DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio inserido nun proxecto de innovación de Ciencias da Educación e do Deporte

A asociación Asseii amosa ao alumnado como prever nas aulas enfermidades inflamatorias intestinais 

Na actividade presentaron os recursos didácticos que deseñaron

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 18/10/2022

Educar para previr era o título da conferencia que este martes impartiron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte integrantes da xunta directiva da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (Asseii), no marco dun proxecto de innovación educativa que busca achegar o alumnado unha serie de experiencias didácticas de carácter interdisciplinar vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Co obxectivo de dar a coñecer unha serie de enfermidades crónicas, de causa descoñecida, que afectan ao aparato dixestivo, como é o caso da enfermidade de Crohn ou da colite ulcerosa, e contribuír a súa prevención, desde a asociación deseñaron unha serie de recursos didácticos que nesta xornada presentaron nunha conferencia na que buscaban tamén dotar aos futuros e futuras docentes que se forman na facultade de ferramentas coas que detectar posibles casos en nenos e nenas.

“Levamos tempo traballando en concienciar, tanto o colectivo de pacientes como á sociedade en xeral, da importancia que ten coidarse e por iso, como non había nada feito, desenvolvemos un programa de educación e prevención sobre enfermidades inflamatorias intestinais”, explicou a presidenta de Asseii, Ángela Paz, que impartiu este relatorio xunto co vicepresidente da asociación, Víctor Loira, e a secretaria, Milagros Paz. Nunha actividade coordinada pola profesora María Lorenzo, a primeira que levan a con estes materiais, presentaron unha unidade didáctica que se completa cuns paneis informativos que inciden nos diferentes síntomas “invisibles” destas patoloxías ou en como as feces poden ser o síntoma dalgún problema non diagnosticado. Do mesmo xeito, tamén mostraron o chaleco no que representan un intestino, dirixido a poder amosar dunha forma visual que supón unha ostomía a pacientes aos que se lles vai realizar esta intervención, “coa idea que quitarlle medos e que poidan preguntar dúbidas, antes de que lles coloquen a bolsa", apunta Paz.

Formación para a detección na infancia

Como explica a mestra xubilada Milagros Paz, o obxectivo destes recursos é achegar unha serie de “estratexias e recursos que permitan adquirir unhas ideas básicas de como previr e detectar estas enfermidades, así como insistir na importancia de adoptar estilos de vida saudables”. No caso desta conferencia, o seu obxectivo era contribuír a que as futuras e futuros docentes poidan tanto traballar estas cuestións na aula como informalos directamente das características dunhas enfermidades de cara a detectar posibles casos en nenos e nenas. “Non é algo que se traballe nos centros escolares, pero cando tes un cativo que pide ir o baño moitas veces é importante que o profesor poida detectar estas situacións”, engade Ánxela Paz, que lembra que este tipo de patoloxías producen nos nenos e nenas problemas como “deshidratación, perda de memoria, problemas para concentrarse ou absentismo escolar”. 

Inserida nas actividades da materia Educación para a saúde e a súa didáctica, do Grao en Educación Infantil, esta conferencia verase continuada o vindeiro martes por un segundo relatorio, a cargo da profesora da Área de Didáctica da Expresión Plástica Begoña Paz, sobre proxectos de ambientación en espazos hospitalarios. As dúas actividades insírense no proxecto de innovación educativa, financiado pola facultade, Experiencias interdisciplinares no marco da Axenda 2030, coordinado por Lorenzo e dirixido a achegar ao “profesorado en formación” unha serie de recursos que lles permitan traballar nas aulas cos ODS.