O reitor e o presidente da Xunta PTXAS rubricaron este luns o documento
Asinado o acordo que regula por vez primeira na UVigo a carreira profesional do PTXAS funcionario
A súa aplicación económica queda suxeita á dispoñibilidade orzamentaria
Logo de ser informado e debatido a través de asembleas nos tres campus, o PTXAS funcionario fixo ou interino da UVigo, que aparece recollido no documento, referendaba o pasado venres con 363 votos a favor e 115 en contra o Réxime de desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión da carreira administrativa do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos da Universidade de Vigo. O documento, que regula por vez primeira a carreira profesional do persoal PTXAS funcionario da UVigo, foi asinado este mediodía polo reitor, Manuel Reigosa, e polo presidente da Xunta de persoal do PTXAS, Carlos Mollinedo, nun acto celebrado na sala Manolo Ramos do campus de Vigo e no que tamén participaron a Xerenta, Yolanda Lesmes, representantes sindicais de CIG, CCOO, FOL e UXT e o director da Área de Estratexia de Recursos, Dotación e Redimensionamento dos Cadros de Persoal Técnico e de Xestión Administrativa, Xan Cebro.
Ata o momento a UVigo non tiña implantado un sistema de carreira profesional para o persoal PTXAS funcionario, polo que o goberno da institución académica e a Xunta PTXAS iniciaron un proceso de negociación, articulando un réxime de acceso extraordinario como mecanismo inicial de integración do persoal nos distintos graos ou niveis da carreira profesional. Froito da negociación acadouse un texto de acordo que regula por vez primeira a carreira profesional do profesional do persoal PTXAS funcionario, cumprindo co disposto no Estatuto básico do empregado público e nas normativas aplicables no réxime estatutario do funcionarios públicos.
“Para min é un día de ledicia porque fomos quen de negociar e de acordar e temos toda a lexitimidade do mundo porque están de acordo todos os representantes lexítimos dos traballadores e aínda por riba foi aprobado en asembleas. Creo que foi un chanzo na escaleira que creo que vai ser moi importante para o futuro da institución, que vai servir por unha banda para premiar o PTXAS e tamén para incentivar boas prácticas”, detalla o reitor, que destaca o “enorme traballo” realizado pola representación dos traballadores e pola Xerencia.
“Creo que este acordo é importante para todos os traballadores, tanto funcionarios como interinos, e aínda que neste documento non está encadrado o persoal laboral, contamos que tamén sexa estendido a el. É un mérito de recoñecemento da carreira profesional de todos os funcionarios da UVigo”, destaca Carlos Mollinedo, presidente da Xunta PTXAS da UVigo. Mollinedo sinala que “este documento se ten que seguir desenvolvendo, pois este sería o primeiro grao”, ao tempo que aclara sobre os votos en contra rexistrados na asemblea do pasado venres que “non quere dicir que estas persoas están en contra de solicitala, pódese dar o caso de que non están de cordo como se fai o reparto económico, pois o primeiro grado está proposto para que todo o persoal poda adquirilo cando salga a convocatoria, que tamén é voluntaria”.
Os detalles do acordo
O acordo asinado hoxe establece o marco regulatorio do sistema transitorio de recoñecemento do grao de progresión na carreira administrativa do persoal funcionario ligado ao tempo de servicios prestados e ao recoñecemento da pericia profesional acumulada, baseado na avaliación da traxectoria e actuación profesional, os coñecementos adquiridos, a formación, a experiencia xunto coa iniciativa e participación na mellora da calidade do PTXAS.
O acordo, aplicable ao persoal funcionario de carreira e persoal funcionario interino do colectivo PTXAS, contempla que o recoñecemento do grao transitorio de progresión na carreira administrativa estará integrado por dous compoñentes de nivel: dunha banda, o de nivel de grupo ou subgrupo, relativo á experiencia no grupo/subgrupo profesional de pertenza para o desempeño dos postos que lle son reservados na organización; e doutra, o compoñente de grao persoal, relativo á madurez do profesional no marco do itinerario profesional ligado á permanencia no grao persoal recoñecido en función do nivel dos postos de traballo desempeñados. Estes compoñentes poderán ser recoñecidos de xeito independente, de xeito que produzan efectos económicos para cada un dos niveis recoñecidos.
A formación recibida e a impartida; a participación en órganos colexiados, de goberno ou de representación dos traballadores; o desempeño de funcións de dirección; a publicación de traballos científicos ou de investigación en materia de administración pública ou a realización de cursos de doutoramento, son algúns dos méritos que deberán reunir as persoas interesadas en acceso ao grao I do réxime transitorio. En canto ao complemento retributivo, o recoñecemento do grao I implicará o dereito a percibir unha retribución, denominada complemento adicional ao complemento de destino cuxa contía anual, incluído o IPC galego, devindicarase en atención aos niveis dos compoñentes de grupo/subgrupo profesional (A1, A2,C1 e C2) e de grao persoal, que contempla cinco niveis que van do 18 ao 30, que oscilará entre os 1.231,73 euros dos C2-1 aos 1.231,73 euros dos A1-5. Os efectos económicos do encadramento quedan suxeitos, segundo se recolle no documento, as dispoñibilidades orzamentarias, trasladándose ao último trimestre de 2026 a negociación da convocatoria para a solicitude de grao I e a súa aplicación.
Recoñecemento á profesionalización do PTXAS
Aínda que cun atraso de 20 anos, segundo lembrou Carlos Mollinedo, porque o acordo comezou a negociarse en 2005, o documento asinado este luns “é un recoñecemento á profesionalización dos traballadores en cada posto, e para isto hai que manter unha serie de obxectivos e valoracións que estarán feitas polos responsables da UVigo”. O presidente da Xunta PTXAS destaca ademais que o recoñecemento económico que leva aparellado “está valorado en catro graos e iso supón un incremento económico de toda a plantilla. Agora hai que poñer en marcha o proceso e invito aos candidatos a Reitoría que teñan en conta este acordo no seu programa”.
Pola súa banda, Manuel Reigosa asegura sentirse moi satisfeito por todos acordos acadados ao longo dos seus oito anos de mandato “porque foron negociados e consensuados. Quedábame esta espiniña de non ter acadado acordos na carreira profesional que é unha ferramenta magnífica para recoñecer, por unha banda o que se fai ben na casa e, por outra, para incentivar o desempeño”.
Ademais de concordar no satisfactorio de acadar un acordo sobre a carreira profesional do PTXAS, reitor e presidente da Xunta PTXAS coinciden á hora de lamentar a falta de consenso sobre a Relación de Postos de Traballo, RPT. “Unha cuestión que queda pendente e que leva máis de 10 anos sen negociarse, ademais de que a última estaba co voto en contra de todos os traballadores”, lembra Mollinedo, mentres que Reigosa, recorda que “a funcionarización levounos máis tempo do que pensabamos e logo nos metemos no proceso de estabilización”.
