DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a sinatura dun convenio marco coa Universidade de UVigo

A asociación de artistas A Colectiva busca potenciar as súas liñas de colaboración con Belas Artes

A facultade acolleu unha presentación deste acordo e das liñas de traballo da entidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 27/05/2025

Co propósito de promover actividades e proxectos conxuntos, a Universidade de Vigo e a Asociación Profesional de Artistas de Galicia A Colectiva asinaban nos últimos meses un convenio marco de colaboración, que este martes era presentado nun encontro na Facultade Belas Artes. Neste acto, representantes da xunta directiva dunha asociación que agrupa preto de 150 artistas presentaron ao alumnado as áreas de traballo desta entidade e un convenio que, sinalan, busca especialmente potenciar as liñas de colaboración con este centro. O seu obxectivo, sinalan, “é ter unha presenza máis continuada na facultade” e tratar de impulsar “unha programación de actividades conxuntas que dinamicen e fortalezan” este centro do campus pontevedrés.

Esta presentación contou coas intervencións do vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre; da ata agora presidenta de A Colectiva, Sergio Marey, e da elixida esta fin de semana nova presidenta da asociación, María X. Fernández; xunto coa vogal da xunta directiva e vicepresidenta da Unión de Artistas Contemporáneos de España, Iria Vázquez. “Un dos aspectos aos que damos moita importancia na facultade é o voso desenvolvemento posterior como artistas profesionais”, lembrou Pérez-Jofre ao alumnado, na apertura dun acto no que puxo de relevo que, se ben a creación artística parte dunha “necesidade interior” que pode levar “a espazos un pouco illados, na dimensión profesional é esencial compartir experiencias e crear estruturas e coñecementos que nos axuden a movernos”.

Nese senso, un dos obxectivos deste acto era dar a coñecer o convenio marco, cunha vixencia de catro anos e dirixido a regular a colaboración entre a Universidade e A Colectiva en ámbitos como o desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de actividades académicas, o apoio a investigadores e estudantes, a colaboración en proxectos culturais, a mobilidade de estudantes ou a defensa dos dereitos das egresadas en Belas Artes e a profesionalización do sector da arte contemporánea. Nesa mesma liña, Vázquez incidiu na “necesidade de xerar unha plataforma forte para a defensa dos nosos dereitos e intereses profesionais”, pondo o foco en que a arte é “un campo moi precarizado”. Neste punto, incidiu na importancia desta colaboración para achegar “ao alumnado que se está formando as experiencias e traxectorias de artistas e o coñecemento da realidade profesional”. Así mesmo, destacou o labor de “interlocución con distintas administracións” que leva a cabo A Colectiva co propósito de pór de relevo “o importante papel que teñen as artes a nivel social”.