froito deste estudo, apuntou que “todas as máscaras da provincia de Ourense poden ser vestidas independentemente do xénero e da idade. Iso é algo que pode parecer anecdótico pero non o é, é o resultado de moitísimos anos de evolución que se ve reflectida na tradición do Entroido”.
Aínda que non foron aspectos buscados conscientemente, Mónica Mura destacou tamén da mostra cuestións como o feito de que o número de campás presentes nela ascende a 100 (sumando arredor de 30 quilos de material) e que a exposición ten un aspecto monocromático. Neste senso chamou a atención sobre o feito de que moitas das campás incluídas non están fabricadas en Galicia, apuntando a perda deste oficio.

“O que quixen facer con esta instalación é representar un lugar, un espazo, unhas tradicións e unha memoria. Facer unha homenaxe a través do que é o son”, afirmou Mónica Mura. As máscaras, indicou, os seus días grandes desfilan separadas, cada unha na súa aldea ou na súa cidade, e nesta exposición, apuntou a artista, “temos a posibilidade de xuntar todos os sons, extrapolalos do contexto da rúa e poñelos no contexto dunha sala de arte contemporánea e crear un novo son”. A súa intención, dixo, “non é reproducir o son que les fan no Entroido nas súas aldeas, senón xuntalos, reinterpretalos cunha clave nova e facerlle unha homenaxe sumándoos no mesmo espazo”. Así, afirmou a artista, aínda que falamos das campás da provincia de Ourense “estes sons son ancestrais, calquera os ten dentro das tripas e no momento no que os oes pódente levar á túa orixe”. Para activar esta instalación na súa inauguración Mónica Mura desenvolveu este luns unha performance na que fixo soar co movemento do seu corpo as campás e “deixando fluír a enerxía”, performance que tamén poden ver as e os visitantes da sala nun vídeo exposto nela.