DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa elección do estudante Alejandro Virgós como novo presidente

A asociación de alumnado de Dirección e Xestión Pública inicia unha nova etapa

Buscarán un maior recoñecemento do grao e promover actividades complementarias á formación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/12/2019

Fundada en 2012, a asociación de alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública abre unha nova etapa trala elección dunha nova xunta directiva, encabezada polo estudante Alejandro Virgós. O novo equipo ten como principais obxectivos contribuír a promocionar esta titulación da Facultade de Ciencais Sociais e da Comunicación, así como acadar un “maior recoñecemento” destes estudos por parte das administracións públicas. “Buscamos ese recoñecemento, pero tamén promover a relación entre o alumnado, que se xeren sinerxías entre nós”, sinala Virgós, que se sitúa á fronte dunha directiva que completan Ana Saiz como secretaria, María Saiz, como tesoureira, e Xoán Daniel Albán e Silvia Francisco como vogais.

Foi nunha asemblea celebrada o pasado mes de outubro cando Virgós se converteu no terceiro presidente desta asociación, tras Alberto Martínez e María Pousada. De feito, sinala, o traballo da nova directiva nestas primeiras semanas centrouse “en realizar os trámites para reactivar a asociación” e traballar “na captación de novos socios, que é algo fundamental”, xa que se trata dunha asociación só aberta á estudantes que se atopen na actualidade cursando o grao. “Penso que é importante que non sexamos só alumnos que vimos a clase e marchamos, a Universidade é máis que iso, é fundamental que haxa nexos de unión entre nós, fomentar o traballo en grupo”, engade o novo presidente do colectivo, que busca nese senso reunir “unha base de asociados importante”, pondo de relevo que o papel da asociación “é fundamental para defender os seus dereitos”.

Coñecer e darse a coñecer

Tras salientar o traballo desenvolvido polos seus predecesores á hora de “promocionar este grao e acadar un maior recoñecemento” da titulación e a súa inclusión en ofertas de emprego público, Virgós incide na importancia de seguir traballando neste eido. Neste senso, ademais de xuntanzas con responsables da Universidade, desde a nova directiva buscarán tamén “darnos a coñecer nas diferentes administracións públicas, que para nós é algo fundamental”, pero tamén que a través de visitas ou coloquios, o alumnado da titulación poida coñecer máis o detalle o labor que desenvolven. Nese senso, o novo responsable da asociación destaca a organización “de actividades que complementen a nosa formación” como outro dos obxectivos da directiva, que tamén prevé impulsar unha “pequena web” a través da que poidan “canalizar queixas e reclamacións” do alumnado, así como desenvolver actividades vinculadas ás diferentes saídas profesionais dun “grao moi versátil”.

Colaboración con outras asociacións

Aínda que o Grao en Dirección e Xestión Pública é o único con esta denominación en España, diferentes universidades imparten a titulación de Xestión e Administración Pública “e contan tamén con asociacións coas que estamos poñéndonos en contacto”, sinala Virgós, que incide na importancia de “buscar nexos de unión” con alumnado doutras universidades. De feito, a asociación estará presente en marzo do vindeiro ano “no primeiro congreso interuniversitario en España sobre estudos de administración e xestión pública”, que promove a asociación de estudantes deste título da Universidad Complutense de Madrid e no que Virgós impartirá un relatorio.