DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seminario Art at the Edge of Nature – IX Foro Internacional de Creación na Fronteira

Artistas e investigadores trazan unha panorámica do presente e futuro da bioarte en España

O encontro dará lugar a unha publicación, centrada nas conexións entre arte, tecnoloxía e natureza

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/09/2025

Artistas e investigadores de diferentes universidades españolas participan na sede da Vicerreitoría do campus no III Art at the Edge of Nature – IX Foro Internacional de Creación na Fronteira, que ten como obxectivo reunir diferentes achegamentos á idea bioarte e aos procesos e prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía. Promovida polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, a Escola de Enxeñaría Forestal e o Campus Crea, trátase dunha reunión científica que ten como obxectivo “mapear un pouco o que se está facendo e intentar ver as múltiples visións da bioarte”, como sinala a investigadora Antía Iglesias, coordinadora deste seminario. Dirixido a explorar proxectos e procesos de traballo “que xorden na fronteira entre a arte e o que chamamos natureza”, este encontro dará lugar á súa vez a unha publicación, dirixida a facer balance das tres edicións deste seminario.

Inserido no ciclo de foros internacionais do grupo dx5, este seminario ten como punto de partida as dúas edicións de Art at the Edge of Nature que Iglesias promoveu ao longo deste 2025 en Nova York, ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright. Nese senso, o obxectivo desta terceira edición era continuar con esa idea inicial de "mapear" este tipo de prácticas, tratando neste caso de “contextualizar cal é a situación aquí e xerar un diálogo sobre o futuro destas prácticas en España”. Estas, sinala Iglesias, comprenderían desde proxectos que conectan arte e natureza ou enfocados na “sostibilidade nos materiais”, ata “prácticas de cocreación” ou propostas que parten “doutras perspectivas, de ver a natureza doutra maneira”. De feito, un dos obxectivos destes encontros é precisamente “ver a propia definición das e dos participantes” da propia idea de bioarte, xa que “é un termo co que moitos artistas non se identifican”.

Do estado da cuestión aos proxectos en marcha 

Baixo o título de Posthumanismos interdisciplinares na arte e a ciencia, este foro arrancou na tarde do mércores cunha conferencia do historiador da arte Daniel López Rincón, da Universitat de Barcelona, quen “achegounos a súa visión de como están evolucionando” estas prácticas, explica Iglesias. Esta primeira xornada completouse cun relatorio de Esther Pizarro, da Universidad Europea de Madrid, centrada “nos novos materiais e prácticas de creación sostible”, mentres que este xoves tiñan lugar unha serie de relatorios nos que diferentes artistas e investigadores afondaban en como “están aplicando nas súas prácticas”, esa idea de ver as relacións entre arte e natureza “desde outra perspectiva”.

Doutora en Belas Artes e licenciada en Ciencias Ambientais, a investigadora da Complutense de Madrid Paula Bruna abriu esta segunda xornada falando da súa propia transición da investigación científica á artística, nun relatorio dirixido a afondar na idea “da investigación artística como xeradora de coñecemento”. Procedente tamén da Complutense, Santiago Murilla presentou os seus procesos de traballo con fungos, mentres que a artista e investigadora Elena Lavellés afondou no seu relatorio no uso da “estratigrafía forense como ferramenta artística para ler o territorio”. Director do grupo de investigación Sostenibilidad, Ciencia y Arte, da Complutense, José Carlos Espinel achegou a esta reunión científica o seu traballo con impresión 3D, robótica ou videoxogos como ferramentas de creación para abordar temáticas como a ecoloxía ou a xustiza social, nun relatorio titulado Transformar o aire: políticas de sostibilidade na intersección arte-ciencia.

Nese obxectivo de servir como “punto de encontro” entre artistas, científicos e investigadores, este foro internacional péchase na tarde deste xoves cunha mesa redonda, sucedida polo acto de clausura, a cargo da directora do grupo dx5, Ana Soler.