DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa posta en marcha das iniciativas Ourense Diversa e Xogando a Todo

A asociación Auce aposta polo fomento da diversidade na súa programación

Tamén está a traballar na creación dunha horta comunitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/01/2020

“2020 preséntase moi cheo de actividades. Creo que será un ano moi completo, de proxectos de grande envergadura, e de cambios, pois non nos gusta estancarnos”. Así explica Cristina Díaz, presidenta da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE), como afronta esta agrupación o novo ano. A posta en marcha dunha horta comunitaria e de varios proxectos centrados na diversidade, por unha banda a diversidade sexual e de xénero e por outra a diversidade de capacidades, e o fomento da participación en proxectos transnacionais son algúns dos retos de AUCE para o novo cuadrimestre.

Propostas en marcha

Un dos proxectos que máis expectativas suscita na entidade, indica Cristina Díaz, é a creación da horta anunciada a principios de curso. “Estamos traballando na posta en marcha dunha horta aberta á comunidade universitaria e á veciñanza local, onde se compartirán experiencias e saberes nun contexto interxeracional”, explican desde Auce. Actualmente esta iniciativa está na fase de habilitación do espazo e de preparación de sementes, indicando desde a organización como coa chegada do bo tempo agardan comezar xa a sementar. “É un proxecto que levamos varios anos intentando arrancar. Agardamos que teña bastante acollemento a nivel xeral”, apunta a presidenta da asociación.  

No eido da diversidade Auce pon en marcha Ourense Diversa, proxecto coordinado por alumnado de Educación Social e de Traballo Social, que consiste “nun espazo LGTBIQ+, para compartir, visibilizar e aprender de experiencias vitais”. A iniciativa, comenta Cristina Díaz, “pretende ser un espazo aberto onde a xente vai a falar, dialogar, aprender, sobre as diversidades sexuais, de orientación, de identidade e demais, enchendo un baleiro existente na cidade de espazos deste tipo”. Con reunións semanais os mércores, desde a asociación subliñan o carácter aberto á participación desta iniciativa que xa deu os seus primeiros pasos a finais de 2019.

Outra das accións que se porá en marcha este mes é Xogando a Todo, “proxecto deportivo en colaboración coa Asociación ADO, na que todos os meses practicaremos na Casa da Xuventude un deporte alternativo”, segundo indican desde AUCE. Nas sesións, unha persoa vinculada á asociación explicará e guiará a práctica do deporte elixido nunha sesión na que participará xente con capacidades diversas. “Trátase de tecer redes e rachar estereotipos”, comenta Cristina Díaz.

Máis accións

Outras das liñas que intentará fomentar a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación neste cuadrimestre é a participación en accións de carácter europeo relacionadas co intercambio xuvenil e a formación. Ademais, neste 2020, indican desde a organización, tentarán dar empuxe a iniciativas xa en marcha como a Escola Universitaria de Quiddich, xogo inspirado nos libros de Harry Potter; Radio Fedello, canle de “radio libre e aberta”; Auceleando, “espazo de encontro para compartir experiencias, formular debates, intercambiar coñecementos”, e festas de dinamización universitaria. Por último, a Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou), ao abeiro de AUCE, volverá este ano a ofertar os seus cursos de monitores e monitoras de tempo libre nos meses de xaneiro, xuño e xullo.

Aínda que a maior parte dos seus membros proceden da Facultade de Ciencias da Educación, desde AUCE recalcan como “agora mesmo temos tamén xente de Enxeñaría Informática, Ciencias e Dereito”. Co obxectivo de medrar nesta diversidade de participación, desde a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación sinalan a súa confianza en que “os novos proxectos, como a horta, atraian xente doutras áreas á asociación e sigamos medrando”.