DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Laura Vicente substitúe a Cristina Díaz á fronte da entidade

A asociación AUCE arranca a súa actividade cunha nova directiva e continuidade na programación

O seu obxectivo é seguir dinamizando a vida universitaria no campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 29/10/2020

Con continuidade na programación pero cunha nova directiva á súa fronte, a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE) do campus de Ourense afronta este curso 2020/2021 co afán de continuar dinamizando a vida universitaria aínda que atendendo ás limitacións e medidas derivadas da pandemia do coronavirus. Para esta nova etapa, a entidade aposta por seguir ofrecendo o curso de monitores e monitoras de tempo libre e dar un novo pulo a proxectos xa en marcha como a horta comunitaria, a iniciativa Ourense Diversa, os equipos de fútbol gaélico e Radio Fedello.

A nova directiva, que se constituíu recentemente, está formada por Laura Vicente, alumna de terceiro curso de Educación Social, como presidenta; Carolina Brea, como secretaria, e Iván Piñeiro, como tesoureiro. Elas e el toman o relevo ao equipo liderado por Cristina Díaz, que tivo que deixar a dirección da asociación ao deixar de ser alumnado universitario. Agradecendo a confianza depositada pola anterior directiva e recoñecendo o traballo realizado por ela, Laura Vicente asume este cargo subliñando como “en AUCE non só traballa a xunta directiva, hai socios, socias, colaboradores e colaboradoras, que tamén están ao pé do canón traballando e propondo ideas e  proxectos. En AUCE traballamos de xeito horizontal e conxunto”. Este traballo, apunta a nova responsable da entidade, vese nesta ocasión limitado polas restricións e medidas derivadas da loita contra a covid-19.

Do curso de monitores a Radio Fedello

A primeira actividade posta en marcha este curso académico pola asociación foi a pasada semana unha nova edición do Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre, que forma parte da programación formativa da Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou), entidade nada ao abeiro de AUCE. O curso, de 350 horas de duración, desenvólvese durante as fins de semana dos meses de outubro, novembro e decembro e nel 25 persoas fórmanse para dinamizar todo tipo de colectivos, desde os máis novos aos máis maiores, podendo acadar ao seu remate o título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. “A pesar da situación provocada pola covid, unha vez máis o curso volveu a encher as prazas dispoñibles e incluso hai lista de agarda, o que demostra que a xente ten gañas de facer cousas, de saír da rutina da clases”, comenta Laura Vicente. Ao longo do curso académico 2020/2021, está prevista a convocatoria de novas edicións deste curso, ao igual que en anos anteriores.

A vindeira semana, a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación reunirase para pór en marcha outro dos seus proxectos destacados para este curso académico, a horta comunitaria. Esta iniciativa, lembra Laura Vicente, arrancou o pasado curso académico, pouco antes da declaración do confinamento, o que truncou o seu desenvolvemento. “Queremos retomar e darlle un empuxe a este proxecto. A horta comunitaria é un espazo onde se pode ir individualmente ou poucas persoas, ao aire libre e iso son vantaxes nos tempos nos que estamos”, comenta a presidenta de AUCE. Unha das tres persoas que a entidade conta con ter este curso en prácticas, engade, ten previsto desenvolver un proxecto nesta horta no eido da diversidade.

Tamén terá unha nova edición este curso académico a iniciativa de AUCE Ourense Diversa, proxecto coordinado por alumnado de Educación Social e Traballo Social, entre o que se atopou o pasado curso a propia Laura Vicente, que naceu como un espazo LGTBIQ+, para compartir, visibilizar e aprender de experiencias vitais. “Este proxecto, que é único no contexto de Ourense, saíu moi ben o curso pasado, tivo moita afluencia de xente e participación. Fixemos charlas, para compartir conceptos, coñecementos e experiencias, debates, visionado de películas, obradoiros...”, comenta a presidenta da asociación, que sinala como nesta segunda edición mudarán as persoas que lideran a iniciativa xa que “hai xente de primeiro e segundo de Educación Social que quere participar activamente e darlle outro enfoque”. Ademais de dar continuidade aos equipos de fútbol gaélico, que xa adestran de novo nas instalacións universitaria, Laura Vicente apunta como desde AUCE “se lle quere dar novo pulo á canle de Radio Fedello”. “A radio atrae moito a atención no curso de monitores de tempo libre, a xente gústalle moito, e queremos darlle máis saída porque ao final é unha ferramenta que temos aí e á non se lle saca todo o partido que se podería”, comenta.

Desde a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación, animan ao alumnado do campus de Ourense con gañas de participar e de dinamizar a vida universitaria a achegarse á sede de AUCE no pavillón de estudantes, coñecer a súa actividade e colaborar se así o desexan. Aínda que a maioría de socios e socias son da Facultade de Educación e Traballo Social, desde a entidade explican como está aberta á participación de estudantes dos diferentes centros. “Pódese sacar moito proveito de participar nunha entidade así. Eu, por exemplo, o ano pasado participei no proxecto Ourense Diversa, que me enriqueceu moitísimo e grazas ao cal hoxe estou en AUCE na súa equipa directiva. Participar en AUCE é moi positivo para a xente que o fai”, subliña por último Laura Vicente.